Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O embarullado sentido común

viernes, 31 de julio de 2020
A ninguén se nos escapa o uso frecuente da expresión “sentido común”. E, por si se da o caso de dubidalo, confésome, antes de seguir, un apaixonado deste sentido; pero xa lles é moito o que existe escrito sobre o mesmo, e eu, seguramente o menos documentado dos escribidores para escribir algo acerca del, non podo ocultar que, á veces, cando leo ou oio falar de que unha tal persoa “ten sentido común”, no sei moi ben se o que se quere dicir é que posúe máis que o que abarca este sentido, ou se queda corto. Por isto permítanme “poñer as pilas de escribidor” para intentar iluminar algo isto, e aprovéitense, se poden.

Empecemos citando a definición que se nos dá no DEL: “1.Capacidad para entender o juzgar de forma razonable”. Pero paréceme máis axustada ao noso contexto galego a que engade “juzgar razonablemente LAS SITUACIONES DE LA VIDA COTIDIANA Y DECIDIR CON ACIERTO” (Wikipedia;maiúsculas, miñas). Partamos desta definicións e destaquemos o de “razoable” (diferenciemos do “racional”), o da “vida cotián” e a “decisión con acerto”. Penso que aquí xa temos tela que coser, porque deixa asomarse o embarullo. Fagamos, para situarnos, algunhas preguntas.

Acaso o sentido común ven a ser a capacidade de aplicar o “razoable”, non estritamente o “racional”, ás situacións da vida cotián?.E cando se pode dicir que decidimos con acerto?. Qué criterios debemos utilizar que nos permitan asegurar que acertamos na DECISIÓN?. Debemos aplicar os medios que nos proporciona a racionalidade científica?. Pero…,se procedemos así, ¿non estamos rompendo o de COMÚN que ten este sentido, toda vez que non todas as persoas puidemos acadar na vida o mesmo nivel de formación científica, e así cadaquén ten un sentido común persoal e propio?!. Pero, se é persoal, non é común. Todo isto levaríanos moi lonxe; así que, polo menos, quedémonos con que hai problemas. E o mesmo ”sentidiño” do admirable Dr. Fernández Albor parece ponderar a CONTEXTUALIZACIÓN das decisións. Isto significa que cada situación ten esixencia do seu “sentidiño”?. O que si é certo élles que sempre hai unha disposición de acertar nas persoas DOTADAS dese sentido: Talvez sexa aquí onde procede considerar que o común ten pertinencia.

Por outra parte, tamén se adoita remitir o sentido común á SENSATEZ, e tampouco estamos libres de que certos grupos sociais especiais pelexen, non só polo que se entende por tal sentido (se queren, incluso pola mesma prudencia), senón tamén, e principalmente, por monopolizalo como algo exclusivo deles, e, en consecuencia, atribuírse a función e exemplaridade terapéutica e a praxe habitual de cualificar de censurable o pensar e executar dos outros. Por suposto que a mesma prudencia ten historia, e senón lembren o que en artigos anteriores deixamos escrito da PRUDENCIA IMPRUDENTE, que, máis ou menos, vai acompañada dun certo “tancredismo”, que opera, en especial, en contextos históricos, sociais, culturais e, con non poucas repercusións, na política.

Pola súa parte, os pragmatistas dinnos que moito do que hai do sentido común depende do contexto; pero outros pensadores afirman que ese sentido común pode utilizarse para articular polémicas sobre unha crenza ou opinión que se considera IRREFUTABLE E A QUE SE RENDE ADHESIÓN SEN CRÍTICA. Xustamente por iso este ditoso sentido describe as crenzas que están apoiadas maioritariamente pola mesma sociedade, na súa versión familiar, de clans , nacións ou no seo da mesma humanidade. Pero deberíamos recordar que moitos temas do pensamentos filosófico están tratados en CONFRONTACIÓN co sentido común. O mesmo Kant considera o URTEILSKRAFT, que pode traducirse por discernimento, mais tamén por CALETRE, SISO,… como pouco fiable.

Sería imperdoable que deixara fora desta alusión filosófica ao gran defensor escocés do sentido común, Thomas Reid, que, incluso deduce seis axiomas do mesmo, combate a Locke e deixa fora de xogo a diversidade de opinións derivadas do uso persoal dos mesmos estímulos sensoriais que Aristóteles di percibir o home con idéntico significado. Pero aquí basta dicir que foi o fundador da SCOTISH SCHOOL OF COMMON SENSE (S.XVIII), “Escola Escocesa do Sentido Común” , e que a súa teoría do sentido común ten importantes influenzas na moral. Só a modo de mera información.

E…cómo debemos interpretar, a luz de todo isto, a reiterada afirmación de que nas eleccións celebradas na Autonomía de Galicia “ganou o sentido común”?. A min non me cambian as cores dicir que fun un dos que o dixen, e sigo manténdoo, pero o sentido común dun home excepcional, non do PP que preside o Sr. Casado, e tamén o do recurso á razoable moderación dunha intelixente líder, non do BNG. Escúsenme de facer todos os pertinentes comentarios aquí, porque periodistas prestixiosos abundaron neles e, aínda que hai aspectos discutibles, desgraciadamente non conto coa súa documentada información. Talvez ocasionalmente, nalgunha colaboración neste medio, me arrisque a dicir algo.

Non obstante, permítanme xustificar o meu sentimento persoal de que gañou o “sentido común”, con fundamento en que, se as ideoloxías están evidenciando a súa imprecisión e vaguidade, e, por conseguinte, só o referente válido éo a firmeza, a honradez, a sensación que transmiten de estabilidade, etc., dos seus líderes, e nisto penso que coincidimos moitos, é dicir, temos isto en común, que souberon entender don Alfredo Núñez Feijóo (Feijó?, plaxiando a un profesor de Lengua y Literatura) e dona Ana Pontón. Precisamente por isto, deben de estar vixiantes: o primeiro da corrupción administrativa, e a segunda, sen renunciar as discrepancias, de pendurar o pasquín dos comportamentos correctos e moderados, xa que, en futuras eleccións, poden verse sorprendidos con cadanseu fracaso.

Polo que respecta a D. Gonzalo Caballero non está de máis deterse a valorar a súa ambivalencia. Sen dúbida, creo, estamos en presenza dun líder que evidenciou academicamente a súa formación. Non obstante, entregouse á versatilidade dogmática (si, dogmatismo versátil) do socialismo de D. Pedro Sánchez, utilizando irreflexivamente un discurso de formato misional en cuestións relativas a Galicia, incompatible cos modos que esixe o sentido común, que comprometeron a súa sinceridade e levárono a unha certa artificialidade, froito de todo o cal foi ese resultado tamén ambiguo: sen ser unha derrota non chega a un éxito. A mesma formación inxectou impertinencia aos razoamentos, errando as decisións.

Para terminar, ofrézolles unhas opinións, sen dúbida discutibles, por se os invitan á reflexión, dentro desta temática. Creo que o sentido común é unha capacidade das persoas humanas, desenrolada en maior ou menor grao; pero non un privilexio de xente especificamente formada, como o evidencia o feito de que esta cae, con frecuencia, no reducionismo consecuente coa súa visión parcial da realidade. Velaquí a explicación de que unha persoa intelixentemente razoable, sen especial preparación, toma decisións e formula razoamentos acertados e ata se mostra estrañado das opinións do erudito, cun sentido común especificamente deformado.

Isto debería levar a pensar aos filósofos se en vez de construír os seus sistemas, ás veces, en confrontación co sentido común, non sería máis útil facelo tomándoo como fundamento, enriquecéndoo e explicándoo. Algún exemplo no campo da mesma física cuántica si hai, sobre todo cando se pretende explicar a realidade que percibimos na newtoniana (a física clásica, chamémoslle así) desde a visión da realidade que nos ofrece a cuántica, precisamente razoando, con fundamento na racionalidade científica, a complementariedade de ambas físicas e potenciando, indirectamente, as percepcións do sentido común.

Así pois, se o RAZOABLE é operativo no sentido común, e o RACIONAL no marco científico, D. Alberto gañou as eleccións RAZOANDO os seus argumentos, e, extrapolando a RACIONALIDADE médica tomada como apoio nas súas decisións. Pola súa parte, dona Ana, seguramente sen decatarse, aplicou, máis ou menos implicitamente, nos seus razoamentos, a terapia aos comportamentos túzaros, mentres D. Gonzalo quedou atrapado no COSMO NOETÓS ( o Mundo das Ideas) de D. Pedro.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES