Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sementes portadoras de vida

domingo, 12 de julio de 2020
Deus Pai revelóusenos en Xesús a toda a humanidade, á creación enteira. Xesús exprésanos a mensaxe do Pai en estreita relación coa terra que dá vida ou tamén, como se nos di no evanxeo de hoxe, “á beira do mar”, proclamando unha mensaxe de fraternidade universal, a de sermos fillos dun mesmo Pai que nos quere, que nos dá a vida e nola promete ademais para toda unha eternidade.

A fermosa parábola do sementador, que hoxe se nos presenta para a nosa consideración e reflexión, é un discurso de quen senta cátedra, tal como nolo conta Mateo, “á beira do mar”: “Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar”. Aínda que o xentío era tan numeroso e estaba tan pendente de Xesús e do que el dicía, que tivo que se subir a unha lanchiña. Non precisaba el de libros (nin de papeis) para se dirixir ás xentes que o seguían. Non nos deixou nada escrito da súa man. Serían outros, os evanxelistas, os que nos falarían del, engadindo estes pola súa parte que non habería libros suficientes no mundo para deixar neles perfecta constancia de canto el dixo e, sobre todo, fixo. Porque en realidade, máis que alguén que emitía palabras, era el mesmo, todo el, a Palabra, a Palabra de Deus Pai para nós. A Palabra que, como nos dirá Xoán, se fixo carne e habitou entre nós.

Xentes mariñeiras e labregas, é dicir, aquelas que vivían a rentes do mar, sementeiro de vida, ou preto dos sucos da terra-nai que dá millo, trigo, mazás ou viño, estas xentes (e os galegos temos que darlle grazas a Deus por termos nacido nun país así), estas xentes –digo- podían, poden, podemos entender quizais un chisco mellor ca outros a mensaxe de Xesús como sementador de vida.

Deus Pai non fai senón sementar a súa palabra por medio deste Xesús que é a Palabra e por medio de tantas persoas, acontecementos, alegrías ou sufrimentos que nos acompañan e acompañarán dunha ou outra maneira ó longo da nosa vida.

Mais sabemos ben que quen sementa non recolle sempre froitos iguais nos diversos terreos nos que realiza a sementeira. Iso é o que o Evanxeo de hoxe nos vén dicir. É sen dúbida un misterio, humano e divino, o porqué nunhas persoas o froito da palabra que vén de Deus se converte en fermoso e vizoso mentres que noutras non pasa de ser regular ou cativo.

En calquera caso, temos que decatármonos de que é sempre Deus quen nisto leva a iniciativa. El é o sementador, o que desde si mesmo nos dá a posibilidade de producir froitos de vida e de fraternidade. El é aquel de quen procede a semente, sementándoa no interior dos nosos corazóns ou tamén, como nos di Isaías (na primeira Lectura) o que actúa desde arriba cara a baixo, ó xeito da chuvia ou da neve que descenden de arriba. Se isto falla, vén a seca e a terra deixa de producir.

Non nos é doado analizar ata o fondo a semente de Deus. Mais non deberiamos esquecer que o que vén de Deus é loxicamente cousa divina e non ten por que axeitarse ós nosos modos, cativos e limitados, de ver as cousas. Ás veces podemos pensar que o noso mundo, o de hoxe, é un deserto, un páramo no que o divino, os froitos da palabra de Deus, non se ven case por ningures. Mais aquí temos tamén que aprender o que a palabra de Deus nos di. Polos seus camiños -que non teñen por que coincidir sempre cos nosos- o Sementador, é dicir, Deus, segue a traballar no traballo da sementeira. Non podemos saber de antemán que froitos concretos quere acadar el a través de nós, na nosa época, ou a través dos que veñan despois de nós, nunha historia que endexamais deixa de se presentar en cada tempo concreto como nova e sorprendente.

En calquera caso, Isaías anúncianos que a sementeira de Deus non ten marcha atrás. Deus comprometeuse en Xesús co mundo e coa humanidade toda, que son obra súa. Por iso Deus Pai salva e salvará nel o mundo e levará a cabo o que quere. Isaías preséntanos a Deus falando da eficacia e do froito da súa palabra dada ó mundo comparándoa coa chuvia que sempre descende cara abaixo e que non volve subir cara arriba coas mans baleiras. Así, pois, talmente como a chuvia enchoupa a terra e fai que produza froitos, “así tamén será –dinos o Deus de Isaías- a miña palabra que sae da miña boca: non volverá a min en van, senón que fará o que eu queira”.

Se non fose así, Deus tería fracasado nos seus plans sobre o mundo e sobre a humanidade, proxectos que por seren divinos non poden senón estar cheos de infinita sabedoría e de poder e bondade incomparábeis.

Sabemos, si, tamén pola palabra que o noso Deus sementa en nós, que a vida non nos aforrará padecementos e contrariedades. Pero iso non é máis có pequeno prezo que temos que pagar para que chegue a alumar plenamente en nós a luz que nolo aclarará todo. Tamén a semente, como calquera labrego ben sabe, podrece e desaparece aparentemente no intre mesmo de se transformar en novo froito. Esa nova e transformada vida fará que o proceso anterior non veña xa contar practicamente nada. Dito coas palabras da segunda Lectura (da carta de Paulo ós Romanos): “non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós”. É algo así, en palabras tamén de Paulo, coma o proceso dun parto laborioso, que ó final queda superado pola alegría do nacemento dunha nova vida: “toda a creación –dinos Paulo- vén xemendo ata hoxe e retórcese coma con dores de parto”.

Que esta esperanza de vida nos converta a todos en sementes portadoras de vida e de eternidade.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES