Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Convirtamos as bágoas en perlas (2)

martes, 14 de julio de 2020
.../...

As perlas de Xesús, en canto home. ¡Tres, ou catro, ou máis!

Con Lázaro cadáver. A súa conmoción foi de compaixón e de pena. ¡Bágoas! Non dixo nada, non explicou nada, pero o seu pensamento voaría ao Paraíso Terreal: “¡Ese traidor de Satanás, que ocasionou estas parénteses...; máis agora teño a ocasión de demostrarlles que eu son o Señor da Vida; e máis adiante, coa miña Paixón, Morte e Resurrección, abrireilles a Porta do Ceo...; daquela, os bos e mailos xenerosos, pasarán, definitivamente, á Gloria, á Vida Eterna!

Xoán 11, 32-44. “María chegou onde estaba Xesús e, ó velo, caeu ós seus pés, dicíndolle: -Señor, se ti estiveses aquí, non morría meu irmán. Ó ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou: -¿Onde o puxestes? Contestáronlle: -Señor, vén ver. E Xesús botouse a chorar. Entón comentaban os xudeus: “¡Ai que ver como o quería!”... Marta, a irmá do finado, díxolle: -Señor, xa cheira, que leva catro días. Xesús contestoulle: -¿Non che dixen que se cres vera-la gloria de Deus? Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo: -Meu Pai, douche gracias porque me escoitaches. Eu ben sabía que sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que Convirtamos as bágoas en perlas (2)crean que ti me mandaches. E dito isto, gritou con voz forte: -¡Lázaro, vén para fóra! Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles -Desenleádeo e deixádeo ir”.

Cando contemplou aquela Xerusalén, aquela cidade tan amada, que algún día sería destruída. (Lucas 19,41-44). Laio sobre Xerusalén. “E ó enxergaren a cidade, chorou sobre ela dicindo: -¡Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante, e apertarante por todas partes. Esnaquizarante contra o chan, a ti e máis ós teus fillos. Non deixarán pedra sobre pedra, por non recoñecer a oportunidade de cando te visitaron”.

Os romanos de daquela adoitaban dicir: “Si vis pacem, para bellum!”; pero Xesús díxolles, díxonos, o contrario: “Se queredes evitar as guerras, amade a paz!”. (Xoán 14, 23-29: Xesús, é o “Príncipe da Paz”, e por iso nos deixa a súa: “Xesús respondeulle: Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el. O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou. Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo, e traeravos á lembranza canto vos dixen. Déixovo-la paz, dóuvo-la miña paz; eu non vola dou como o mundo a dá. Non vos agoniedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen ”voume e logo volvo onda vós”. Se me amásedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis cá min. (No senso da distinta misión entre o mandado e o que manda). Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades”.

Hebreos 5, 7-10. “El nos días da súa vida mortal, a fortes gritos e con bágoas, presentou oracións e súplicas a quen o podía salvar da morte e Deus escoitouno por mor da súa submisión. Aínda que era Fillo, aprendeu sufrindo o que é obedecer; e, consumada deste xeito a súa consagración sacerdotal, converteuse en causa de salvación eterna para tódolos que lle obedecen, ó mesmo tempo que Deus o proclamou Sacerdote á maneira de Melquisedec”.

Mateo 26, 36 – 39. “Entón chegou Xesús cos seus discípulos a unha finca chamada Xetsemaní, e díxolles: -Sentade aquí, mentres vou orar. E, levando consigo a Pedro e mais ós dos fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente angustiado. Díxolles: -Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade comigo. Avantando un pouco, caeu rostro en terra, mentres rogaba: Meu Pai, se é posible, arreda de min este cáliz, pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti”.

¡Estas si que foron, estas si que son, perlas, perlas auténticas; así que, Deo gratias!

Está claro que isto de chorar é unha fábrica de perlas, a colección é moi grande, así que volvamos aos humanos, ¡que é a nosa fábrica, persoal e directa!
-.-

Dos que choramos “ad intra”, dos que excretamos para dentro, que? ¿Somos máis humildes cós que choran para fóra? Choremos para dentro ou para fóra, o caso é que as bágoas son un don; pero non é doado de explicar, de comentar: nas bágoas sempre hai humildade, unha humildade da que se vale o Señor para acudir no noso auxilio, tanto se o facemos recoñecendo o seu poderío sobre as circunstancias concorrentes, como se, de cabreados, decepcionados, lle mostramos as nosas queixas: ¡Chora, pecador; agora polos teus pecados, que antes cá ti, polos teus, precisamente polos teus, chorei eu, e comigo a Nai que me pariu, Nosa Señora, ¡Túa Señora das Dores!
Os males que lle afectan á humanidade son reminiscencias daquela soberbia da Avoa que, incitada por Lucifer, quixo ser coma Deus, emulalo. Cristo redimiunos a alma, pero os corpos transmiten o seu ADN, coas impurezas contraídas. ¿Como ía ser a morte, caso de que estivese prevista, para os descendentes do Adán e da Eva? Isto é un de tantos secretos que se reservou o Creador para si; saberémolo desde que Deus, e só Deus, nos libere deste corpo corrupto. De momento conformarémonos coa verdade de que as bágoas proporcionan humildade, e a humildade é a mellor menciña contra a soberbia, esa tiña que nos pegou, da que tiña el, Satán.

Como en toda guerra, hai dous bandos; Deus, dunha parte; e os seus sublevados da outra. O home, a criatura humana, de redimido acadou o don de recuperar o seu libre albedrío: ¡Podemos alistarnos no exército que nos sexa preferido! Precisamente o lustre das bágoas permítenos distinguir con claridade, abrir os ollos sen mágoa, sen costras. ¿Como? Utilizando o seu lubricante para ben, para distinguir, de novo, o ben do mal.

As bágoas, indubidablemente, son un ben de Deus, pero tamén hai ocasións nas que Satanás nos inclina a optar polo mal, polos males que nos traerán perigos e tristuras para que, neles e con eles, nos entre outro tipo de soberbia, a de renegar dese Deus que nos carga coas cruces do noso, particular, calvario.

En definitiva, que o carisma das bágoas é un don simple e humilde do Espírito Santo, que trae en si, que comporta, que nos aporta, unha forza salvadora. Mentres o demo, polo orgullo, pola súa contaminación, nos conduce á perdición, Deus, aproveitándonos da humildade das bágoas, sálvanos da morte, da morte eterna, que é a terrible, pois a outra é un simple, “¡Deica logo!”. Deus, -din os místicos, e dan razóns abondosas e fiables como para crelos, rotundamente, absolutamente-, pola humildade das bágoas sálvanos da morte definitiva, séxase, da desesperante. El espértanos, e de espertos, avívanos este carisma no corazón dunha persoa cando quere volvela mellor, máis santa.

Xesús chorou en momentos de gran dor, de gran caridade, polas persoas e/ou polas cousas predilectas. ¡Cando sufriu vendo, coa visión futura, deifica, o que ía sufrir, tanto a súa Xerusalén como o seu pobo, o xudio, polas consecuencias que lle ía traer aquela soberbia de crerse por encima de Deus, pois iso foi o que pasou, o que fixeron, para xustificarse ante a monstruosidade de crucificar ao Nazareno. As consecuencias das soberbias son inconmensurables, tanto para as persoas como para os pobos.

Son moitos os bens que o Espírito realiza na vida daqueles a quen deu este don, o don das bágoas, pero a gracia só acontece, só se acada, se a persoa o acolle con recoñecemento, foi a conclusión que tirou Márcio Mendes no seu libro “O don das lágrimas”.
-.-

As bágoas, moeda de curso forzoso para pagar as débedas secretas. ¡O que estea limpo, que tire a primeira pedra! Ninguén o estamos, pois, quen máis quen menos, vai deixando tras de si un regueiro, un rastro, de débedas secretas, e á vez, imprescritibles. ¿Como se pagan? Só temos unha moeda de curso universal: ¡Con arrepentimento, con bágoas!

Para os danos a terceiros, para aos visibles, as nosas Sentenzas teñen sentada esta xurisprudencia: “Los daños, en el aspecto jurídico-penal, tienen una significación menos amplia que en su acepción gramatical, y lo constituyen todo acto materializado en un bien de propiedad ajena, que implique su destrucción o inutilización para los fines a que estaba destinado, alteración de su sustancia, deterioro, menoscabo, desmerecimiento, etc., y realizado consciente y voluntariamente con intención de causar un detrimento patrimonial”.

¡Ai, xa, pero ademais do Código Penal temos o moral! Se, por poñerme de exemplo, non enterro o esterco nas leiras, ademais da evaporación do NH3 pode ocorrer que veña unha tormenta e baixe o veleno das troitas ata o río... ¡Pobres troitas, co que me gustan, fritas e con xamón! ¿Está claro que, incluso de boa fe, pódese facer moito dano á humanidade, comezando por un mesmo?

Xesús, cando nos ensinou a orar, incluíu a petición de que imploremos ao Pai “que non nos deixe caer na tentación, que nos libre do mal”, e todo iso. ¡Xa; por pedir que non quede, pero tamén hai que colaborar con Deus, e non co diabro, que de pouco vale pedir axuda se despois buscamos, de “motu propio”, os praceres diabólicos!

Pensemos, por poñer outro exemplo, no dano que se fai utilizando unha muller allea, que despois mate a criatura, abortando! Deste tema pídolles aos curas que falen algo máis, que prediquen a fondo, pois o fornicio, polo que din e polo que se deduce dos mass media, non vai a menos.
-.-

Reflexionando sobre o "don" das bágoas.

Repasado o anterior, meditemos un pouquiño:
Convirtamos as bágoas en perlas (2)Din que os homes, acaso por, e para, darnos de valentorros, choramos menos cás mulleres. ¡Pero que brutiños somos: Xesús, Fillo de Deus, e por tanto, Deus, Deus trinitario, tamén chorou, sempre que as circunstancias llo pedían!

Por dúas veces, os Evanxeos refírennos que o Mestre afirmou, declarou, (Mateo 5,4, e Lucas 6,21)“ ”Ditosos os que choran, porque serán consolados”, “Ditosos os que agora chorades, porque riredes”. Son promesas, afirmacións, do Mestre, e por tanto infalibles: ¡Sen bágoas non hai premio!

Din os teólogos que na medida en que a nosa meta é imitar (o máis posible) a Xesús, levar con resignación as nosas cruces, e servir aos demais, daquela é lexítimo chorar; así que, non escondamos as bágoas cando estas sexan oportunas (as de “crocodilo” son outra cousa), que non é humano chorar para dentro; ¡ou non sempre!

Os filósofos din que se unha persoa, unha persoa que se teña por normal, nunca aprendeu a chorar, iso é porque non tivo grandes alegrías, nin grandes tristezas, e nin sequera empatía con outras persoas.

Debémoslle a San Benito esta Regra: "Confesar diariamente os nosos pecados con bágoas e suspiros a Deus". ¿Era un mexeriqueiro? ¡Non; era un místico!

A todo isto os médicos, que opinan? Eu, nos médicos, en cuestións relixiosas, teño pouca fe porque, afeitos a facer algún que outro milagre cos seus tratamentos, endéusanse, caen nun ateísmo absurdo, que os leva a confundir o touciño coa velocidade. Isto non me impide espigar unhas apreciacións da doutora Judith Orloff, que parecen lóxicas:

"Durante máis de vinte anos como médico, fun testemuña, unha e outra vez, do poder curativo das bágoas. As bágoas son a válvula de liberación do estrés para o corpo, da tristeza, a dor, a ansiedade e maila frustración. Ademais, podes ter bágoas de alegría, por exemplo, cando nace un neno, ou lágrimas de alivio cando temos pasado por unha dificultade. Na miña propia vida, estou agradecida cando podo chorar. Unha séntese limpa".

Tamén é unha forma de purgar as emocións reprimidas para que non se aloxen no meu corpo como síntomas de estrés, como a fatiga e a dor. Para manterse san e liberar o estrés, animo aos meus pacientes a chorar. Tanto para homes como para mulleres, as bágoas son un signo de coraxe, forza e autenticidade. O pranto fainos sentir mellor, incluso cando o problema persiste.

"Ademais da desintoxicación física, as bágoas emocionais sandan o corazón".
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES