Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poder e servilismo

lunes, 13 de julio de 2020
Estamos no de sempre: que este Recuncho escríboo o sábado e alguén o está lendo o día que xa se resolveu unha das situacións políticas do noso país. As enquisas dicían que seguirían mandando os de sempre e o meu análise seguirá máis ou menos tamén coma sempre; é dicir, que pola noitiña deste luns empezaremos xa nos bares a esbardallar de tal ou cal medida que non vén a conta, ou zumba que dálle a unha situación da que non hai dereito. Etcétera.

Así é que, para non seguir coa mesma tónica, pillo outro asunto e xa quedo máis tranquilo. Case digo máis contento, pero non, en tal caso, máis enfadado ou máis anoxado. Porque volve asomar polas páxinas xornalísticas a carallada esa do pazo de Meirás. Que seguimos coa leria de se foi unha doazón, un agasallo ou deberes que lle había que realizar ó poderoso de sempre, algo así coma o antigo dereito de pernada (o de antigo é un dicir, pois hoxe aínda hai ben diso). Pero se ata o propio Estado xa está de acordo en que Franco adquiriu o pazo de forma ilegal. Calquera que teña dous dedos de fronte sabe perfectamente que aquilo non foi nin doazón nin agasallo. É que incluso, aínda que fora así, todos sabemos por que se realizaban eses presentes, eses obsequios, eses regalos e de que forma se facían.

Non fai falta ir á propia posguerra -por aquilo do abuso dos vencidos-, senón que basta con achegarnos as décadas dos anos 60 e 70, as que máis coñezo, para analizar quen tiña o poder nas vilas e como o usaban; alentados incluso polo noso propio servilismo, que sempre foi moito e sempre será. Nunha pequena vila, a quen se lle tiña respecto?... ó señor alcalde, ó cura, ó practicante, ó veterinario e ós señoritos, que, estes, aínda que non foran nada, eran señoritos e chegaba. Á garda civil non se lle tiña respecto; tíñaselle medo, que tamén chegaba de carallo.

Vou coller o exemplo do veterinario na cuestión das matanzas do porco. De todos é sabido que, ó matalos, había que levarlle “a proba” para a súa análise de posibles enfermidades. Se non recordo mal, tal “proba” consistía nun cacho da lingua do porco e poida que algunha outra peciña máis. Con iso bastaba. Pero á casa do veterinario, ás veces, chegaban bos paquetes con “probas” do porco. Por se aquel. A ver se por un casual vai ter algo o porco e nos bota todo para atrás. Untámoslle un pouco a despensa, e todos contentos. Poder e servilismo. Conxunción perfecta.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania