En "Confesión" volvemos estar cun poema construído por seis décimas, que aínda que sexan boas para expresar as queixas ou lamentos, tamén se empregan nos máis

variados asuntos (2) como pode ser nesta confesión algo autobiográfica do autor.
As décimas, segundo a súa forma tradicional de rima:
abba:ec:cddc, composta por dúas redondillas
abba e
cddc e no medio, dous versos de enlace entre a primeira e a segunda,
ac. O tema preséntase na primeira redondilla, a segunda completa o pensamento e a transición faise cos versos de enlace.
En canto á morfosintaxe, observamos un predominio da primeira persoa xustificada por ser unha confesión autobiográfica:
1. Propia dos verbos en formas como: "voltei, ensaiei, axunguín, estou, coido, teño, falo, escribo, levo, quero, teño etc.", propias do pretérito e do presente de indicativo.
2. Tamén dos verbos en terceira persoa acompañada dun posesivo: "deume, me deu, me fixo".
3. Emprega así mesmo o posesivo con verbos en infinitivo que se substantiva. "meu saber, meu vivir, meu sentir".
4. Tamén é propio da confesión o emprego do posesivo en primeira persoa en compañía do substantivo e do adxectivo: "meu pasado, miña nenez fuxida, o meu meirande pecado, meu anceio, no peito meu, etc.".
No referente ao contido, comeza a primeira décima como "/A roseira das lembranzas/ do meu pasado vivir/.... deume novas inquedanzas". Volvendo ao uso da primeira xuventude, falando na lingua de Pondal e Rosalía. Na segunda, lembra a súa nenez fuxida..."/i-ollándome ó craro espello/ dos meus anos de pequeno/ inda coido ser un neno/ que percisa un bon consello/". Na terceira confesa como a sabedoría "/non me deu sona nin cencia/ nin me fixo ser nomeado/ "...aínda que tampouco ten moito interese por elo e sendo un home culto, chega á máxima socrática "/i-é tan pouco o meu saber/ que naide envexa me tén/".
Xa na cuarta décima é cando descubrimos que a confesión é relativa á Lingua e Avelino Díaz confésase falador do galego porque é doce e agarimoso, mais sobre todo por ser a lingua nosa; ademais, gústalle escoitala e por iso se declara falador e escritor galego:
"Falo a nosa doce fala
por que é tenra e garimosa
e mais por que sendo nosa,
sería un crime non fala-a.
Teño ledicia ao escoitala
dos galegos de boa lei
i-a mais das razóns que dei,
folo i-escribo galego
pra non ser un burro cego
como moitos que atopei".
Na penúltima décima confesa levar dentro do seu peito o amor ao galego e parece ter esperanza nel:
"Levo, drento do meu peito,
un amor i-unha esperanza;
os dous fan nobre xuntanza
da qu-estou moi satisfeito.
Vivir quero deste xeito
como galego que son
sementando esta eixpresión
sinxela, do meu vivir;
ora que teño un frorir
novo, no meu corazón".

Na última, declara ter fe no rexurdir da nosa raza, sendo este o seu anhelo. Remata o poema cunha estrutura pechada. Se a primeira décima comeza "/A roseira das lembranzas/ do meu pasado vivir/"..., a última remata así "/Son rosiñas que me deu/ a roseira das lembranzas/", observándose un peche total e absoluto sen posibilidade de incrementarlle máis contido e cunha metáfora preciosa, a "roseira das lembranzas", onde presupoñemos que cada rosa é un recordo:
"Teño fe no rexurdir
da miña Raza potente
que ten o sino na frente
d-un maxestoso porvir.
Meu anceio, meu sentir,
i-estas novas inquedanzas,
froito son das esperanzas
que aniñan no peito meu.
Son rosiñas que me deu
A roseira das lembranzas".
NOTAS:
1. Opera cit. Páxs. 45-46.
2. NAVARRO TOMÁS. T.- Métrica española. Ed. Labor. Barcelona 1995. Páx.269.