Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Gonzalo... a derradeira pinga non esvarou...

martes, 22 de abril de 2008
O día 18 pasado presentouse nos locais da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa o libro “Los arousanos por el mundo: Nós tamén fomos emigrantes” do compañeiro e camarada Gonzalo Bouza-Brey. Trátase dun libro que recolle historias de mulleres e homes de Arousa que tiveron que emigrar, uns obrigados polas circunstancias de non caer nas garras dos fascistas naquela “longa noite de pedra”, outros por iniciativa propia.

Persoeiros que tiveron un aporte cultural, político, económico, literario e deportivo naqueles países onde emigraron en especial a América. É un libro moi interesante para aqueles que teñan inquedanzas sobre a memoria histórica arousá, un libro de consulta e moi didáctico, cunha orientación ás conciencias actuais de coñecernos a nós mesmos do que somos e do que foron os nosos pais e avós. Deste país como é Galicia de milleiros e milleiros de emigrantes ao longo dos anos; o título é moi significativo, marca o principio de algo moi fondo da nosa terra, dos galegos: “Nós tamén fomos emigrantes”.

Coñezo a Gonzalo desde os tempos “negros” da ditadura franquista. Sempre lembramos ese día, foi moi especial. A miña labor política en Vigo era contactar en Vilagarcía cun membro do PCG. Sabía que esa persoa con ese nome estaba agardando no Café Central, din moitas voltas para observalo, non me fiaba, pensaba que era unha trampa e el un policía, ata que contactei cun xornalista, daquela corresponsal da Voz de Galicia en Vilagarcía que me axudou, foi cando chegamos a coñecernos en circunstancias moi especiais que deixan pegada ao longo da vida.

Fago este anterior comentario da nosa amizade, simplemente é para retalo a escribir a historia dos anos da ditadura e transición na bisbarra do Salnés e Vilagarcía, cousa que vivimos moi preto. Sabes amigo Gonzalo que hai moito que contar e moito que dicir e xa vai sendo hora de poñer a cada quen no seu sitio, iso tamén é memoria histórica aínda que sexa recente, soamente fai 35 anos.

Gonzalo, lembrábache o noso común amigo Xoán Guitián no seu escrito lido na presentación, aquelas verbas do teu poema tan fermoso cantado por Olalla Bouzas “...a canle da fonte quedou seca...”. Eu che digo que a fonte aínda ten que votar moita auga histórica e a derradeira pinga non esvarou.

Meus parabéns Gonzalo.
Cardalda, Theo
Cardalda, Theo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES