Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu quero ser científico ou investigadora

viernes, 10 de julio de 2020
As rapazas xa non queren ser princesas. E os nenos descobren que hai moito máis que o balón redondo. O coronavirus pechounos na casa. Tempo para xogar e ler, estar xuntos, enfadarse. Tempo para a solidariedade, para a bendita música e os libros. Para o aburrimento e a creatividade. Pechados, os rapaces descobren quen é necesario, quen banal.

A curiosidade, inserta no ser humano leva a mirar, a pescudar. Que está pasando? Por que a pandemia axeonlla ao mundo, colapsa a economía e leva por diante miles de vítimas? Sendo os avós a maioría dos mortos, preguntamos polo modelo económico que os considera carga intolerable. Tamén son testemuña do éxito da sociedade que foi quen de coidalos ben. Débeda de gratitude para os que saíron da dor dunha guerra entre irmáns. E soportaron a 'longa noite de pedra' da ditadura. E termaron coa pensión a carga de fillos e netos aplastados pola crise. E traballaron o inimaxinable para levantar o país.

Ese país, silencioso, parado, pon diante dos ollos aos nosos heroes. Non gañan soldos indecentes por correr rápido con motos e coches, encestar mellor, afinar coa raqueta ou meter máis goles. Cousas que medios teimudos colocaron como diana gorentosa con soldos obscenos. Fulminados das pantallas, aparecen agora, nidiamente, os imprescindibles. Profesións menosprezadas, mal pagadas e fóra dos focos que atordaban co glamour do exceso.

De súpeto vemos mulleres e homes con bata branca, xogando a vida nos hospitais. Vemos quen produce, transporta e vende o necesario para vivir. Vemos as forzas de seguridade velando pola convivencia e freando aos matóns. Vemos a UME, imprescindible nas catástrofes. E vemos ás nosas científicas e investigadores: xente que fai preguntas e busca respostas. Esquecida nos laboratorios ou expulsada fóra con soldos de vergonza comparados cos dos gladiadores do deporte, o establishment do IBEX e as redes clientelares.

Reclamamos aos investigadores respostas rápidas. Que diseccionen o virus. Que atopen a vacina que nos salve. Que descubran o bálsamo de Fierabrás que nos cure. E querémolo xa. Pero a ciencia ten os seus ritmos. Necesita científicos e laboratorios. Precisa os cartos que malgastamos en foguetes e purpurina.

Pechados na casa, as pantallas descobren para a rapazada aos novos heroes: os que producen a comida, doutoras e enfermeiros, científicas, investigadores. Cavilan os adultos como e onde se gastan os impostos. E sobre os que tentan destruír o estado de benestar. Por que malvenderon a herdanza do público e recortaron alí onde nos xogamos a vida. Por que estivemos a piques de quedar sen sanidade pública.

Sí, hai tempo. Ás veces os rapaces abúrrense. Miran pola ventá, máis aló deste pesadelo, e soñan con seren científicas ou investigadores.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES