Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E viñeron os gobernos...

viernes, 14 de agosto de 2020
Aló polo século XVII, encontrámonos cun filósofo inglés, Thomas Hobbes, que dedicou algún tempo a convencernos de que o “home era un lobo para o home” (HOMO HOMINI LUPUS). É dicir, o home é malo por natureza, dinos o filósofo, que escribiu o LEVIATÁN, no que expresa a necesidade de someterse a un forte poder para protexerse uns contra os outros, facendo referencia ao mostro bíblico, para xustificar a existencia do Estado.

Pero viñeron os gobernos…!!, e agora puxéronse a investigar Daron Acemoglu e James A. Robinson: O primeiro, catedrático de Economía do MIT (Instituto Técnico de Massachusete), e J.A. Robinson, tratadista de Política e Economía, na Universidade de Chicago, ambos buscan espazo ao estudo da liberdade necesaria, única maneira de afastarse do salvaxismo natural do home, que explican na obra “El pasillo estrecho”.

Non parece que caeran eles, non obstante, nese optimismo natural de Jean-Jacques Rousseau, quen, polo contrario, sostivo que a nosa especie é bondadosa e pacífica de maneira natural. Precisamente o que a corrompe é a mesma sociedade. Así o sostén, como é sabido, na súa obra, ÉMILE, na que propón educar este personaxe para vivir na sociedade corrupta. E nada estraño debe de resultarnos isto, posto que, incluso, hoxe en día, ofrece unha versión persoal do salvaxismo hobbesiano, froito da súa investigación, o antropólogo cultural Napoleón Chagnon, na Universidade de Missouri, Colombia, e, pola súa parte, Derek Freeman, investigador neozelandés, non vacilou no intento de confirmalo; pero outros estudosos están en liña, máis ou menos, co que di Rousseau no Émile, como evidencian os axiomas do xacobismo, do mesmo socialismo utópico e “científico” e dalgunhas formulacións programáticas da esquerda, para verificalo, que afirman que o home só é bo fora da lei, a cultura e a civilización, aínda que os datos lles quiten a razón. Pero digamos un pouco máis, a este respecto, dos autores da obra citada.

“El pasillo estrecho”, obra na que afirman que hai sociedades nas que os súbditos do que eles chaman “Leviatán despótico” aceptan a represión política como garantía de seguridade nunha certa orde, e a “gaiola de normas”, para si mesmas. Pero tamén introducen o mito do “Leviatán encadeado”, que proporciona unha orde menos represiva social e economicamente que a “gaiola de normas”, e así mesmo menos represiva politicamente que o “Leviatán despótico”. O espazo delimitado e amurallado polo aparato estatal e a sociedade, ven a ser o lugar onde cren que xorden as tensións entre ambos (pero tamén as cooperacións, ás veces), e aquí sitúan o exercicio da liberdade os autores, entendida como equilibrio entre as demandas que mutuamente se fan o Estado e a sociedade, destacando que a liberdade no é algo natural, nin é xeneralizada, e raramente se encontra na historia.

Sírvanos, pois, todo o que deixamos escrito como testemuño de que estas dúas correntes teñen tradición no pensamento antropolóxico e persisten na actualidade, e, cando menos, xustifican ser aproveitadas como fundamentos hermenéuticos dalgúns avatares políticos na actualidade. Si…, viñeron os gobernos, e puxéronse a exercer as súas competencias estatais, máis ou menos lexítimas, intentando situarse nese corredor estreito entre o Estado e a sociedade, para regular toda clase de liberdades, e establecer un equilibrio entre as tensións de ambos. E o mesmo tempo controlar eses impulsos atávicos (Hobbes), agochados no subconsciente, facendo os tales gobernos de “leviatáns” disimulados en diferentes modalidades, mediante o establecemento das “gaiolas de normas”, moduladas ao xeito do propio interese e gusto.

Ben. Non procede negar a importancia e ben facer dos, absolutamente necesarios, gobernos; pero tampouco ocultar os desastres históricos que produciron e producen, en liña paradoxal coas súas obrigas, porque está historicamente demostrado que ese mostro, o Leviatán, reflíctese nos mesmos gobernos, levándoos, ás veces, a quebrar o equilibrio que deben manter, e converténdose, por moitas e variadas razóns, en verdadeiros perturbadores da paz social. Pero tamén nosoutros, os cidadáns, pola nosa parte, acusamos un certo salvaxismo, que non deixa de contribuír a conceder algún valor a filosofía hobbesiana, é dicir, as tendencias atávicas parece que aínda están prontas a devir RECIDIVAS – e utilizo o termo médico intencionalmente –, xa que, cando menos se espera, fan acto de presenza na nosas sociedades, e se o dubidan, pensen nos chamados e incontrolados “delitos de xénero”, que pese a esta discutible definición, nela intuíse o matiz selvático.

E sen estendernos noutras perspectivas que todo isto nos ofrece, reflexionemos aquí, unha vez máis, nas consecuencias que pode ter elevar á presidencia dos gobernos a persoas incompetentes, sen experiencia e capaces de tomar ao garete cuestións esencias do Estado. Digamos claramente, polo que nos afecta, que esta lamentable situación de España, na medida en que se puido evitar (excluíndo o imponderable), buscada por un cúmulo de insensateces, incluso de persoas ilustres noutra orde de cousas, esixe non un “corredor estreito”, senón o suficientemente amplo para que a sensatez caiba dentro del, volva a competencia ás cabezas reitoras e frutifique a serenidade nas demasiadas veleidades sociais.

O “sentidiño” aconsella manter pertinentes precaucións con Hobbes e perspicaces cautelas con Rousseau, aquí en España, onde parece que seguimos fincando os dentes na debilidade senil da dignidade pasada, en vez de despachar un consolador agradecemento, aproveitando intelixentemente esta oportunidade de fortalecer a nosa propia; certamente, moi necesitada!.

Pero non esquezamos que a historia deste noso País está salpicada de arrogantes, pedantes e desairados “coletazos”, e que os hipocritamente achegados aos herdeiros rousseaunianos non reparan en aliarse cos hobbesianos, en paradoxais actitudes, xa que a RECESIÓN que aconsellaban a outros gobernos, propiciada por eles mesmos, van a tela hoxe baixo a súa responsabilidade, que, como é habitual neles, rexeitarán, e pendurarán no cocote do primeiro adversario político que encontren a man.

Lembremos, pois, que noutro artigo dicíamos que tamén ao pobo lle convén estar sempre, nestes lides, á espreita, e agora máis, porque ós pícaros deulles por xogar a grandes estadistas virtuais, acantoando os reais, mentres a maioría dos cidadáns seguimos espurrando neste fedorento ambiente do infantilismo irresponsable.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES