Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha manda de pezas para Isaac

viernes, 14 de agosto de 2020
Unha manda de pezas para Isaac O 22 de agosto cúmprese o centenario de Isaac Díaz Pardo.

Dende diferentes puntos de Galicia van aparecendo iniciativas que queren lembralo e, dalgunha maneira, resarcilo da inxustiza que rodeou os seus últimos tempos.

O mundo das propiedades e dos negocios é complicado, nunca sabemos ata onde podemos agardar comportamentos rexidos polos valores da dignidade. De todas formas, cando se trata de empresas como Sargadelos que non era simplemente unha fábrica de louza senón un proxecto cultural e de país, que avanzaba cun laboratorio de formas, unha editora, un museo, unha tenda - libraría - casa de cultura con sala de exposicións... estamos a falar doutra cousa. O creador, que estaba detrás de cada edificio e máquina,
organización, deseño de mobles e louza, incluso do papel con que se embalaban as pezas... é apartado da dirección da compañía e expulsado do lugar no que estaba instalado con todos os significantes e significados: o IGI (Instituto Galego de Información).

Foron tempos escuros nos que asistimos ao derrube dun dos nosos sinais de identidade máis fortes, e tivemos que ver como se cometía un atropelo con alguén que fixera moito por Galicia. Ademais, era maior, por iso toda a indignidade dese roubo (que era legal) tiña máis carga de crueldade. A mediocridade non perdoa, nunca o fai.

En 2012 Isaac morreu. Agora, oito anos máis tarde queremos rescatalo. Cada un á súa maneira. Unha delas é a de Alento esbravexo, un grupiño de persoas que un día decidiron escribir un documento co que convocar á sociedade civil a agasallar a Isaac.
Dicía así.

“O motivo.

Neste 2020 conmemórase o centenario do nacemento de IDP.
En que casa non temos unha das súas pezas? Quen non agasallou cunha delas ou cun dos libros de Ediciós do Castro? Quen non gozou dalgunha das súas tendas, galerías de arte, casa da cultura? Quen non sentiu orgullo da fábrica de Cervo, do Castro ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside?

Quen somos.

Alento esbravexo. Un grupo de persoas, que non queremos deixar pasar esta data sen ofrecer a nosa contribución e a de todas aquelas, dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración.

Somos sociedade civil, con toda a humildade e a grandeza, disposta a seguir
recoñecendo a un dos nosos. El foi un expoñente representativo desta cidadanía activa sempre en disposición de botar a andar, cando foi necesario.
Convocámonos ao redor desta figura que representa en moitos aspectos (arte, artesanía, edición, empresas culturais e investigación a prol de recuperar a memoria) unha boa parte do século XX galego, e poñemos en marcha esta tarefa colectiva.

Como participar

Sen financiamento, sen promesas de exposición nin publicación, sen nada fóra do traballo xeneroso -que unha vez máis se nos pide- saímos ao camiño procurando esa flor que pode chegar en calquera modalidade de expresión (obra plástica dixital ou dixitalizada, palabras nun escrito, peza artesanal, traballo sobre unha obra del...) porque todo é válido se o facemos pensando no polifacético Isaac e a súa contribución á Cultura.

Cadaquén pode inspirarse en algo relacionado co homenaxeado (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha peza cerámica, etc.). Tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo.

Data de entrega

Estabelecemos como data límite de entrega o 13 de agosto de 2020.

Que faremos

Con todo o material recibido tentaremos facer algo (virtual ou non, dependendo da situación): un libro, unha exposición,... Todas as achegas artístico-literarias serán floriñas arriquecedoras, arrecendentes de xenerosidade para Isaac.

+ Información

Se precisas máis información e se queres participar, mándanos un correo a: alentoesbravexo@gmail.com . Benvida/o sexas a este traballo colectivo!”

Unha vez enviada a comunicación aos contactos e aos medios de comunicación, comezaron a chegar pezas procedentes de diferentes lugares (ata de América, Asia e Oceanía), produtos moi diferentes (textuais, artísticos dos diferentes ámbitos, artesanais...), lembranzas ás que acompañaba unha imaxe, fotografías de pezas de Sargadelos que formaban parte do fogar propio coa explicación do como chegaran ata aí...

Abriuse un bloghttps://mandadepezasparaisaac.blogspot.com onde ir colocando unha peza por día, alternando cada unha das manifestacións.
Máis de cen pezas, máis de unha por ano, foron chegando, porque a xente recoñece aos seus e está disposto/a a entregar un agasallo.

Quen dixo que a nosa cultura era subvencionada? Aquí está a demostración do contrario. Máis de cen persoas, nun tempo récord, ofreceron a súa creatividade a cambio de nada, porque este é o país das marabillas. Si, que ninguén o dubide, o país das marabillas loitando co dos ananos. Porque se ben cando Celso Emilio Ferreiro escribiu a Viaxe ao país dos ananos non mentiu porque os coñecera na emigración, tamén é certo que na emigración estaban outr@s que formaban parte do país das marabillas:@s que crearon a Real Academia Galega, o himno e a bandeira, @s que ergueron as Escolas na aldeas, as Sociedades Agrarias e tantas outras estruturas e infraestruturas que permitirían avanzar ao país.

Silenciosamente, o país das marabillas vai soñando. Del, tamén forman parte @s da alba de gloria ou parroquia de mortos/as con Díaz Pardo e tod@s@s demais que forman parte da compaña.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES