Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando o ministro Fraga Iribarne se opuña á música lixeira extranxeira

lunes, 17 de agosto de 2020
Foi por volta de mediados da década dos anos oitenta que o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, que dirixía servidor, deu a coñecer unha iniciativa para galeguizar as festas populares. Nun primeiro momento buscouse nos alcaldes o apoio ao decálogo de medidas propostas, manifestando reticencias a dous puntos: a) o relativo a substituír a interpretación do himno nacional polo noso, con música de Pascual Veiga e letra de Eduardo Pondal. Parecíalles que podería dar lugar a graves conflitos coa Igrexa tan acomodada á doutriña do nacionalcatolicismo; e b) esixirlles ás orquestras que unha porcentaxe do repertorio fose interpretado en lingua galega.

A substitución dun himno por outro, aos rexedores municipais parecíalles unha provocación innecesaria.Co paso do tempo, e despois de moita pedagoxía empregada, a interpretación do himno galego na eucaristía hoxe está maioritariamente xeralizado e aceptado por todos.

Incluíanse no decálogo outras medidas como o respeto polo uso da bandeira galega, que deica entón tiña presenza subalterna fronte á española que se despregaba con gran profusión e de grandes dimensións nos campanarios das igrexas. Tamén se solicitaba á galeguización da liturxia da misa maior do patrón ou patroa da parroquia. Apelábase ao uso correcto da toponímia do lugar de celebración da festa e da lingua galega na cartelería impresa. Pedíaselles ás comisións de festas á exaltación da identidade territorial, é dicir, do patrimonio material e inmaterial da parroquia como un atractivo máis do programa festivo.

As resistencias ao programa das Mil festas máis para a lingua galega, que así chamamos á campaña galeguizadora, foron en moitos casos ostensibles. Un sector das orquestras consideraban que esixirlles que versionasen parte do repertorio en galego era unha imposición inadmisible. Houbo que insistir moito para desmontar aqueles prexuízos dos músicos. A tal fin, contando coa colaboración dunha orquestra, editamos un disco de longa duración con ritmos de música lixeira de moda entón,versionada en lingua galega que espallamos polas emisoras de radio buscando nestes medios a súa colaboración. E, xaora!, despois de moitas conversas convencimos a unha asociación de orquestras para facer unha demostración pública e podermos demostrar a viabilidade de facer verbenas en galego.

Para os que aínda hoxe lles pareza que esixir a galeguización do repertorio e programación de grupos de música tradicional impoñendounha porcentaxe, cómpre que lles recordemos que sendo Ministro de Información e Turismo Manuel Fraga Iribarne ditou unha Orde con data 19 de decembro de 1968 “sobre difusión de música en las emisoras de Radio y Televisión” (BOE núm.11 do 13 de xaneiro de 1969). Esta disposición ministerial quería poñer cabo a unha invasión alarmante de música anglosaxona en detrimento da propia.

Dicía a Orde (traducimos ao galego o texto): “A introdución masiva de música lixeira estranxeira e de composicións cantadas noutras linguas nos programas habituais da Radio e Televisión, que na actualidade acada xa no primeiro destes medios volúmes excesivos, aconsella a adopción de certas medidas restritivas. Hai que sinalar a necesidade inmediata da configuración dun cadro de disposiciós que evite a estranxerización crecente dos espazos musicais”…

A Orde ministerial na disposición 1ª establecía que un 40% das composicións de música lixeira, vocal ou instrumental deberan pertencer a autores españoles ou hispanoamericanos. A disposición 2ª era máis precisa: “A programación incluirá cancións interpretadas en español OU EN CALQUERA DAS LINGUAS ESPAÑOLAS FALADAS NAS DIFERENTES REXIÓNS DO NOSO PAÍS”.

Cales eras as porcentaxes establecidas. Pois estas: “A partir dos vinte días da publicación desta Orde, deberá chegar ao 65%. Dous meses despois deberá chegar ao 65%; e a partir do 1º de marzo de 1969 ao 70%”.

Con estes antecedentes, e tendo en conta que a Constitución española no seu Preámbulo establece a protección das linguas do Estado;da mesma maneira que o fai o Estatuto de Autonomía de Galicia, explicitando que se potenciará o galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e que a Lei de Normalización Lingüística concreta máis polo miúdo, galeguizar as festas e garantir a presenza de grupos de música tradicional é uha necesidade para a pervivencia do noso. Para que isto se cumpra, cómpre que comecen dando exemplo as organizacións de festas dependentes dos concellos dean exemplo para que as das parroquias as secunden.

Grazas a aquela Orde ministerial foron moitos os cantantes de sona que naqueles anos gravaron discos con composicións en lingua galega. Pero disto e das accións da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística falaremos na próxima colaboración.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES