Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os poemas que intercambiamos no confinamento (e XVI)

jueves, 30 de julio de 2020
Deixei para o final dous poemas de amor que apareceron como pombas no medio da batalla.

Na adolescencia comezamos a escribir poesía para entendernos, para lernos a nós mesmas. Cando nos namoramos escribimos ou lemos buscando aquel verso que diga o que nós non atinamos. É normal que gardemos na memoria aqueles poemas cos que algún día nos emocionamos e seguimos facéndoo ao longo do tempo. E o amor considérase o sentimento primixenio, aquel no que dous seres se escollen para verter afectos únicos, e convivir. Poemas de amor, cancións de amor para compartir.

Avilés de Taramancos cun dos seus primeiros poemarios: Pequeño canto. Un soneto, e nel, un verso que unha vez lido non se esquece “Todo canto eu amei perdéuseme contigo”, que mellor despedida?

Primeiro amor, primeira norte

“Todo canto eu amei perdéuseme contigo:
a luz clara e vibrante da miña xuventude,
os bosques entrañables perfeitos de quietude
onde o vento vivía con un lecer antigo.

Entón era o silencio o meu mellor amigo,
era eu un namorado de todo canto vía
vivir era unha leda, fermosa moradía
onde o mencer entraba recendendo a pantrigo.

De súpetoviñeches con esa lonxanía,
caraveliño feble en terra ventureira
e eu abrín outra nova fiestra para o día.

E todo canto amei foi unha lumieira,
foi a fouce tan íntima que de cote se afía
para ceifar dun pulo brutal a primaveira.”


Para rematar este monllo de poemas, entresacados entre os que se enviaron no Día da Poesía por whasap e nos días seguintes de confinamento, nas cadeas remitidas por correo electrónico, está este poema de Neira Vilas, que coñecemos, sobre todo musicado.
Recomendamos que se busque na páxina Son de poetas e se escoite

Ai, amor!

“Que lonxe! Que lonxe estás!
Canta terra entre nós dous.
Peno dende que te fuches.
Ai, amor! Ai, amor!

Cando busco nos teus ollos,
magóame o corazón.
Cantas cousas non pasaron!
Ai, amor! Ai, amor!

Pasaron meses e anos,
e a mocidade pasou.
Mido por noites o tempo.
Ai, amor! Ai, amor!

Por ti agardo cada día,
ateigada de ilusión.
Ven axiña, volta a min.
Ai, amor! Ai, amor!

Ai amor, que lonxanía!
Que soedade, que delor!
Vivir sen ti non é vida.
Ai, amor! Ai, amor!

Cartas van e cartas veñen
e as palabras tinta son.
Quero escoitar a túa voz!
Ai, amor! Ai, amor!”

Como vimos, foi unha escolla bastante diversa aínda que se repetiron varios poetas. Agora, mirándoa con algo de distancia, botamos de menos varias voces, pero nos gustos non se manda. Cada persoa escolleu un poema por ser o que máis lle gorentou nese momento, pero tamén por telo máis a man, porque nese intre lle veu á cabeza ou porque o que recibiu lle fixo pensar nese. Non é unha antoloxía, nin hai criterio para a escolla; non debería dar para pensar en idades ou sexo, porque estou convencida de que foi o azar, máis alá das características persoais daqueles e aquelas que participaron.

Noutro confinamento, Lord Byron reuniuse cun grupo de amigos nunha villa e puxéronse a crear. De aí saiu a novela e o personaxe de Frankenstein, das mans de Mary Shelley. Estou segura de que este enclaustramento, tamén, dará lugar a varias obras, pero o que nós fixemos foi un intercambio de poemas. E, neste caso, non se recolleu ningún dos persoais, escritos para a ocasión ou a demanda, xogamos únicamente cos poemas lidos e lembrados.
Unha opción.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES