Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas dende o confinamento (III)

martes, 25 de agosto de 2020
Bos días
A min paréceme que o que canta os seus males espanta. Seguro que vos sabedes máis refráns que nos dan a razón neste punto.

Hai uns días falábavos da boa actividade que é cantar, aínda que non o fagamos ben, aínda que desentonemos… Mentres cantamos facémonos un cos demais, xuntamos a nosa voz ás outras para construír unha melodía común. É algo moi bonito, ou non?

Por iso me encantan os momentos nos que isto se pode facer. Por exemplo, nas tabernas. Cando cantamos sen que teña que ser un grupo con “nome” quen o fai,cando se trata de verdadeiros cantos de taberna nos que cantan todos e todas as que andan tomando uns viños.

A xente canta en corais e noutras formacións e sempre, parece que os que non sabemos cantar non debemos facelo, para non estragar a canción de todos, pero eu vou defender o canto comunal.

Quen non se acorda dos “Catro vellos mariñeiros”?
ou daquel

“Por ir de noite caín na lama
por unha nena que namoraba.
Se en vez de noite
fora de día
eu namoraba mais non caía”

ou

“Aparta loureiro verde
deixa clarear a lúa
que estou no medio do monte
non vexo cousa ningunha.”

Está claro que teño querenza pola escuridade, igual porque cantábamos de noite, de día coas présas non era cousa de facer paradas nos lugares comúns.

A primeira vez que participei nunha xornada de “cantos de taberna” foi en Guitiriz con motivo do festival das Pardiñas. Participar é un dicir, iamos de taberna en taberna seguindo aos músicos que tocaban e cantaban buscando o apoio do público

A Universidade de Vigo demostrou ter os pés na terra, cando o seu Servizo de Normalización Lingüística publicou un cancioneiro de cantos de taberna, e todo o mundo andaba atrás del. Porque a todos e todas nos gusta cantar, e aos que o facemos mal, aínda máis, porque tivemos menos oportunidade de practicar.

Unha iniciativa que me encanta é o “Vilaxoán canta”. Nas festas do Carme, no verán, dedican unha xornada(a última) a esta actividade que xa leva unhas 44 convocatorias. Ese día, xúntase todo Vilaxoán: os que ensaiaron, e os que se apuntan a un bombardeo, e cantan todos xuntos. Hai algo máis participativo? Algo máis popular? Seguramente estades comigo en que a festa dura todo o ano, porque cada vez que se xuntan para ir ensaiando, xa gozan. E tamén na afirmación de que non debe custar moitos cartos (todo o máis pagaranlle a alguén que dirixa minimamente) e sen embargo é o máis activo que coñezo, dinámico para todos e todas, non para os futbolistas do partido nin para a orquestra que toca sobre o gran camión diante dun público (sempre escaso) que nin baila, porque aquilo semella un espectáculo, non un grupo que toca para que os demais bailemos; así que todos parados, apoiados na barra de madeira do bar da comisión, mirando para a xentiña que fai garatuxas no palco.

A perversión do baile tropical que veu a visitarnos, porque ese propio baile é do máis participativo que coñezo.

Esta (Vilaxoán canta) é unha das festas que eu estendería, e non as medievais que leva unha empresa de vila en vila, nin as gastronómicas que están pensadas para os de fóra que veñen a fartarse.

Por iso, inventemos un festival ou o que queirades e cantemos como bailaban as medievais, cando dicían:

“Bailemos nós, todas tres, ai amigas”
E bailemos, se nos prace!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES