Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cartas dende o confinamento (I)

miércoles, 19 de agosto de 2020
Cartas dende o confinamento son unha serie de seis cartas que escribín a petición de alguén que pediu colaboración dende un hospital. Tratábase de enviar unhas palabras a algunhas persoas, especialmente maiores, que se atopaban ingresadas no tempo máis duro da pandemia. Púxenme á labor pero non é doado escribir a alguén que non coñeces e, polo tanto, non sabes o que precisa escoitar. Case acabas falando contigo mesma.

Vai a primeira...

Bos días, porque son bos dende o momento no que podemos dicilo.
Nunca foramos tan conscientes do valor de estar aquí e poder saudarnos, poder comunicarnos, da maneira que sexa… todas elas son válidas.
Bos días, cada día que podamos seguir saudándonos.

A película de Cuerda titulábase “Amanece que no es poco” e nós non lle dábamos a importancia debida a ese feito. Amañece e podemos velo. Nace o día e saúdanos tamén, chéganos a súa luz que pode quentarnos a pel do inverno, esa luz que lle dá alegría ás cousas sobre as que se pousa e nos permite velas con toda a beleza.

Esteamos onde esteamos é bo saudar o día, a ser posible cun sorriso, porque el veu e nós estamos aquí para recibilo.

Estamos aquí, permanecemos, aínda pechados neste tempo de reclusión que nos defende dun virus, da inconsciencia dos que poderían contaxiárnolo, de nós mesmas que igual non cumpriamos con todas as medidas necesarias para non infectarnos. Cada vez que saio á rúa volvo cansa, esgotada dese esforzo por mirar cada cousa que toco, cada paso que dou, cada acción de limpeza imprescindible… a verdade é que respiro con dificultade coa mascariña, que se me empañan as gafas e que teño ganas de quítalo todo e berrarlle ao farmacéutico que se aproveita da situación ou ao supermercado que sube os prezos sen ter en conta que igual hai xente á que lle custe moito traballo chegar a pagalo; pero sei que hai que resistir, hai que aguantar ata ese momento no que podamos saír, de novo, a cantar as verdades ou cambiar de comercio ou chamar polo seu nome aos que negocian co que non se debe.

O importante hoxe é resistir. Non pola canción, senón pola vida, porque cando temos unha certa idade sabemos que detrás de días escuros veñen outros, que nos compensan por todo o mal pasado. Sabemos que a vida sempre vale a pena, que cada día é un milagre que hai que aproveitar, porque o extraordinario é estar vivos, estar vivas. A partir de determinada idade estamos preparados para agarrarnos a calquera man, para asirnos á vida, a recoller cada acto de boa vontade, a devolver cada caricia, cada mirada sincera.

Dende sempre sabíamos que non eramos inmortais, pero de novos non o dabamos crido. Eu, de meniña, quería convencerme que aínda que morreran todos os que me rodeaban eu ía quedar, a min nada me podía pasar e así convertinme nunha supervivente, que vin como se ían meus dous irmáns e meu pai antes de cumprir os catro anos.

Criámonos invulnerables, agora sabemos que non o somos, e por iso apreciamos máis cada instante que a vida nos agasalla, agradecémolo e vivímolo con toda a forza que temos.

Traballamos moito, a nosa vida non tivo moito descanso. Non nos permitimos desistir de nada e agora tampouco. Agora debemos continuar cos traballos de cada unha de nós. Non son os de Ulises, non, os nosos son máis sinxelos, pero manterse vivo xa é un bo traballo, igual o mellor de todos, manternos vivas e axudar a que os demais o estean tamén, axudar a que ninguén desista deste empeño, que se sinta a gusto e queira continuar.

Hoxe cantemos. Busquemos un karaoke do Xabarín, ou unha canción que todos sabemos porque compartimos tempo. Cantemos con toda a forza.

Cantemos ata cancións de misa, se non compartimos outras, pero cantemos, porque o que canta os seus males espanta e nós queremos espantar “ese bicho que se vai ir se non nos ve”, como dicía unha pequena. Cantemos todos xuntos ou por grupos.

Cantemos as cancións que nos trouxo a tradición, aquelas que cantaron outros antes ca nós e nos unen a eles, a todos os que dende a noite dos tempos estiveron aí repetindo as palabras con ritmo, nun elo que agardamos sexa eterno.

Que vos preste a música!
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES