Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas dende o confinamento (V)

lunes, 31 de agosto de 2020
Bos días, personiña única.
Bos días humana imperfecta, capaz das fazañas máis altas e dos traballos máis baixos.
Bos días, ser magnífico, que exteriorizas o que sentes a través dos ollos e nas túas mans -aínda con artrose- mostras o cariño co que abrazastes criaturas.

As mans, tamén despediron. Dixeron adeus cando a gorxa rachaba coa emoción.

Bos días, muller. A que amasa o pan e muxe o leite (dicía Avilés), a que -coma o galo- ergue o día para comezar a faena. Porque sae o sol, cando ti o chamas, e vaise, se buscas descanso.

Bos días, dama de canta flor hai no xardín. Coidadora de macetas. Conversadora con plantas, que cada día atopas algunha caricia que darlle: quita unha folla seca, poda unha ramiña que estorba, dirixe endereitando o tronco principal, quítalle esa flor que pide colocarse nun búcaro, sácalle ese fillo que quere vida propia…

Bos días, raíña, da casa e da familia, do lugar e da festa. Raíña da república das mulleres nas que todas todas todas son princesas e emperatrices.
Quen máis ca ti? Ninguén!
Quen coma ti…!

Érase unha vez, unha película. Unha nena vivía nun internado onde unha muller adulta a maltrataba, as maltrataba, e un día, fartouse e díxolle a gran verdade: é que ti nunca fostes princesa para os teus? Nunca te sentistes adorada polos pais? Nunca soubestes que eras a riqueza máis grande da casa, o centro das miradas, a túa risa a mellor música, o teu nome o abracadabra, a túa presenza o resultado do enigma? E que nunca te soubestes querida? Pois si, cando medrastes pasando dun a outro colo, recollendo as miradas cariñosas de todos eles… ninguén che poderá convencer de que hai mulleres máis princesas ca ti.

Bos días, dona de corpo delgado, dicía Cunqueiro, aínda que ela perdera cintura. Dona, señora, muller, dona de si e dos que se doan cando ela fai o mesmo.

Bos días, fada. Soprando curabas as feridas, bicando desterrabas a dor,
tocando dabas calor ou abanicabas aire se o tempo era quente en demasía. Fada dos contos que contabas, dende o primeiro día; fada das palabras que ías ensartando en colares de historias, fada das letras que se ían escribindo e lendo. Fada.

Bos días, maga. Cantos milagres tes feito cos cartos ou coa comida. Como facías que os pans e os peixes se multiplicaran ti que nunca pasaras por Palestina? Como remendabas, dabas volta ou puños para que a dignidade non sufrira. Como abetunabas e coidabas os zapatos que habían durar?

Como limpabas e limpabas para que a casa brillara como patena, para que a roupa nunca tivera un lamparón, para que ata a aceira pública che agradecerá o coidado... Os teus pratos tiñan o sabor da casa e nunca puideron retomalo, fóra dela. O teu tempo multiplicábase (nunca entenderás como) para que todo estivera feito en día e hora, dentro e fóra. Mamá era unha palabra máxica, pero tamén, calquera outra, coa que che chamaban como á chuvia en agosto e ao sol no inverno.

Bos días, meiguiña, bos días. A festa era un traballo que convertías en feira. O Nadal de adornos e panxoliñas, xantares e reunión. O Entroido de orellas e filloas, flores e chulas, disfraces e, ti tamén, ti tamén, e… acababas sucumbindo ás risas. Cumprir co precepto, a procesión en Semana Santa, o percorrido arredor da igrexa nas festas parroquiais, a primeira comuñón dos pequenos, a preparación ao matrimonio, o bautizo do bebé… e as fotos ocupando mesas e anaqueis. Recordatorios, porque todo na igrexa ten a súa imaxe, o seu papel. E ti, meiguiña, podes con todo. Veña, sorrí para a cámara.

Bos días, muller, bos días. Que eles che acompañen neste calendario que semella non saír da rutina. Que a saúde vaia contigo, a toda hora, que non falte… aínda que se acompañe de pastilleiro.

Boas tardes, feiticeira.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES