O Centro Cultural de Vilalba
Xiz, Xulio - martes, 22 de abril de 2008
Desde hai ben anos son socio do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, ese que ten a sede entre o vello Muiño do campo da Feira e a Casa do Concello, e que leva moito tempo sendo punto de referencia e de xuntanza para moitos vilalbeses.
A verdade é que nunca entrei nel en cualidade de socio, porque sempre que vou a actos alí están abertos ó público, polo que entro como participante nalgunha actividade. Aínda así, desde lonxe, son socio e pago anualmente a miña cuota porque entendo que un centro coma este ten que ser apoiado por todos, esteamos ou non en Vilalba para utilizalo.
O Centro cultural supuxo un tremendo esforzo de moita xente, que traballou para conseguir constituir a sociedade, para construir o edificio, para poñelo en funcionamento.
Era un centro democrático, que se contraponía a un vello Casino que estaba chamado a consumirse porque marcaba diferencias entre vilalbeses. Ese Casino estaba situado nos baixos onde, precisamente, está agora a emisora de Radio Popular de Vilalba.
Nunca nel entrei. O meu nivel vilalbés non era para entrar no casino, polo que só falo de oídas. Pero o Casino é pasado lonxano, mesmo físicamente porque o edificio que se asomaba á Alameda e á Carretera desapareceu para sempre.
No Centro cultural entra todo o mundo, pode ser socio calquera, e supoño que coma min moitos de fora participan e colaboran.
Pois como socio veño de recibir a convocatoria dunha asamblea xeral extraordinaria que se vai celebrar o vintecatro de abril ás oito e media da tarde, en virtud de acordo do pasado quince de febreiro, e aténdose ós Estatutos da Sociedade.
Preténdese que na reunión deste próximo xoves se presenten candidaturas para a renovación da Xunta Directiva, e que se vote entre as que se presenten.
Pero tamén se indica que, no caso de non existir candidaturas, hase votar a liquidación da sociedade segundo se prevé nos Estatutos da mesma.
Só pensar nesa posibilidade cáusame tristura, porque baixo ningún concepto debe pensarse que o centro pode desaparecer porque non haxa quen se faga cargo da Xunta Directiva.
É ben sabido que este tipo de cargos é de dificultoso desempeño, e que hai que ter moita vocación para meterse en estas camisas de once varas, nas que se todo vai ben se entende que é porque a sociedade marcha sola, e se vai mal é porque a directiva non sabe o que fai.
Sei tamén, por experiencia, que cando unha persoa ou grupo de persoas se mete a traballos deste tipo quédanlle encomendados na práctica a perpetuidade, porque todo o mundo se acomoda a que alguen lle solucione os problemas. De feito, Alfondo Baamonde debeu cumprir algo así como cinco trienios de presidente desa casa nos que traballou arreo e quedou canso.
Eu espero, polo ben do Centro Cultural e de Vilalba, que un grupo de vilalbeses e vilalbesas se faga cargo dos destinos do noso Centro Cultural e Recreativo. Polos esforzos dos que o crearon, polo traballo desenvolvido en todo este tempo, polo papel que xoga e está chamado a xogar animando a nosa vida cultural e social, por Vilalba.
Este é un traballo para xente que sinta a Vilalba. Seguro que a ten que haber, seguro que a vai haber.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora