Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Rebacholo

viernes, 18 de abril de 2008
Por Bernardo García Cendán, e a súa habitual carta a Antón, entérome da morte da muller de Antón do Rebacholo, ó que trato desde hai moito tempo pola súa pertenza á Polifónica de Vilalba.

Había xa ben tempo que non sabía do Rebacholo, que tiña unha voz grave, profunda, era un dos pilares fundamentais da Polifónica de Vilalba, e daba a imaxe dun home tranquilo, pacífico, un bo home no máis amplo sentido da palabra, que sempre que se precisaba del daba como unha nota de fondo que lle daba un corpo especial ó canto da Polifónica.

Vilalba sempre tivo sona de ben cantar, de boas voces. E de boa música, porque aquí sempre houbo bandas, orquestras e coros que levaban a música vilalbesa moi lonxe. Na Polifónica de Vilalba, a profunda voz do Rebacholo era unha voz importante, básica, fundamental.

Vaia desde aquí tamén o meu agarimo por esa perda tan importante, que deixa ó Rebacholo máis aillado do mundo.

Cando vou a Vilalba, especialmente á festa de Santa Cecilia, vexo as caras coñecidas dos polifónicos vilalbeses, e cando me lembro pregunto polos antigos compoñentes... que pouco a pouco van desaparecendo primeiro do panorama cantor e logo, co tempo, vannos deixando definitivamente.

Poucos quedan daquela primeira Polifónica, aquela que naceu aló por 1962, cando eu aínda estaba en Vilalba, e había voces como García Leira, Domingo Somoza, Carlos García Fraga... e, claro está, os membros das familias dos Matos ou dos Longos, que en tempos estiveron nas orquestas Mato ou Nova Lira, e había un, Antonio Fraga, ó que todo o mundo coñecía como Papa Toñito, que era como o decano de todos os cantores e tiña como un aura de autoridade que influía en todos os demáis.

Entón, hai oito ou dez anos, dirixía a coral o crego Xesús Gómez García, párroco de Vilalba, ó que de cando en cando acompañaban seus pais... e seu pai era, precisamente, un dos cantores na Coral.

O tempo, que pasa inadvertidamente ata que nos damos conta de repente, fóisenos levando un a un, moita xente... De cando en cando, noto unha falta... Algúns, retíranse porque consideran que o tempo impón a súa lei. Outros, vanse á forza porque o tempo impón a súa lei.

Dos actuais membros coido que só o máis veterano, Roquiña, como todos lle chaman, pertence á Coral desde a súa fundación, e tomou parte na Orquesta dos Matos, e na vella banda dos Matos... Veteranía contrastada que foi homenaxeada na última festa de Santa Cecilia por unha colectividade que ten a Roca como un abandeirado, e non só pola antigüidade, senón polo seu carácter e a boa relación con todos os membros. Roca e a súa dona Ofelia, son dos membros máis veteranos e entrañables desta entrañable colectividade.

O Roca, o máis veterano de todos os que seguen a cantar na polifónica de Vilalba; García Leira, o ex-Alcalde, e García Fraga, entre os fundadores... e o Rebacholo, entre os que se xubilaron da canción porque as forzas físicas lle fallaron.

Quero deixar hoxe aquí a lembranza para todos os que foron e xa non están. Ós que están poido decírllelo persoalmente cada vez que os vexo. Pero ós entrañables vilalbeses que se foron, mándolles polo menos a miña lembranza.

E ó benquerido Rebacholo, ó que hai ben tempo que non vexo, unha aperta na distancia, lembrando aqueles tempos que o seu canto era coma unha voz de mando que poñía en marcha un exército. Era a voz máis rexa da polifónica. E aínda que agora non sexa o mesmo que foi, queda en toda Vilalba a memoria do bo home que sempre foi e será, e do amigo que é dos vilalbeses do seu tempo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES