Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Recúa o limiar da vergoña?...

viernes, 10 de julio de 2020
Pretendo referirme aos chamados “desvergoñados”, porque teñen o seu papel aquí, en contraste coas vergoñas e os escrúpulos que, segundo o sociólogo, Dr. Elias, se presentan como un hábito propio das persoas occidentais, principalmente, e que define como “unha excitación específica, unha especie de medo, que se manifesta de modo automático e habitual no individuo por razóns concretas”. E introduce dous elementos que, pese a cualificar dunha certa superficialidade, penso que merecen algunha reflexión: O MEDO Á DEGRADACIÓN SOCIAL e ÓS XESTOS DE SUPERIORIDADE DOS OUTROS.

Comezo insistindo en comentar algunhas das ideas deste sociólogo, porque, segundo certa información, teñen unha visión orixinal na análise do proceso de civilización, polo menos dende o século XVI, que a diferenza doutros coñecidos sociólogos, que non soen compartila. Convén recordar aquilo que dixemos noutras colaboracións acerca do efecto das coaccións externas xerando no psiquismo da persoa as correspondentes auto–coaccións e o autocontrol, porque a vergoña, no sentido no que utilizamos o termo, ven a ser un modo que estas teñen de manifestarse, sen excluír moitos outros.

Se contrastamos os vergoñosos cos desvergoñados, non só queda a diferenza na carencia de vergoña dos segundos, senón en algo máis profundo, posto que a vergoña dos primeiros non se limita a un conflito do individuo coa opinión social, senón que este entra en conflito consigo mesmo, co seu propio EU persoal que representa esa opinión social, é dicir, sente unha certa timidez e conciencia a propia angustia que lle produce ese estado de apoucamento, porque teme perder o aprecio daquelas persoas das que lle interesa mantelo. Polo contrario, o desvergoñado carece desa clase de sentimento, e pretende manifestar a desexada superioridade mediante unha conduta xarela, para remontar un sentimento de inferioridade que mantén agochado, e pretende superar semellando o contrario, converténdoo nunha vacilante fortaleza e arrogancia, da que se sente necesitado de que todos se fagan eco.

Ao vergoñoso prodúcenlles medo as INFRACCIÓNS DAS PROHIBICIÓNS SOCIAIS, como afirma o sociólogo nos seguintes termos: “Así se explica tamén que o medo á infracción das prohibicións sociais se converta en vergoña con tanto maior intensidade e nitidez canto máis claramente se transformaron en auto–coaccións as coaccións externas, e canto máis ampla e diferenciada é a gama de auto–accións que se impón ao comportamento do individuo”. Polo contrario, a desvergoña reina nos talantes dos que loitan por acadar unha superioridade que non teñen, e non poñen reparos en facelo, e, concretamente no caso español, na actualidade, insultando con inusitado descaro ás institucións e ao mesmo pobo español. (A evidencia dos exemplos, permítenme omitilos…!.)

Os desvergoñados están sentimentalmente libres do temor á degradación social, que a miúdo utilizan sen reparos como método na persecución dos seus obxectivos, porque consideran que o reducido ambiente que eles mesmos se crearon os protexe, e carecen dun marco de vergoñas en función do autocontrol, soportando con descarada insolencia as súas antipatías dunha sociedade que desprezan; é dicir, eles séntense fora desa sociedade, porque só respiran o osíxeno dos propios despropósitos. En cambio, a vergoña que soportan as persoas que desexan sincera e intimamente concordar cos comportamentos “civilizados” na sociedade na que se senten integrados, como xa explicamos, son valiosos elementos catalizadores do proceso de civilización, mentres os desvergoñados atráncano cuns comportamentos que xa foron borrados e superados historicamente ao través dos tempos. Logo rutilan indecisos pola súa bastardía e acaban enriquecendo a escoura social.

Consideremos, por outra parte, que, como os furúnculos que afectan aos organismos biolóxicos, “atractores” das defensas dos mesmos, de igual maneira, por extrapolación analóxica, aparecen nos organismos sociais, e así como naqueles producen dolor e molestias, ocorre tamén, sen dúbida, nestes; pero traducindo o inchazón purulento á linguaxe xestual de superioridade de certas fachendosas persoas integrantes da mesma sociedade, podemos constatar que a súa virulencia fortalece á eficiente función civilizadora da vergoña e desencadea nos portadores desta – que se ven arrastrados a soportar sentimentos de lacerante inferioridade, mais non se senten desfalecidos –, un indiscutible e manifesto espírito de colaboración civilizadora, como así se constata ao través da historia, na súa condición de coadxuvantes desta tendenciosa dinámica.

Todo isto ten unha conformación histórica que se fai acredora a que se estude profundamente, sen esquecer aquilo de que a Historia é a Mestra da Vida, e, neste aspecto, os que máis a necesitan, para os seus comportamentos e funcións sociais, evidencian prescindir dela, se é que a coñecen, ou a desvalorizan por un mal entendido desinterese práctico da mesma. Aínda que, non obstante, na nosa actualidade, hai motivos suficientes, penso, a luz do impacto social da pandemia, para reflexionar ata onde estamos levando os limiares da desvergoña incumprindo as normas do confinamento, ata o extremo de proliferar a delincuencia “chulesca”, de xustificado procesamento, creando un furúnculo social, precisamente por lucirse na loita coas regras sanitarias máis elementais.

Tamén con cordura deben manterse, pois, os políticos, porque os eventos que, ás veces, eles mesmos xeran, sen escusa por ocasionais, non xustifican nin paralizan as tendencias da historia, e moito menos as da natureza, que acaban abríndose camiño, e terminan invitando ao pobo a profundar sobre os motivos que arrastran aos triviais comportamentos, esquecendo, con demasiada frecuencia, que o poder que non está ao servizo da verdadeira AUCTORITAS, devén TIRANÍA.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES