Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ferreiro, todo un firmamento

lunes, 20 de julio de 2020
Ferreiro, todo un firmamento Xa volveu. O nugallán marchara dar unha volta pola segunda división, pero xa volveu. Xa volve estar entre os grandes, entre os máis grandes. Dise que a liga española de fútbol é a mellor do mundo. Así é que estará entre os máis grandes dos grandes. O Ferreiro. O David Ferreiro, claro. O neno. O noso neno de Baños de Molgas. Con el estará o Huesca. Quen me ía dicir a min hai uns anos que sería afeccionado do Huesca, un lugar que, para nós, é coma se estivese no quinto inferno. Volveron a primeira división e xa estou vendo a David Ferreiro facendo dos seus caneos polo Bernabéu e Camp Nou.

Lembro na anterior vez que xogou contra o Real Madrid que volvera tola á defensa dos merengues. Que carallo, o que vale, vale! Agora non queda outra que seguir vendo aínda máis fútbol. Se o Celta se mantén en primeira división (escribín isto o sábado) hai que velo porque é o Celta. O Real Madrid porque hai que acompañar ó meu fillo Xoel. O Barcelona porque como son antimadridista... e está Messi. E agora tamén hai que apandar co Huesca.

Porque no Huesca xoga David Ferreiro, o único de Baños de Molgas que alcanzou tales metas deportivas, o rapaz aquel que traía ós seus avós coa lingua fóra porque en dúas chantadas, nun alustro estaba correndo cara á burga ou cara ás airas da vila. O rapaz aquel que parecía que non avultaba nada, pero que era agudo coma un allo. Agora esperaremos como auga de maio as súas asistencias por todo o terreo de xogo e os seus caneos por calquera das bandas. E as súas ordes. Porque o pillabán ordena, sabe ordenar. E non se corta. Sáelle o seu carácter.

Agora, Baños de Molgas, todo Baños de Molgas se concentrará ante a televisión para ver a ese rapaz que revoluciona as defensas contrarias. Porque a calidade que ten é moita. E non o digo como amigo e como veciño. Máis dunha vez os entendidos, os comentaristas da televisión recoñecían en voz alta que nas botas dese xogador había unha calidade exquisita, que a súa técnica non desmerecía das de outros, considerados incluso como estrelas. David Ferreiro, en xeral, non o catalogarán como unha estrela, pero, en particular, é todo un firmamento. Para nós, para a xente de Baños de Molgas e a súa contorna. Rapaciño, moito ánimo e pon toliñas a esas defensas que non saberán como pararte.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES