Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Convirtamos as bágoas en perlas (5)

martes, 04 de agosto de 2020
-¿Da miña casa? ¡Xa que me licenciei nela, coñecéndome a min doado será deducir Convirtamos as bágoas en perlas (5)como era a súa pedagoxía! ¿Boa, ou mala? ¡Eu non falsifiquei ningún máster..., aínda!
-.-

Das lareiras xa teño falado, así que agora fareino da horta, do agro, do ganado...; e tamén da vexetación daquel paraíso que tanto emocionou aos suevos.
Que existe o egoísmo aprendino do noso gato, chamado, polos da casa, Micifú. -¿Papá, por que Micifú? -¡Neniño, porque fai “fu”, porque foxe; “Mici” = Mico; un mico que foxe..., ante o perigo, ¡e fai ben!

Mais, por lóxica, primeiro debo ocuparme dos ratos, da ratume, xa que son os causantes da domesticación dos gatos.
Se tivese memoria daqueles días, ¡meses!, do barrelo, acordaríame de que miña avoa e madriña, nunha ocasión na que me revolvín incómodo, e boca abaixo hai perigo de asfixiarse, achegouse con todo agarimo e deume a volva, tal e como facía coas tortillas na tixola:
-Neniño, mira para Arriba, sempre, que Arriba están os anxos; aló Abaixo temos o inferno, as tebras do diabro!
O neno, daquela, non entendeu nada, pero respirou feliz. Tempo adiante, e sempre mirando para arriba, din en observar que no faio o trasfego era meirande polas noites; así que, desde que aprendín a falar, nunha daquelas entrevistas tan afectuosas pregunteille á avoa:
-Madriña, os anxos seica ven mellor de noite que de día..., pois non paran de danzar!
-¿Neniño, óelos; a miúdo?
-¡Tódolos días, pero de noite, máis!
-Teño que dicirche a verdade... -E persignouse- Os anxos están máis Arriba, Arriba de todo, no Ceo, que eses do faio son..., ¡pero non te asustes! ¡Son os leiróns, séxase, os ratos xigantes! Mais ti non teñas medo, non te preocupes, pois, como por aquí, polo piso, sempre anda, e sempre vixía o noso Micifú, eses leiróns non baixan do faiado!
Tempo adiante, xa grandiño, meu pai retirou do faio unha cesta de papeis, todos esmigallados:
-Papá, iso...?
-Son, ¡eran!, os libros que lles escondín aos falanxistas, daquela que me perseguían. Se me descobren os azuis, faríanme outro tanto, pois eran, ¡eran, e son!, da mesma raza, da mesma caste cós leiróns!
Outro día, esta vez tamén con meu pai, que me tiña nunha cesta, debaixo do hórreo, argallando cunhas zoquiñas de xoguete, que mas fixera para entreterme mentres el aixolaba noutras, nas de verdade:
-Papá, estas lousas que lle puxestes aos apoios do hórreo, como todo el é de madeira, ¿non sería máis apropiado que estas pezas tamén o fosen, iso, de madeira?
-¡Así se fai, meu neno; hai que preguntar, pois, para saber, ver ou ler! E das cousas visibles, preguntar polas partes ou circunstancias descoñecidas, ignoradas ou invisibles!

Os hórreos, maiormente estes que son do estilo, do modelo, do noso, inventáronos os Convirtamos as bágoas en perlas (5)ástures, precisamente para defenderse da ratume, que se afixera a vivir do traballo do home, dos froitos cultivados polo home. Pero o home, ¡que por algo somos sapiens!, descubriu que a ratume non sabe camiñar boca arriba, e menos se o fai por debaixo das lousas, que xa sabes que son esvaradías!
-Papá, daquela o gato, o noso Micifú...?
-Sigue pensando, que vas ben! O home, seguindo cos seus descubrimentos, descubriu que os gatos eran os inimigos naturais dos ratos, que gozaban botándolles a pouta enriba e, tragándoos! Deus dixéralle a Adán que poñía ao seu servizo toda a Creación, así que os homes, os nosos ascendentes, puxéronse a domesticar no gato..., pero aínda estamos nesas, que non é tarefa doada!
-¿Que me di, que aínda non, que ao completo non? ¡Pois o noso Micifú déixase acariñar!
-Cando venta que lle imos dar comida si, pero, no resto? No resto é un romano: Do ut des; douche para que me deas; douche, achégome, se vexo agarimo e xenerosidade, pois, noutras circunstancias, ¡fu!
Con estes antecedentes xa estiven en condicións de pedirlle unha conferencia ao Avó, que por algo era albeite, ¡Veterinario sen título!
-Padriño, é que o papá está moi atarefado coas zocas, e se o entreteño demasiado non dá feito os catro pares diarios, que son o seu programa. Como ti estás na idade do descanso, se che prace...!
-A ver, logo, se me sae unha síntese: Os ratos, pero tamén os leiróns, están empezando a utilizalos nos laboratorios pola súa condición de ser pequenos e manexables, doados de criar en catividade, cun ciclo vital rápido; moi útiles para reproducir e analizar con detalle procesos coma o cancro, enfermidades infecciosas, e outras que están asociadas a mutacións xenéticas; tamén se utilizan para estudiar o funcionamento do sistema nervioso. ¡Dannos noxo, pero parécense a nós, en moitas das súas reaccións!
Os gatos, que teñen unha vista e un olfacto fabulosos, venos, e chéiranos, á distancia; en cambio, nós, non cheiramos, nin de cerca, aos rateiros, aos carteiristas!
Unha das pragas máis combatidas polo ser humano foron as da ratume. Este foi, historicamente, un dos grandes incentivos para a nosa protección dos gatos, porque, ao diminuír os ratos, minguaron aquelas pragas. O gato, certo é, tamén pode transportar e contaxiar enfermidades, pero incomparablemente menos cos ratos. Algo pouco coñecido é que non tódalas razas de gatos son igual de cazadores, pero iso hai que descubrilo ao crialos.
Unha casa de aldea pode funcionar sen can, pero sen gato, non..., ¡salvo que se deixe invadir pola ratume!
Outro día falareiche por extenso dos gatos..., para non cansarte!
¡Que bo pedagogo era meu padriño; se cadra está de anxo da garda dalgún dos meus netos; oxalá, pero non poderei comprobalo ata que nos vexamos, Arriba..., en espírito!
-.-
“Facerlle as rafas á gata”. “Buscarlle os tres pés ao gato”. “A aldea, Deus nola dea”. ¡E tanto, pois ata aprendíamos Filosofía cos nosos refráns!
O de “facerlle as rafas” viña a ser algo así como traballar para ingratos, ou facelo de balde. Na primeira metade do XX, que despois, en vez de pedir, volveuse á emigración, o censo só tiña dúas clases sociais: ricos e pobres, terratenentes e caseiros; por iso o da gata era moi ilustrativo, e así nolo encomendaban aos cativos, maiormente aos cativos. Cando subía miña nai das cortes, ¡das cortes con minúscula!, eu xa estaba á espera, cunha fonte de barro, e nela, esmigallado, o pan duro, sobrante da véspera; ela torcía a canada para desfacerse da espuma do leite, e pouco máis. ¿A gatiña? ¡Sempre atusmando, a velas vir, cos ollos brillantes, coma diamantes, pero non se achegaba a nós senón que agardaba medio escondida debaixo da artesa! Papaba as papas, as rafas co leite, lambendo a toda présa, como se estivese temerosa de que lle retirásemos a pratada, e nun tris, ¡media volta, ar!, que nin que fose un soldado, avanzaba pola eira arriba, ¡seguramente para buscar ratos...!
Meu padriño díxome:
-Fíxate na gata; primeiro, fai a sobremesa, e despois, a comida. ¡Queremos ensinarlle, e resulta que nos ensina ela!
-Padriño, iso que me di vén a ser algo así como buscarlle os tres pés ao gato. ¿Non será retorcer as cousas, poñe-lo carro diante dos bois?
-Non; que non dixen ningunha necidade: a comida forte, neste caso os ratos, deben ir detrás, despois..., para cocelos mellor! Aprende dos animais, que eses non tiveron pecado orixinal, e por iso conservan íntegra a intelixencia natural, toda a que Deus lles deu. Non foron castigados, non foron minorados nas súas potencias!
Nunca lle pedín a meu padriño un milagre, e mal feito pola miña parte; foi un desagradecemento, un pasotismo, pois, de pedirllos, seguro que mos facía, e eu, con mandarlles as probas a Roma..., subíano ao santoral! Terei que pedirlle desculpas cando volvamos a vernos..., iso, Arriba!
O gato é desconfiado, séxase, listo, previsor. Se aquela Eva fose unha gata, Lucifer, con ela, perdía o tempo. ¡Nin o intentaría!
A decencia e maila docencia dos gatos. Como tódolos animais, namóranse, pero os seus cariños sempre os fan sen testemuñas, escondéndose, tal que na palleira. O censurable é que os gatos, de celebrada a festa, adoitan fuxir dos seus compromisos, (¡algúns homes, tamén!); a femia, en cambio, ocúpase das crías con todo esmero e coa máxima protección; como non ten colo, as dianteiras non lle serven de brazos, que as precisa para sosterse, así que, para transportar as crías, colle aos gatiños coa boca, agarrándoos polo pescozo, que así o traslado élles indoloro.
Son de tendencias nocturnas porque a súa vista permítelles ver en condicións de luz escasa. Nós somos igualmente de tendencias nocturnas, pero isto é, máis ben, desde que se descubriu a luz eléctrica!
Meu padriño tamén me dixo dos gatos que, cando se quedan coa boca aberta aspirando o aire, ese xesto, ou aceno, chámase “reflexo de Flehmen”. ¡A ver cantos nenos da cidade o saben! O dito: A aldea, Deus nola dea!
Os casteláns algo menos, ¡godos, e por tanto, máis brutos!, pero tamén se fixaron nos gatos: “Gato con guantes no caza ratones”. Que para cada tarefa hai que contar cos medios necesarios, cos axeitados, máis aínda cando non se está acostumado a eles. Outro: “No ponerle cascabeles al gato”. ¿Por que? Seica o din porque cos cascabeis, os ratos saben cando se lles achega o depredador. Este dito venlles da súa experiencia cos mouros, ¡que os foron buscar a Septa, e así mostráronlles o camiño para que subisen a Covadonga; claro que, séculos despois, un tal Franco fixo o mesmo, ou parecido: ¡que tamén os subiu a Covadonga, coa sorte de que, índose aquel parvo para o Pardo, fóronse tras del..., ben mantidos, ben vestidos, e ben pagados!
-.-
O can de Brais. Tanto lle quixen que un día, despois de darlle os ósos que nos sobraron do almorzo, e de acariñalo fraternalmente, ao velo marcharse, que se despediu dándolle ao rabo, rompín a chorar; meu padriño, que me viu de bágoas:
-Meu neno, hai que chorar polas necesidades, pero nunca polos antollos.
-Non sabía que ter un can, propio, noso, fose un luxo...
-Ante todo, o máis importante é a liberdade, e os cans con dono son escravos, escravos auténticos, sexan brancos ou mouros. Está xustificado un can nos casaríos illados, e tamén nas casas dos cazadores, ou de grandes rabaños, nas que é imprescindible utilizar ese exército, porque tes que saber que os cans, coma no Exército, son auténticos escuadróns de garda.
-¡Non capisco, como di o señor Evaristo!
-Daquela, explicareime: As casas illadas son máis propensas, máis tentadoras, para os ladróns e demais inimigos sociais; nós, rodeados de veciños, estamos coma os de Lugo coa muralla: ¡temos garda permanente! O único que nos pode prexudicar é o diabro pois ese entra, rouba nas almas, polos cinco sentidos; ¡é un espírito, e cóase! Do diabro xa che falarei outro día, que estou ben instruído: ¡Tiven dous tíos frades, no noso convento dos dominicos de San Cibrao! Pero agora volvo aos cans:
Os cazadores son un ben público en tanto en canto cacen do sobrante, pero eu témolles porque manexan armas, e coas armas tamén se cazan as persoas; ¡unha boa parte dos crimes que tivemos no noso circundo, obra de cazadores foron, así que, Señor, libera nos a malo! Sei dun cazador que, cando volveu a veda, levou o seu can aos montes do Carballido, que é aló nas montañas, xunto da Fonsagrada, e atouno a un daqueles teixos, cunha restra de chourizos, para que se entretivese, e el, mentres, fuxiu no cabalo; ¡aos dous días apareceulle o can, ben cansado, e todo suado, acurralado diante da porta da súa casa! ¡Dous méritos, para os cans: saben volver, aínda que sexa de lonxe; e logo que non son rancorosos, nin sequera cos amos que os maltratan! Nisto pásanlle diante a moitos homes...
Outro día; miña nai:
-De aquí en diante, desde que abramos o poleiro hai que vixia-las pitas..., que se nos foi a sentinela!
O avó:
-Era de temer, pois nos últimos días víase canso, co rabo entre as pernas.
A curiosidade do neno:
-¿Non podedes falar de xeito que vos entenda?
Miña nai, dándome un bico:
-Neniño, é que non queríamos desgustarte. Resulta que, cando fun lavar á Regueira, vin ao señor Brais, coa criada, debaixo do castiñeiro grande do seu Souto... Non, non estaban facendo nada malo, pero si doloroso: Estaban cavando unha foxa para soterrar ao “León”, que o levaran no carro das vacas. Achegueime para darlles o pésame, e daquela viñéronsenos as bágoas, aos tres, ¡co duro que é o Brais!
Avó:
-Choramos polas cousas desde que as perdemos, pero hai que atenderlles a tempo. Deixábano durmir fóra, debaixo do hórreo, e seguro que o entumeceu a xeada destes días. ¡Pasou o purgatorio en vida!
-Padriño, o outro día dixéchesme que os animais non teñen alma, e por tanto, non levan nada que purgar.
-Iso penso, pero, por se acaso, ti, rézalle!
¡Vaia se lle recei, que moitas visitas teño feitas ao castiñeiro da súa sepultura, e sempre con bágoas nos meus ollos! Con aquela perda, con aquela perla, gañei a experiencia de que os perigos hai que prevelos, tanto para nós mesmos como para tódolos que dependan da nosa prudencia.
O “León”, ademais das xeadas, tivera outro inimigo: aqueles raposos da Bouza de Veiga, sempre atusmándolles ás pitas do lugar. Tan pronto os vía, ou cheiraba, o bo do can poñíase a correr tras do raposo, e non paraba ata chegar ao río, ao Azúmara, pois alí, ao vadealo, seguramente que coa corrente da auga, o can perdía o cheiro, o rastro, e..., ¡volvíase para a casa, insatisfeito, pero tamén satisfeito polo servizo prestado. Meu pobre, volvía esgotado por aquelas carreiras, que hoxe chamaríamos, para comparalas, de campionato!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES