Cantares está configurado por dez cuartetas que se constrúen combinando catro versos octosílabos con asonancia nos versos pares,
abcb; nomeada comunmente como "copla

ou cantar" (2); por iso, o poeta denomina ao poema como "Cantares".
As coplas ou cantares formados por cuartetas asonantadas ou tiranas, son de carácter popular e Avelino quérelle dar esta tonalidade co obxectivo de que chegue ao gran público. Estas coplas (3) de catro octosílabos multiplicáronse nos cadros líricos das cantatas e nas cancións das cantareiras. As letras das cántigas ou dos cantares, sempre fornidas de cuartetas, son satíricas a maioría das veces, como tamén é comprobabel neste caso.
Ao poema podémolo dividir en dúas partes:
1ª. Formada polas sete primeiras cuartetas referidas aos galegos que non saben falar a súa lingua ou falan mal dos nosos. Avelino dános un exemplo a todos os galegos do que temos que facer coa nosa lingua e como non debemos nin podemos falar mal dela, pois se o facemos, estamos a falar tamén mal de nós mesmos.
2ª. As tres últimas son unha incitación, exhortación ou rogo para que falemos galego e as razóns e consellos para facelo.
PRIMEIRA PARTE
Comeza a primeira cuarteta cos renegados da fala.
"O que naceu en Galicia
e da súa fala renega
ese nin á propia nai
lle sabe ter reverencia"
A segunda vén a ser a continuidade da primeira, mais referida a falar mal dos nosos e ben dos alleos:
"E, das cousas d-este mundo,
a mais cativa e noxenta
falar mal das xentes nosas
e ser chufón das alleas".
A terceira trata do descrédito que supón falar mal dos familiares, como comezo para que se acepte a seguinte, xa referida ao galego:
"O que dos seus famillares
fala mal (inda que seia
con razón) é un coitado
que a si mesmo se descreta".
Na cuarta Avelino entra xa de cheo co que nos quere transmitir: O galego que non fala a nosa lingua ou que fala mal dela; ten dúas posibilidades: ou fuxir lonxe de nós ou aprendela de novo:
"Galego que s-esquenceu
de falar a nosa lengua,
que fuxa lonxe de nós
ou que volva a deprendel-a"
A quinta volve a esa bipolaridade que xa empeza na anterior cuarteta. Esa oposición ou antítese maniféstase na diferenciación de virtudes e defectos:
"Galego que solo atopa
virtudes na xente allea
e defeutos nos hirmáns,
é de mui mala raleia"
A sexta tamén ten esa antítese entre "criticar" e "loubar", "os do lugar" e "os forasteiros":
"Criticar ós do lugar
e loubar ós forasteiros
eso non pode ser máis
que servilismo noxento".
Na sépima transmítenos o que é a apariencia, moi propia de certos galegos, que desde a noite da Frosuseira, renunciaron a selo, mais, xamais o conseguirán:
"O que quer aparentar
ser outro, sendo galego
ó fin tense de quedar
sin ser esto nin aquelo"
SEGUNDA PARTE
Toda esta parte é unha loa ou loanza, mais tamén unha optación; é dicir, unha viva manifestación ou un vivo desexo de acadar algo a través dese imperativo "fala" e "falai", palabras coas que comezan as dúas primeiras cuartetas da segunda parte e que podemos chamar "deprecación", por ser unha optación ou desexo, engadíndolle razóns e rogos ou súplicas que atinxen tamén a unha función da linguaxe denominada apelativa ou conativa, xa que funciona como unha chamada de atención, debido a que o autor espera unha reacción por parte dos oíntes, sempre tratando de influír en nós para que falemos o galego por ser: doce, mimoso, por ser o noso deber, por querelo as nosas nais e mais para honrar á Patria:
"¡Fala galego, rapaz,
mociña, fala galego
lengua na que vosas nais
cantaban pra vós no bercio!"
"Falai o doce lenguaxe
que deprendestes de nenos;
outro falar máis mimoso
non-o ten o mundo enteiro".
"E, querer ás nosas nais,
o noso deber primeiro
i-honorar á nosa patria
polo bon nome que temos".
NOTAS:
1. Opera Cit. Páxs. 47-48.
2. NAVARRO TOMÁS. T.- Métrica española. Ed. Labor. Barcelona 1995. Páx. 533.
3. NAVARRO TOMÁS. T.- Métrica española. Ed. Labor. Barcelona 1995. Páx. 338.