Os máis desvalidos ante o mal do Covid 19
Campo Freire, Xaquín - jueves, 16 de julio de 2020
A medicina historicamente asentou fundamentalmente en catro clásicos actos médicos: inspección, palpación, percusión, auscultación. E eses tiñan de seren absolutamente persoais e presenciais por parte dos entendidos nesas artes do curar e coidar. Só en casos de imposibilidade física se podían recibir orientacións supletorias a distancia. Pero iso sempre con carácter extraordinario e mentres non se podía chegar coa atención profesional sempre presencial, (con presenza e achegamento físico), e logo con derivación, se for do caso, a centros especializados: veu o médico e hai que saír , dicían con bágoas na miña infancia.Naturalmente a escoita activa e empática do propio paciente e contornas familiares non poden faltar nunca.
Agora coas novas tecnoloxías certamente avanzouse moito e cómpre abrirlles a porta grande ás novas potencialidades naquilo no que realmente sexan capaces de humanizar e facer mellor a atención e os coidados. Dáse en chamarlle TELE-MEDICINA. O prefixo grego,têle, é un elemento de formación de palabras que significa lonxe, ao lonxe, á distancia: tele-asistencia, tele-fono, tele-visión, tele-dirixir, etc... Pero ten máis vocación, ao parecer, de tele- lonxanía, distanciamento, invisibilización, ocultamento, non escoita, silenciamento, etc., que do segundo elemento: -medicina.
E mira por onde o mercantilismo xa atopou unha trapela para facer unha asistencia a distancia, principalmente na atención primaria e para os sectores populares e para máis pobres. A teleasistencia dos tempos da pandemia chegou para quedarse, dixo o Sr. Feijoo. Que regalía se fose verdade! Pero con verdade verdadeira.Unha mínima anamnese é necesaria. Pero agora nestes casos case sempre xa é só unha heteroanemnese por aproximación.
Pero, a que modelo invoca el e a cal se está a referir? Sexamos realistas e preguntémonos por algo tan elemental: Como se está a facer agora mesmo? Porque non é un concepto unívoco nin moito menos unha realidade inocente: (in-nocens, que non fai dano). Os poderosos e os economicamente ben situados terán sempre acceso directo á medicina privada ou mediante pólizas de seguro para iso hai que ter medios económicos para subscribilas e pagalas. E os débiles? E os pobres? E os empobrecidos?
Sempre tes que empezar por chamar por teléfono. Logo don Xoán Paisano xa se ve sumido e enredado na maraña dun bucle telemático de preguntas e respostas, de mensaxes pouco claras, de marcaxes de infindas ringleiras de preseleccións onde rematas case sempre no mesmo: sen resposta ningunha ou non axeitada. E, cima de todo, coa rabia de sentirte culpábel por inútil e ignorante diante do imperio dos sabios, disfrazados da nova deusa salvadora: a informática. Pobres vellos, curtos de vista, discapacitados de varias clases, solitarios, os que non saben leren (e non quero dicir analfabetos, por ser hoxe insultante e descalificador), tolleitos das mans, en cadeiras de rodas, estranxeiros ou non coñecedores das reviravoltas do país de chegada. Etc.
Eu que fun enfermeiro por moitos anos, prestando coidados a pé de cama, tocando pele, sandando chagas, escoitando penas e enxugando bágoas de enfermos e familiares levo moi mal isto do abuso da tele-medicina que, ademais non sei ben por que, (ou si o sei), sóame a non sincera. Hai coma un tufo. Xa sei que no mundo do mar e incluso nos avións e en moitas urxencias vitais, nas paraxes máis difícilese sen máis medios do que as mans, a palabra, e moitas veces o silencio impotente, pero sempre empático e de escoita activa e comprensiva, pódese asísalvar vidas e dar consolo e non deixar en soidade a quen precisa de sentirse arroupado e querido. Pero eses son momentos de excepcionalidade.
Porque o que é a medicina, a enfermería, o ensino, a axuda social aos desvalidos, etc., non as concibo sen esa vocación de inclinárense sobre o irmán ferido como fixo o persoal de servizos múltiples e humanitarios na pandemia do coroa-virus, sen medios axeitados e mesmo pondo en perigo as súas vidas nesa entrega aos pacientes. Estiveron presentes a pé de doentes e desbordados e envoltos en pandemia. De feito, cantos morreron, illados, en soidade absoluta, e outros fican aínda con eivas e secuelas.E por seren sempre os máis esquecidos quero salientar de entre eles a todas e todos compañeiras/os da limpeza e servizos de hixiene absolutamente básicos.
Unha solidariedade e afecto para os traballadoras/es das residencias de anciáns, tantas veces invisibilizados, deixados, silenciados, maltratados, e mesmo tele-acusados de abusos e deixadeces cando son eles os que realmente viñan sendo afogados nas palabrasreiteradas de denunciacontra da deshumanización. Solidariedade e gratitude para todas elas e eles. Non esquezamos que é un sector maioritariamente feminino. E saibamos e teñamos moi en conta que cada unha e cada un ten detrás a súa propia familia que xeran, cargan e aumentan as preocupacións cotiáns con medos reais de contaxios a quen son os seus propios fillos, compañeiros/as, pais-nais, etc. E a quen tamén teñen de protexeren e de quen han de illárense con dor principalmente no propio fogar.
Non quero maldicir tebras porque sempre é mellor acender luces. Pero agora, e xa desde hai tempo, cando os sistemas economico-políticos, mercantís e burocráticos atoparon a oportunidade e os medios de enriquecérense co máximo lucro, a mínima inversión ou gasto e a explotaciónsen medida dos traballadores, daquela agora xa estamos nunha sociedade camiño da nova escravitude da eliminación das persoas non rendíbeis.
Que pasou e segue a pasar cos xeriátricos e casas de acollida de anciáns nas que se veu destapar co coroavirus unha forma tan cruel e deshumanizadora de viviren e morreren?
Alguén deixou caer sen pudor que o coroa-virus tivo un efecto sanante para os sistemas: eliminar pola vía rápida, sen gastar metralla, a unha pléiade insoportábel de vellos inútiles, pasivos e consumidores. E tivo nas redes aplausos e consideracións aprobatorias. Iso para a plebe. E xa non falemos dos presos.
Pero cando se trata dos familiares e amigos dos poderosos todo o sistema público, sen limitación de medios e persoas, pasa por diante de quen sexa para centrarse nese caso. Lembrano da señora Aguirre? Está nas hemerotecas. E todos nos alegramos sinceramente de que salvaran a súa saúde cunha intervención de prevención precoz. Pero xa nos gustaría que calquera don José de Vallecas tivese a mesma atención ca ela, sen que lle pasase por diante ninguén con criterios estritos de xustiza e ciencia médica.
La Voz de Galicia,El País, Galicia Confidencial, Radio Nacional, Cadena Ser, TVE., etc., enchéronnos de informes deses abusos e malas praxes durante anos. Só con ir a Google están aí e seguen aí. Do mal xa se sabía desde hai tempo. Dos malos tratos, do maltrato e abusos, tamén. Pero era mellor calar e seguir co enredo. Esa era a política. Pero tamén o silencio da sociedade en xeral. Ollos que non ven, ... De quen son os xeriátricos e quen está detrás dando medallas a esas entidades?
"Chegou un tempo 'novo', pero non é tan certo (seguro) que chegase a 'normalidade', escribiu o bispo de las Heras. Mudaremos algo, todos e cada un, nesta nova normalidade? Porque é cousa de todos e cada un.
Seguiremos avanzando nesta análise do problema agora que xa estamos fóra de tirapuxas electorais.

Campo Freire, Xaquín