Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

‘Zapatillas rotas’

viernes, 04 de septiembre de 2020
Xabier Quiroga escribe así de ben, cunhas mans de alfareiro do idioma. Velaquí, nesta novela, nas súas novelas, a mellor política lingüística do país. Na que non cre un poder que le pouco, que non escribe, que non le novelas como 'Zapatillas rotas'.

Velaquí un canto cheo de quentura ás cousiñas pequenas, cotiás, as que viven a carón de nós. E dicir, as verdadeiramente importantes. Velaquí as aventuras e desventuras dun ancián que escapa dunha residencia, e dun parado: as dúas caras da moeda do país. E dun policía pousón a piques de xubilarse. Unha figura con tanta vida no lombo que acaba por transformarse na pedra necesaria e desencantada de Sísifo.

A novela camiña calzada cunhas zapatillas rotas así de cómodas, tras a abracadabrante busca do velliño que escapa da residencia para coller o fío da vida que escapa. Unha viaxe chea desa necesaria mestura de sorrisos, tristeza e tenrura. Como na súa aventura miúda acompáñase dun parado, xa temos aquí o espello no que podemos mirarnos e recoñecernos. O retrato do tempo que estamos a vivir, cos 'valores' desta sociedade esvarando cara a ningures polo tobogán dunha crise irreversible.

Tamén pódese ler como unha rebelión contra o sistema que arrinca aos vellos das súas vidiñas, da casa e da contorna, dos olores e da paisaxe, desa familia cercana que é a veciñanza, para ancoralos en residencias onde van estar máis coidados, pero definitivamente máis afastados. Ese territorio pretendidamente tan humanizado agacha o infinito negocio cada día máis espallado polo país. Longas vidas de austeridade, traballo e aforros apenas alcanzan para pagar uns poucos anos ao final da vida.

Na súa fuxida, a viaxe transita pola burbulla do mediático, esa irreparable febre do sensacionalismo que vende e deforma. E tamén polo sentidiño do guardia a piques de xubilarse. E polas fermosas corredoiras do idioma que este Xabier Quiroga domina con mans de orfebre. Por iso cómpre lelo. Como cómpre ler a abondosa fornada de homes e mulleres que están a agasallarnos agora mesmo con obras de altísima calidade.

Tanta tenrura, tanta melancolía, tanta retranca, tantas derrotas, tanta vida camiñando a modiño cunhas 'Zapatillas rotas'. Dentro da caixa do Libro de Xabier Quiroga.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES