En Caciques, en canto á métrica o autor emprega doce sirventeses, sendo estes, estrofas de arte maior, neste caso dodecasílabos con rima alterna ou tipo ABAB, que é unha variante do cuarteto (2).

Consta o poema, como arriba dixemos, de doce sirventeses de tipo dodecasílabo de 7-5 así denominada. Esta clase de verso divúlgase desde mediados do século XIX, e debido á presenza del en América, é polo que imos pensar que a Avelino lle vén o coñecemento da súa existencia das poesías de Sor Juana Inés de las Cruz de México, ou do mesmo Zorrila nunha serenata fechada na Habana en xaneiro de 1859 e pouco despois volveu a empregar o metro noutras dúas serenatas en México en 1864. A mesma Gertrudis Gómez de Avellaneda, que regresou á Habana en 1859 adoptou o metro 7-5 na poesía A las cubanas con que se inaugurou en 1860 a revista Álbum cubano, da que foi directora (3).
Se nos fixamos no primeiro sirventés como exemplo de todo o poema, observamos que case que todos os versos seguen esta estrutura: sete sílabas cunha parada ou hemistiquio e cinco sílabas ao final. Vexamos:
!Por enriba de vosco,(7) turba noxenta (5)
de noxentos e viles (7) politiqueiros (5)
os que da dinidade (7) sodes afrenta, (5)
fato de esfameados (7) e de logreiros! (5)
En canto á construción sintáctica dos doce sirventeses, o poeta tamén volve preocuparse, como sempre, da súa estrutura, pois aparecen xustamente seis, da forma que segue:
¡Por enriba de vosco + SN (Subs.+Adxec. ou Adxect.+Subs.)
turba noxenta
tunantes probes
fillos do diaño
probes coitados. Etc...
Vosco: Vós
Podemos dicir, incluso, que estes seis sirventeses primeiros están conformados por dúas partes; nos dous primeiros versos constrúe a negatividade dos caciques e nos outros dous fai unha comparanza co que sería a positividade que deberían ter e que lles falta. Vexamos:
Por enriba de vosco, probes tunantes
trencos de pensamento, mancos d-esprito NEGATIVIDADE
-------------------------------------------------------------------------------------------
que facedes a vida dos esmolantes
i-estafades ó pobo i-a San Benito! POSITIVIDADE
Nos seis sirventeses seguintes o comezo é distinto e a contraposición da positividade e da negatividade tamén, adoitando poñer ao principio o adverso e no último verso o proveitoso e positivo.
Todo o poema é unha acumulatio de palabras cheas de derrotismo e de negativismo referida aos caciques que, sempre foron, e aínda hoxe seguen sendo, un mal endémico na nosa Galicia. Comprobemos esta enumeratio ou acumulatio: turba inxente, viles politiqueiros, trencos de pensamento, mancos d-esprito, fillos do diaño, probes coitados, cuspe de desprecio, probes inseutos, sodes esterco, sodes larpeiros, sodes nugalla, sodes a fame, decís mentiras, nada facedes, estadéa de miserables, sodes todos axusticiables, samesugas, carrachas, mercadeiros indinos, sodes delincuentes, sodes canalla, etc.
Para remarcar a negatividade, emprega as seguintes estruturas:
Substantivo + Adxectivo.
Adxectivo + Substantivo.
Verbo + Substantivo + Adxectivo. Etc.
Pero o que dalgunha maneira fai chegar a forma máis adversa ou daniña ao lector é a través das comparacións coa positividade. Aquí temos algúns termos propios desta positividade: dinidade, sensibilidade, esprito, esmolantes, San Benito, anxes, honores, vergonza, decencia, estrelas, soles, honor, grorias, traballar, verdades, Pai eterno, xentes nobres, Cristo, etc...
Enfrontando o adverso e negativo co positivo e verdadeiro, xorden as figuras literarias

como son a comparación, a antítese e a cominación, ofrecéndonos unha cantidade inxente de imaxes dos caciques nunha caótica enumeración que dá fe da inquina e rabia, que o autor, con razón, lles tiña a estes tunantes; pero tamén, o poeta dá fe da súa riqueza léxica e produtiva.
Sodes unha estadéa de miserables,
non merecedes groria senón inferno
e, pra min, sodes todos axusticiables
diante do mund-e diante do Pai Eterno!
Remata o poema dividindo os versos en dúas partes ben pronunciadas entre os hemistiquios; a primeira parte heptasílaba e a segunda pentasílaba, como ut supra dixemos.
¡Mercadeiros indinos! ¡Pra dar exempro
fai falla un novo Cristo con rexa tralla!
¡Que vos bote a xostradas fora do tempro!
¡Sodes uns delincuentes! ¡Sodes canalla!
NOTAS:
1. Opera Cit.38-39.
2. QUILIS, Antonio.- Métrica Española. Ed. Alcalá. Madrid 1975, 3ª ed. Páx. 94.
3. NAVARRO TOMÁS. T.-Métrica española.Ed. Labor. Barcelona 1995. Páx. 376-377.