Grazas, don Santos
Blanco Torrado, Alfonso - martes, 28 de julio de 2020
Sempre é nobre recoñecer o ben que nos fan as persoas que dalgún xeito fan camiño con nosoutras e nosoutros, e sobre todo no momento de despedirse deste xeito físico que nós aínda conservamos, porque endexamais os valoraremos abondo.
O pasado día 9 deixounos don Santos Sancristóbal Sebastián, fundador do Museo de Arte Sacra de Mondoñedo e que exerceu coma crego nas parroquias de San Salvador de Parga e Trasparga nos anos cincuenta do século pasado.
Foi unha persoa totalmente entregada á veciñanza, sobre todo aos máis febles, partillando o pouco que tiña, era moi austero, cos máis necesitados. Loitaba pola cultura nun tempo pouco propicio e polo patrimonio das nosas aldeas, dábao a coñecer e sementaba os anceios por conservalo nas e nos cidadáns, administracións e fregueses
Valedor dos máis novos, dedicaba un tempo a formalos coma mestre e estimulador da conciencia social, a mesma que o levou a traballar en Francia cos emigrantes.
Natural de Segovia, valoraba moito máis ca moitos nativos, as nosas raíces e o noso patrimonio, emporiso mantense ligado para sempre á nosa paisaxe natural e cultural. Desclericalizou a presenza da igrexa no noso rural, creando vencellos de irmandade e igoaldade a cotio. Nos derradeiros anos escolleu San Salvador para celebrar cos seus condicípulos o aniversario da graduación que lle correspondía organizar, volvendo con nostalxia e agarimo á rectoral que el axudou a construir e que agora acubilla un local sociocultural. Alí están as súas obras, máis de trinta libros sobre a nosa historia e arte
Coma pintor ao oleo e con plumilla plasmou monumentos importantes e ilustrou con miniaturas documentos seculares que transmiten unha grande beleza. Pero é a investigación a que o converteu nun imprescindíbel da historia e a arte de Mondoñedo e outras comarcas, afondando en espazos privilexiados coma o Chamorro do Ferrol, o San Martiño, Viveiro... Só citar a súa participación no Inventario de Lugo e a súa provincia xunto con senlleiros investigadores coma Elias Valiña, Nicanor Rielo e Xosé Manuel González Reboredo. Lembro que na ultima celebración cos veciños, agradecimoslle aquela visita porque descubriramos nel a un portador de Cristo, tal coma suxire o seu sobrenome de Sancristobal.
Outravolta, gracias, por tanta sementeira que abrolla sempre.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora