Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que define o éxito?

lunes, 17 de agosto de 2020
Máis dunha vez teño sentido que cousas que para min eran exitosas, para outra xente non o eran, e viceversa. Aí entran gustos, perspectivas, intereses... ó fin, diferentes criterios. Pero se a nivel particular podemos inferir todos eses flecos que fan diversa a resposta, podemos facelo asemade a nivel social? E con algo relacionado coa economía?

Estamos xa afeitos ós rifirafes partidarios onde un grupo cualifica algo como éxito mentres que outro partido o cualifica de fracaso, mentres nos preguntamos se se están a referir ó mesmo, obviando que os criterios non teñen por que ser os mesmos -deberan, para aclarármonos-, e moito menos aínda, teñen por que ter o mesmo interese en dicir a verdade -cada vez máis, asúmese a mentira sen máis-. Aínda así, suponse que hai actuacións con resultados medibles, e no ámbito económico, parece que os resultados medibles serían un seguro contra esa posible, asegurada, dicotomía de pareceres. Ao menos, para limar diferenzas. Evidentemente, non ocorre así. Mesmo cando hai resultados numéricos, a interpretación pode ser radicalmente diferente por moitas razóns: sexa que os datos se comparan con outros conxuntos de datos que son diferentes para cada xuíz (poñamos, uns escollen para comparar datos moito mellores e outros moito peores), sexa que hai quen colle a media para dicir que todo vai máis ou menos ‘avanzando’ mentres outros collen a dispersión ou a mediana para dicir que ese avance só beneficia a unhas poucas persoas do conxunto social, sexa...

Parece pois que todo éxito estaría sometido á relatividade. Aínda lembro unha campaña turística cun lema/hashtag, #Ribadeoxqsi, que nas procuras en internet tiña moitos menos resultados devoltos que o nome do alcalde ou que o meu, a máis de ser usado polo mesmo concello ás veces con i e ás veces con í. Foi cualificada de éxito, mesmo no seu lanzamento, aínda que nunca vin nada, nin daquela nin despois, que o xustificase.

Ven o anterior a conto da nova app da asociación do comercio ribadense, ACISA. Comezou sendo anunciada en prensa en febreiro para a súa disposición en marzo, e por fin foi presentada o 3 de agosto con participación institucional. Tres días despois, unha nota da asociación de comerciantes indicaba que fora descargada 400 veces e era coñecida por 20 000 persoas. Ou sexa, un éxito. Se non fose porque non teño nada claro como mediron o coñecemento por 20 000 persoas, e se a relación é de 400 descargas por 20 000 persoas, significa un 2% de penetración na zona de maior influencia de Ribadeo, a que de xeito lóxico antes se apercibe, o que non parece moito éxito en si. A iniciativa, moi convinte dende hai tempo e practicamente imprescindible nos tempos que vivimos, chegoume, antes que pola nova de súa posta en marcha, polas críticas. Cousas como o rexistro obrigado con cesión de datos a terceiras partes, un aviso legal antes en inglés que en castelán e quizais interpretable de xeito lixeiramente diferente, ou non ter a axenda de eventos do concello, mellorables na próxima versión aínda que non sexa xa unha beta de proba, súmanse outras que poderiamos chamar estruturais. É dicir, outras cousas como que hai máis comercios que non están en ACISA pero si en Ribadeo, e cuxo movemento beneficia a todos, incluída a posible competencia en ACISA, ou a propia idea de saída, que se pode ler no cartel da presentación, app ‘da hostalería’ (primeiro) ‘e o comercio’ (separado, despois) de Ribadeo. Así as cousas, parece claro que pode ser un ‘éxito’, pero non abondar como tal éxito.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES