Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: A roda do Carro

sábado, 04 de julio de 2020
Aí está. Quieta. Consumíndose. O tempo non ten compaixón de ninguén. Nin tan sequera desa roda de carro que deixou a súa pegada polas carreiras de Baños de Molgas, polas pedras de Baños de Molgas. Aí está. Apoiada contra unha parede para que un servidor sinta como a nostalxia empreña no pensamento. Hai un cachiño pousou Pingas de Orballo: A roda do Carrounha rula sobre a ferra ou a lamia da roda, que me quedou observando durante un cacho, ata que viu que me achegaba moito. Emprendeu o voo e eu seguina coa mirada. Cando a perdín de vista analicei a vida pasada desa roda coas cambas xa bastante deterioradas. O tempo. O tempo que todo o consume. Menos os recordos. De cando o carro cantaba cheo de esterco ou de estrume. De cando o eixo berraba desde o monte Medo cunha carga de toxos ou de herba seca. Recordos que bulen coma esa roda que, agora si, está aí, quieta, para que sexa testemuña de que houbo un tempo en que a vida non tiña nada de poesía. Achégome á roda e meto o brazo pola galga ou o ceo. Toco a madeira e non a oprimo por medo a que se fagan estelas. Deixo, entón, que a man acariñe con suavidade toda a peza coma se fose a pel dunha muller. Hai desexos que arrolan como a roda polo físico dunha ilusión, dunha quimera, dunha utopía. Miro ben a roda do carro e sei que o seu espírito vai envolto nas ás da rula que marchou cando cheguei. Emprendo o camiño de volta e axiña escoito un bater de ás. Viro a cabeza. Alí volve estar; a rula pousada na ferra da roda do carro. Hai situacións nas que semella que si se detén o tempo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES