Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A dimensión relixiosa popular do S. Bernabé en Meilán, Riotorto, Lugo; e noutras comarcas limítrofes. Tipoloxía dos exvotos (8)

jueves, 20 de agosto de 2020
2.3. Os exvotos pragmáticos
2.3.1. Os adobíos a entidades sacras
Finalmente, hai devotos que lle ofrecen á Virxe algúns ornatos de índole persoal como proba de agradecemento por algún favor acadado. Era unha ofrenda moi habitual nos santuarios marianos ainda que non exclusiva deles. Así, podemos aludir as alfaias, xoias, mantos, pendentes…que alguns devotos, preferentemente mulleres, lle ofrecían á Virxe.

2.3.2. Os arranxos e utensilios precisos para o santuario
Trátase dunha serie de ofrendas, que se caracterizan polo carácter utilitario, que amosan de cara ao recinto sacro. Estamonos a referir aos floreiros; candeeiros; lampadas; enlousados do chan.

2.4. Os exvotos de cera
2.4.1. Candeas e velóns
Na actualidade a ofrenda de “velóns” e a máis habitual nos santuarios lucenses. É un tipo de candea pequena, grosa e de cor vermello, aínda que no intre actual comeza habelas doutras cores como o branco, verde, amarelo. Soen mercarse na sacristía do mesmo santuario; nalgún posto de cera colocado nas inmediacións do recinto sacro, que pode estar ligado ou non a administración do santuario. En Meilán (Riotorto), algúns devotos ofrecen “velóns” ao San Bernabé, que permanecen acesos mentres se celebran os oficios relixiosos.

Nalgúns santuarios hai devotos, que ofrecen candeas da súa mesma altura. É unha ofrenda moi peculiar no Santuario dos Milagres de Saavedra (Begonte). Algúns conservan lampadarios de madeira onde os devotos colocan candeas acesas de diferentes tamaños. Sen embargo, no intre actual, comeza a haber nos santuarios A dimensión relixiosa popular do S. Bernabé en Meilán, Riotorto, Lugo; e noutras comarcas limítrofes. Tipoloxía dos exvotos (8)lampadarios metálicos con pequenas candeas no seu interior, que son acesas polos devotos.

2.4.2. Figuras de cera
Son obxectos artesanais, que representan ao corpo humano e a algunhas das súas partes: pernas, brazos, cabezas, mans, peitos; tamén a algúns corpos de animais: cochos, ovellas, vacas, xatos. Estes son levados aos santuarios polos devotos como testemuña do seu agradecemento pola influencia benéfica, que as entidades sagradas exerceron na cura dunha doenza humana ou animal; ou, tamén, para solicitar a súa protección no decurso da vida. No santuario do San Bernabé (Meilán, Riotorto) encontramos na actualidade, un corpo humano, un brazo, cinco cochos, e seis vacas. Algúns devotos adoitan percorrer o perímetro da capela tres veces, levando nas súas mans algún destes exvotos, segundo o motivo da ofrenda. Estes xa se utilizaban -como vimos- nos templos da Grecia e da Roma antiga, aínda que eran de materiais diversos: ouro, prata, madeira, mármore, chumbo e arxila (terracota), dependendo do nivel económico do ofrendante. Un reflicte deste tipo de ofrenda encontramolo no Museo de Pontevedra, onde se atopan unha serie de terracotas procedentes do santuario itálico de Calvi, situado na Campania (Italia); neste santuario adicaronlle moitos exvotos aos deuses itálicos no transcurso de varios séculos; cómpre distinguir as cabezas de homes e mulleres, así como algúns animais: cochos, vacas; a maioría destas terracotas, realizadas con molde, estiveron policromadas, sendo interesante comprobar a súa semellanza cos exvotos de cera. Estes aínda se seguen ofrecendo en varios santuarios da nosa provincia: A Virxe do Faro en Requeixo (Chantada); os Milagres de Saavedra (Begonte); o San Cosme de Galgao (Abadín); o San Antón Ventureiro (A Rigueira) (Xove); o San Bernabé (Martín) (Baleira); a furna de Lourdes (Viveiro); o Ecce Homo de Rubián (Bóveda)…

2.5. Os exvotos pictóricos
Trátase de cadros realizados case sempre ó óleo, sobre taboa ou lenzo. Normalmente, facíanse cando unha persoa sandaba dunha doenza ou saía ileso dun accidente. Neles hai unha serie de elementos, que se dispoñen da seguinte maneira: na parte superior do cadro, amósase á Virxe rodeada de nubes; no centro, preséntase o motivo do exvoto: representación do doente nun cuarto, ben na cama ou xa curado da enfermidade; embarcación en perigo; na parte inferior, aparece a explicación (o texto) que fai alusión á persoa que o ofrece, ao motivo, data, lugar etc... Nesta provincia hai dous santuarios nos que é mester facer referencia aos seus exvotos pictóricos. Trátase dos Santuarios da Virxe de A Ermida (Quiroga), e da Virxe de Vilaselán (Ribadeo).
A dimensión relixiosa popular do S. Bernabé en Meilán, Riotorto, Lugo; e noutras comarcas limítrofes. Tipoloxía dos exvotos (8)
A nivel galego, é mester distinguir en canto ao número de cadros conservados os Santuarios da Escravitude (A Coruña); o da Pastoriza (Arteixo) (A Coruña); o de Vilaselán en Ribadeo (Lugo); o dos Milagres de Monte Medo (Baños de Molgas) (Ourense); o de Santa Minia de Brión (A Coruña), o de San Ourente de Entíns...

2.6. As maquetas dos barcos
Estes exvotos, normalmente, non teñen ningún tipo de inscrición que permita coñecer a súa identificación, agás os máis modernos, que levan o seu número de matrícula e algunhas veces o nome. A maioría deles, foron ofrecidos por persoas que se salvaron dun naufraxio. Este tipo de exvotos encontrámolo nos Santuarios da Virxe dos Remedios (Mondoñedo), da Virxe de Conforto (A Pontenova), da Virxe de Vilaselán (Ribadeo).

Tamén, no Santuario do San Bernabé en Meilán (Riotorto), hai unha maqueta dun barco de vapor, que está situada na parte inferior dereita do arco, que separa a nave do presbiterio, enriba dunha repisa de pedra.

2.7. Os exvotos de fotografías
Estes exvotos representan a persoas, que se encomendan á protección da Virxe ou piden a súa axuda nunha cuestión determinada. Este tipo de ofrenda era moi habitual no Santuario da Virxe de Vilaselán (Ribadeo) e e no da Virxe do Corpiño (Lalín), onde algúns devotos aínda deixan quedar fotografías no interior dun libro de sinaturas) que se encontra no altar da Virxe. Algunhas fotos levan unha inscrición polo reverso do tipo: “para que lo protejas siempre”… Antano, no Santuario do San Pegerto (Buciños) (Carballedo) había moita ofrenda de fotografías, pertencentes a persoas, que ían a facer ou estaban facendo o servicio militar. Non embargantes, un dos santuarios galaicos onde hai moitos exvotos de fotografías é o santuario de Santa Tegra (A Garda), onde o 23 de setembro se celebra a festividade desta santa, avogosa das doenzas da cabeza e do corazón.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES