Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A dimensión relixiosa popular do S. Bernabé en Meilán, Riotorto, Lugo; e noutras comarcas limítrofes. Tipoloxía dos exvotos (7)

jueves, 13 de agosto de 2020
7.2.1. Ofrendas propias dunha ‘Liturxia Oficial’
A. A Ofrenda en metálico

Trátase dunha ofrenda, que se está facendo moi usual, en case todos os santuarios desta provincia. Lévase a cabo dos seguintes xeitos:
2.1. Os devotos, logo de poñe-lo santo, deixan unha esmola nunha bandexa ou boeta, que se encontra ó carón do poñente.
2.2. Un sancristán ou fregués da parroquia vai recollendo nunha bandexa ou petitorio a esmola dos devotos, que asisten á misa.
2.3. Nos petos que se atopan no interior do santuario.

7.2.2. Ofrendas propias dunha “Liturxia Popular”
A. Os Exvotos

1. Concepto.
Son ofrendas que os devotos lle ofrecen ás diferentes entidades sacras como sinal dun favor recibido. Úsanse normalmente como signos e recordos, polo tanto deben colocarse nun espacio manifesto. “As paredes de moitas ermidas i eirexas aparecen cobertas de exvotos, reproducción en cera de membros humáns (pernas, brazos, maus, corazóns, ollos), como agradecimento polo que fora curado. Barcos, mechóns de pelo, cadriños coa representación do miragre, ofertas por se ter comprido a petición feita”. As motivacións que implican a entrega de exvotos é moi variable: a curación dunha doenza humana ou animal; a protección da cabana animal; saír ileso dunha catástrofe natural, dun accidente; ter un feliz nacemento etc. “ El motivo del exvoto puede ser diverso: una curación, el regreso de una guerra, la vuelta de los emigrados, salir ileso de un accidente, un feliz nacimiento…”. Por outra banda é un costume moi antigo, aparecendo xa na Prehistoria. Segundo Taboada Chivite, na cultura celta da Téne apareceron amuletos antropomorfos coa representación total ou parcial do corpo. Tamén os pobos mesopotámicos ofrecían as súas divinidades baixorelevos, vasos, estatuas etc... Asimesmo, son importantes os exvotos ibéricos, que comezaron a coñecerse a partir do século XVIII; estes, de prendido entre entre 6 e 12 cm, representan a guerreiros, xinetes, damas, animais diversos, membros amputados etc...; é mester resaltar a importante colección de exvotos ibéricos, dos séculos III-II (a.d.C) que se conserva no Museo Arqueolóxico de Madrid. “ El exvoto arranca de los tiempos más primitivos y perdura hasta nuestros días. Muchos castros que han sido cristianizados…muestran claramente un antigo culto pagano y no sería descabellado pensar que entre los escombros del primitivo poblado se encontraran antiguos exvotos, como los de los santuarios ibéricos de Cautelar de Santiesteban y Collado de los Jardines, en Jaén, el de la Luz, en Murcia…”. Na Grecia antiga, as persoas doentes adicaban exvotos ao deus da menciña grega Asclepio, e a outros deuses; adoitaban tratarse de reproduccions –segundo o nivel social- en ouro, prata, mármore, da parte doente do corpo humano. “ Eu teño visto no santuario de Epidauro, en Grecia, que á intemperie hai unha pedra de cantería con dúas orellas esculpidas e unha fermosa inscrición capital onde queda de manifesto que foi un devoto o que ofreceu ao deus Asclepios, o Escolapio romano, ese exvoto, que son dúas orellas para sandar do problema dos oídos”. Nos museos arqueolóxicos de Tesalónica e Atenas, así como no museo da Acrópolis (Atenas) tamén hai exvotos desta índole. Na Roma antiga sucedía o mesmo; as doacións consistían en pequenas estatuas de bronce, de mármore ou en terra cocida das partes do corpo, que sufriu a doenza. No museo do mosteiro de Montecasino, situado na rexión italiana da Campania, encontramos exvotos de diferentes materiais, predominando de tódolos xeitos os de “terracota” (terra cocida), orixinarios dos santuarios itálicos. Por outra banda unha das formas de exvoto na que máis se reflicte a arte popular é a que consiste nunha pequena taboa pintada, onde se simboliza a historia do milagre; este tipo de exvoto, moi frecuente nos países latinos e hispanoamericanos, aparece asimesmo nos exvotos xaponeses chamados “Emma”.

2. Tipoloxía dos Exvotos
2.1. Ofrenda en Especia

Antano na maioría dos santuarios os devotos, levaban de ofrenda, productos do campo; productos derivados do cocho: unllas, linguas, cachuchas, lacóns; productos criados na facenda: pitas, polos…; e productos elaborados na casa: queixos, mel… Isto era debido a deficiente circulación monetaria, que existía sobre todo nos núcleos rurais.

Sen embargo, na actualidade aínda hai algúns santuarios, nos que segue habendo este costume; isto é debido en gran medida ao interese, que amosan algúns devotos por mercar productos, que estiveron en contacto coas imaxes sagradas, polo seu carácter benefactor.

Neste santuario, segue habendo “ofrenda en especie”. Algúns devotos traen productos do cocho: lacóns, dentes, cachuchas; tamén tarros de mel, queixos… Esta ofrenda é poxada ao rematar a misa das 13, 30 asistindo un bo número de fregueses e devotos do Santo. O “ritual da poxa” sempre estivo a cargo de Euxenio Fernández, fregués de Espasande de Arriba (Santa Marta de Meilán). Sen embargo, no ano 2013, debido ao seu pasamento, a poxa fixoa un integrante da orquestra, que fora contratada pola comisión para amenizar esta festividade.

Os productos, que ofreceron algúns devotos no ano 2013 ao santo, para ser logo poxados foron os seguintes. Productos derivados do cocho: catro lacóns, tres dentes, catro cachuchas, catro paquetes de embutidos, que contiñan vinte chourizos; outros productos: un queixo de Castela, e oito tarros de mel.

O que realiza "a poxa" fai lotes, segundo os productos; e, logo, poxanse individualmente, comezando por un prezo de saída que pon "o poxador". Logo, as persoas, que participan neste ritual, van ofrecendo distintas cantidades polo producto ata que ninguén ofrece maís, acadando o producto a persoa, que fixo a última oferta. Este proceso vaise a continuar con todos os demais productos, que se sacan “a poxa”.

No ano 2013, a dinámica ou desenvolvemento de gran parte da “poxa” foi do seguinte xeito:
1. Producto. Un lacón.
“Comenzamos con un bonito lacón, que empezamos con 20 euros, 25, 25 (palabras do “poxador”), 27, 29, 30, 35, 45, 48, has dicho 49?, has dicho 50?, 49,49, nos quedamos en 48”.

2. Producto. Un lacón.
“Empezamos con 30 euritos, quien ha dicho 31?, 32 euros?, esa pierna de lacón, 30 euros a la una, a las dos, a las tres”.

3. Producto. Un lacón.
“Empezamos con 15 euros, 16,16, 20 por aquí, alguien dijo 21, 22, dicen 25, 30 de momento (a la una, a las dos), 32, Fina esto es tuyo.”

4. Producto. Un queixo de Castela.
“Empezamos con 30 Euros por aquí, 32,32, 33, 35, 35, alguien dijo 38?, 35 (a la una, a las dos, a las tres)”.

5. Producto. Un dente de cocho.
“Precio de salida, 15, 17, seguimos por 17, 20,20,20,20 a la una, a las dos, a las tres”.

6. Producto. Dous dentes de cocho.
“Empezamos por 40 euros, quien ha dicho 42?, 45?, 40, a la una, a las dos, a las tres”.

7. Producto. Lote de embutidos.
“Han dicho 25 por aquí, 25,25,25, han dicho 30, quien puede más, 30,30,30, 35 a la una, a las dos, 40,45, 46,46,46, 50, a la una, a las dos, a las tres”.

8. Producto. Dous tarros de mel.
“20 euritos precio de salida, 20 para Fina, 22 para Lolo, 22 de momento, Fina has dicho algo? , 25, alguien dijo 26, 27? , queda en 25.”

9. Producto. Dous tarros de mel.
“20 euros de salida, 22, de momento 22,22, 23,? 24?, 22 de momento, 23, 25, 26,26, 30, a la una, a las dos, a las tres”.

2.2. Os Exvotos dos Obxectos persoais
Noutrora as persoas que sandaban dunha enfermidade levaban aos santuarios as muletas, os bastóns e outros obxectos, que lles foras útiles no transcurso da doenza. Estes obxectos foron desaparecendo dos centros sagrados. Sen embargo, aínda hai poucos anos había dúas muletas no Santuario de Vilaselán (Ribadeo).

Tamén hai exvotos relacionados cós hábitos das ordes relixiosas. Éstes son levados por algúns devotos na procesión debido a algunha promesa realizada. Así, o hábito do Nazareno adoita ser levado por algúns ofrecidos nos Santuarios das Dores (Robra) (Outeiro de Rei) e no Eccehomo (Rubián) (Bóveda), ben levando as andas da imaxe ou acompañandoa na procesión.

Asimesmo, cómpre distinguir “as mortallas”. Trátase dunha vestimenta de cor branca, que levan algúns devotos -normalmente do xénero feminino- en cumprimento dunha promesa realizada nalgún momento determinado, no que se encontraron en grave perigo. Hai anos eran unha ofrenda usual no santuario da Virxe de Cadeiras (Sober). Hoxe esta ofrenda unicamente a realizan algunhas mulleres ofrecidas no Santuario da Virxe de A Ermida (Quiroga).
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania