Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sempre convén estar á espreita

viernes, 24 de julio de 2020
As democracias teñen unhas necesarias esixencias, tanto por parte dos que gobernan, como tamén dos cidadáns gobernados. Hai, polo tanto, que evitar que esta forma de organización político–social serva de instrumento de solapamento, incluso acompañado dunha atrevida xustificación, de comportamentos impropios dun estado de dereito. E digo isto porque a crise da saúde pública provocada polo COVID-19 tróuxenos a memoria o debate que na toma de decisións lle compete á POLÍTICA e á CIENCIA.

Nun interesante traballo, o Presidente do COMITÉ DE BIOÉTICA DE ESPAÑA, Dr. D. Federico Montalvo Jääskeläinen, alértanos de que na Pandemia que está afectando ao mundo, debida á virulencia do “coronavirus”, con referencia a España, parece que a POLÍTICA deixou un papel estelar á CIENCIA, por anticiparse, ás veces, a esta, que non foi corta na proposta de solucións; pero tampouco se pode descartar un certo compoñente político, como estratexia premeditada para que cause o correspondente impacto público, convertendo con frecuencia á opinión dos científicos nun criterio decisorio, que é de competencia gobernativa.

Desta maneira, os políticos cambian os valiosos elementos de xuízo que lles aportan os científicos polas decisións que legalmente lles están atribuídas exclusivamente a eles, permitindo, incluso, que aqueles se convertan en portavoces do propio Goberno; pero é que, ademais, instrumentalizan a ciencia e a mesma saúde, en útiles do poder. Tampouco é fácil saber se isto ocorre inconscientemente, ou non, aínda que xa o mesmo filósofo francés Foucault denunciou tal comportamento na súa obra titulada “Biopolítica”.

Polo tanto, é algo que está subxacente na conciencia crítica dos intelectuais, e comporta unha non descoidada suspicacia, sen esquecerse de ler detidamente as RECOMENDACIONES ÉTICAS PARA LA TOMA DE DECISIONES EN LA SITUACIÓN EXCEPCIONAL DE CRISIS POR PANDEMIA DE CUIDADOS INTENSIVOS (https:// semicyuc.org), da “Sociedade Española de Medicina Intrusiva, Crítica y Unidades Coronarias”. En estas “Recomendacións” non se descoida que a situación na que nos encontramos pode levar a un desequilibrio entre as necesidades de ventilación mecánica e os recursos dispoñibles.

Din os autores das “Recomendacións” que estas situacións poden manexarse como a “medicina de catástrofe”, aplicando unha atención de crise excepcional, baseada na XUSTIZA DISTRIBUTIVA, aínda que máis adiante inclúen a exclusión de persoas maiores de oitenta anos e outras máis, dunha forma pouco precisa. Así, pois, cabe preguntar se, neste caso, se trata de establecer criterios técnico–científicos, que non implican só prioridades, senón tamén o acceso ás mesmas, e que, en tal suposto, habería que cuestionar, seguramente, se unha sociedade científica ten esa facultade ética e legal; non tanto de establecer tales criterios para aplicalos sen pararse a considerar a súa constitucionalidade, como por contido e atribución da legal competencia para facelo, subsumíndoos como decisivos en materia tan delicada e da competencia atribuída a outras institucións do Estado.

Sen dúbida, hai outras perspectivas para apoiar a pertinencia destas decisións; pero a legal, polo menos, podería fundamentarse no artigo 43 da Constitución que recoñece un dereito e protección integral, con competencia exclusiva do Estado, no 149.1.1, no que afecta ás condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio de dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais. E, por suposto, a determinación de recursos sanitarios é unha decisión que ten carácter legal e ético.

En tales “Recomendacións” alúdese a un marco de criterios científicos sólidos sobre a escasa asignación de recursos, para obter os maiores beneficios dos recursos limitados, e ante unha pandemia establécese como prioridade O DEBER DE PLANIFICAR, e, no caso de crise, indican uns principios claves: XUSTIZA, DEBER DE COIDAR, IDEM DE ADMINISTRAR RECURSOS, TRANSPARENCIA, PROPORCIONALIDADE E RESPONSABILIDADE. E non se esquecen de aludir a unha XUSTIFICACIÓN ÉTICA, na toma de decisións, no caso do COVID-19, e tamén inclúen a xusta asignación da distribución de recursos.

A razón fundamental é que esta situación de pandemia pode levar a un desequilibrio entre as necesidades de ventilación e a asignación de recursos, e por iso devén imprescindible aplicar un TRIAJE ( de TRIAR, en español, que significa “escoller”, “entresacar”) PARA PRIVILEXIAR A MELLOR ESPERANZA DE VIDA, APLICANDO CRITERIOS DE IDONEIDADE, TENDO EN CONTA FACTORES COMO IDADE, COMORBILIDADE, GRAVIDADE DA ENFERMIDADE, etc., e non ingresar a persoas nas que se prevé un beneficio mínimo, considerando, así mesmo, o valor social do/a enfermo/a, e se é ou non maior de 80 anos, ou se ten deterioro cognitivo, etc. Non obstante, chama a atención que “o criterio médico en cada paciente estea por encima destas recomendacións, sempre que sexa razoado”, NON RACIONALIZADO, evidenciando así que a vida da persoa xógase nun campo de probabilidades, mentres a exemplaridade dos médicos, alleos ás “Recomendacións”, non vacilaron en poñer en risco a súa propia vida, facéndose acredores a un memorable recordo.

Pero as referencias a todo o que foron propoñendo os científicos e técnicos na loita contra o coronavirus foron permanentes nas comparecencias das autoridades públicas, incluso moitas delas estiveron presididas, non por responsables políticos, senón por expertos; pero aínda que é imprescindible o asesoramento, é necesario, tamén, non caer no que Diego Gracia denomina FALACIA TECNOCRÁTICA, que reduce os problemas éticos aos técnicos. Tamén nos fala do DILEMATISMO: A elección racional supón unha aproximación puramente “dilemática” aos problemas morais, de tal maneira que sempre debe optarse pola canle correcta que é o máis probable. Permitir que os fenómenos humanos se interpreten só sobre a base de categorías da ciencia empírica só produce respostas a nivel técnico. É algo que tamén comenta o Dr. Montalvo.

Considerar a dificultade desta temática non debería ser unha escusa válida para derivar o exercicio das competencias atribuídas, ou aproveitalas sumándolles outras finalidades bastardas. Por iso, nestas cuestións tan delicadas, o Goberno cumpre estando a espreita de que o pobo respecte as decisións gobernativas, e este as valore criticamente. Pero as actitudes que algúns políticos adoptaron en debates públicos, e certas decisións gobernamentais, xogando co VERDADEIRO E ESIXIBLE SENTIDO DOS CONTIDOS INFORMATIVOS, NESTAS CIRCUNSTANCIAS, NON É ACEPTABLE, POR COLLER A OCASIÓN POLO COPETE PARA FINES POLÍTICOS. E parece que algunhas enquisas electorais así o evidencian.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES