Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

José Cao, tradición revisitada. Un escultor canteiro.

lunes, 10 de agosto de 2020
Un tallista que segue a mirar os santos da igrexa parroquial.

A volta ao románico que nos identifica. O barroco entrando para quedarse, dende os Séculos Escuros ata os decretos que eliminaron a lingua; na pedra, a pegada dunha identidade granítica que chama pola auga para reflectir o mundo.

José Cao, tradición revisitada. Un escultor canteiro.José Cao defínese como escultor, pero tamén como labrego, porque o foi. Vén do rural, de familia humilde e edificou a súa en Compostela, ao coñecer a Carmela cando pasa por diante do obradoiro no que el traballa. Estudos na Escola de Arte Mestre Mateo, traballo nun taller de madeira ata que topa con Asorey que lle dá clases de modelado, comeza a ir polo seu obradoiro e déixase convencer para matricularse en pedra ata rematar traballando co mestre. Aí aprende a arte de labrar o granito, facéndoo beber da tradición, para falar a linguaxe actual. Recoñece e valora aos seus mestres (O Mestre Mateo e Asorey) aos que reproduce sempre que ten ocasión.

Un problema de expropiación dos terreos mercados con hipoteca para casa e taller, obrígano a emigrar e achéganlle un pouso reivindicativo que transmite en moitas obras de forma moi evidente. Como alumno avantaxado, ha de volver un tempo, para realizar unha peza que lembre a Asorey en Cambados, A Naiciña, a imitación da feita polo mestre en madeira policromada. En Londres tamén será recoñecido cando modela un busto de Churchill.

Volve á casa, a Santiago, e recomeza de novo, facendo figuras comerciais do Quixote e o apóstolo en madeira para sobrevivir, pero deseguida se centra no seu: a pedra, e vai desenvolvendo un estilo propio que partindo do clásico en mesas con bancos, cruceiros, chemineas,pozos, carros de vacas, lareiras, fontes, reloxos de sol... vai introducindo o seu estilo, enxertando unha serie de símbolos que falan de sincretismo multicultural pero tamén de volta ás raíces, vainos enchendo de elementos que os barroquizan e/ou primitivizan, deixando esa pegada de obra sempre inacabada que nos lembra Os Eidos do poeta do Caurel, sempre a darlle voltas aos mesmos versos: unha forma de vida.

Así, Cao, traballador incansable,vai reproducindo ese mundo rural a través dasgrandes pezas que nos caracterizan pero tamén de obxectos diversos relacionados co mundo labrego e mariñeiro: os cestos, os animais, as plantas, os potes, os cogomelos, as cunchas, as flores, as ferramentas (especialmente a maceta que define aos escultores), pranchas, muíños, carros, hórreos, cruceiros, lareiras, escenas do mar e da terra ou os traballos (lavandeiras, ferreiro, serradores, carpinteiro, músicos...)cun longo etcétera onde entran figuras coma os santos, persoas en diferentes situacións, os traballos do campo, o polbo no caldeiro, a sella, o cesto cos instrumentos do liño ou o pote. O seu é un working in process, a obra sempre inacabada. Sei que o fillo vai inventariando cada peza pero esta cambia cando volve, porque o artista segue coa maceta na man a engadir algo máis, nun traballo sen fin, coma os de Hércules.

Retornar ás formas toscas e primitivas, ás rústicas que foxen dos acabados pulimentados das superficies lisas, redondear as arestas desertando da cantería para volver á natureza escapando das feituras xeométricas, puras e regulares. Ese aspecto de obxectos inacabados con caras desprovistas de trazos, de tallas con case total ausencia de detalles.

Unha tipoloxía de obras, que lle son moi propias, son os cadros onde reproduceescenas rurais a modo de relevos: a vendima, os mariñeiros faenando, a procesión, o muíño, os xogadores de cartas, a casa con alpendre ou a escola(na que o uso didáctico lastima a obra). E disto temos que falar, Cao sente a inxustiza en propia pel e asume a defensa de determinados valores e a crítica das inxustizas e de todo aquilo que el considera negativo. A expresión artística é a súa canle e así como mostra o seu imaxinario tamén se empeña en evidenciar a súa postura ética, pero non se fía da capacidade de lectura do espectador, polo tanto escribe carteis ou frases na propia peza que aclaren o que el pensa e se afana en transparentar. Esa parte da súa obra, pode ser o máis difícil de defender, dentro dos límites da arte actual.

Esa moralexa ou ensinanza, que manifesta con palabras para facela máis contundente, para dicir a súa verdade tamén dende a fala porque desconfía de que a materia plástica sexa suficiente. Cao puido ser o continuador de Asorey, como o demostrou na reprodución das pezas de madeira que el pasou a pedra (A Naiciña ou O tesouro); puido facer evolucionar o seu estilo no tempo correspondente, pero o mal fado mirouno de fronte e revolveu o espírito sentíndose inxustamente tratado. Ai, a xustiza, o primeiro sentimento ético, a primeira rebeldía que fixo que a pedra de Balbino fora polo aire ata dar na fronte de Manolito. De aí a crítica aos xuíces, creo que o único caso onde os reproba a todos, sen distinción, retratándoos no berce, coma nenos egocéntricos que so pensan en si mesmos. E, a condena continúa por outros derroteiros como a burocracia, os touros ou as adicións.

De Cao, tamén nos quedamos coas composicións con pedras naturais, cando escolle unha pedra do monte porque lle lembra algo e a deixa así ou lle engade algo máis ou a labra ou grava para completar a imaxe. Utilizar esas pedras nativas como elemento escultórico, arte encontrado, igual que fixera Duchamp cos artificiais, é outra das características dunha parte da súa produción. As pedras con outros materiais introducidos, dende as pedras traballadas ata metais, cristais, madeiraou restos da protoindustria (ferramentas como rodas, marcas de coche, chismes da luz...) ás veces por unha cuestión planificada como nas obras coas que recibe a cada un dos seus netos e netas, nas que a madeira e a pedra se complementan (tal vez para darlles aquilo que o define, que é el nos días e os traballos). Outras veces son obxectos reaproveitados, reutilizados, que une aos traballados, coma uns pendentes que son espirais de metal para colocar a unha figura feminina.

Unha obra que toca o relixioso pero tamén o transcendente que vai máis alá da igrexa e a súa imaxinería. A presenza do sol e da lúa en moitas pezas(esa dicotomía de dourado e prateado, día e noite, masculino e feminino,...), ese principio e fin que se representa nos cruceiros coa virxe co neno de costas ao cristo crucificado e morto; espirais que se van abrindo para unha evolución inacabada, flores que coma petroglifos van aparecendo para facer máis amables os días...Unha obra cunha inxenuidade que nos fai pensar nos primeiros días cando a virxe lle ensina a flor ao neno, cun abigarramento de elementos que van enriquecendo o primixenio.

Hai miradas que o caracterizan como esa que pousa nos nenos e nenas, a nena coa boneca que nos remite ao expresivismo de Picasso ou os nenos que xogan ao lorcho ou que se botan a soñar montados en cabalos de cartón coma no poema de Machado.

Ás veces, introdúcese a actualidade e aparecen obras que me lembran as de Virxilio cando andaba por Alemaña, pezas nas que aparecen bicicletas ou músicos tocando o saxofón. Outras faise presente o abstracto nunha amálgama na que podemos adiviñar varios obxectos nun ou aqueles que queren mostrar momentos históricos. Un día, poderemos saltar sobre o didactismo colocado nos textos das obras que ademais adoptaron outra lingua na que el non falaba, algún día, alguén nos permitirá colocarlle bos títulos ás obras ou deixalas nun s/t e a creación adquirirá o nivel que estivo aí dende sempre, agachado entre a multitude de produción que se estorbaba enchendo de ruído a composición, sen permitir que cada unha delas respirara o aire que precisaba para medrar e mostrarse. Algún día falarase de José Cao, como tradición revisitada.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES