Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O idioma dos Tribunais de Xustiza e actos xurídicos documentados

lunes, 29 de junio de 2020
Adoitan dicir recorrentemente algúns que a galeguización da Administración de Xustiza non avanza por mor da escaseza de xuíces que diten as súas resolucións en galego. O certo é que esta é unha verdade, pero a medias. Alomenos se a xulgamos cos parámetros utilizados en outros ámbitos sociais nos que as mobilizacións cidadás conseguen, coa súa presión social, modificar puntuais feitos políticos.

É certo que o número de resolucións en lingua galega non superan o 5% do total das emitidas. E ben deitamos de que existan xuíces e fiscais, todos eles integrados na Irmandade Xurídica Galega, que son exemplos para moitos outros profesionais do dereito – avogados e procuradores – que deberan imitalos. Mais eles seguen na súa irracional teima de utilizaren o castelán nos procedementos xudiciais.

Tamén é certo que sendo Galicia un pais de minifundios, e onde a propiedade está máis repartida en comparanza co restos dos territorios do Estado, os protocolos notariais maioritariamente escríbense en castelán. E o mesmo podemos dicir da constitución das hipotecas. Tamén a lingua galega é anecdótica na declaración de herdeiros que tramitan as notarías. Os galegos, a máis de seren maioritariamente galegofalantes, poñen menos empeño nos cambios lingúísticos ca nas transformacións sociais e económicas que se demandan nas mobilizacións sociais, onde proliferan bandeiras e faixas con proclamas, iso si, escritas en galego. Este panorama que está xeralizado no país contrasta coa escasa presenza da lingua galega nos actos xurídicos documentados (testamentos,etc.)

Malia que a Lei de Normalización Lingüística recoñece o dereito a solicitar dos órganos xurisdicionais que se diten sentenzas no idioma elixido a instancia da parte, ningún avogado fai uso desa potestade. Tampouco os clientes deses servizos instan aos profesionais a que defendan os seus intereses na nosa lingua.

De haber maior complicidade social o número de procedementos xudicais, sentenzas e documentos xurídico-privados redactados en lingua galega estarían máis xeralizados. Mais ese desexo non é posible por mor da incoherencia da marioría da cidadanía, sobre todo da que se dí máis consciente.

Este ano conmemórase o 35 aniversario da primeira sentenza ditada en lingua galega pola Audiencia Territorial da Coruña, órgano xurisdicional que precedeu ao actual Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Aquela sentenza fora posible grazas á solicitude expresa do Concello de Redondela que era parte no procedemento que tiña que ser resolto pola Sala do Contencioso-Administrativo. Se todos os concellos galegos, deputacións e asesorías xurídicas da Xunta de Galicia fixesen o mesmo, o uso do noso idioma estaría máis normalizado. Esta efemérede será lembrada pola Irmandade Xurídica Galega cun acto de especial relevancia que se celebrará o día 24 de xullo

Unha semana antes, o día 16, celebrarase en Celanova outro acto semellante, tamén promovido pola Irmandade para conmemorar o 25 aniversario do primeiro procedemento xudicial instruído integramente en lingua galega por don Antonio Puga Rodríguez, xuíz daquel Xulgado. Este feito histórico será lembrado nunha placa que se descubrirá na fachada da sede xudicial. Aproveitando a celebración, serán convocados os alcaldes ourensáns para convidalos a asinaren a “Declaración de Celanova”. Tal declaración recolle o compromiso dos alcaldes de normalizar o uso do idioma nas súas relacións coas notarías e xulgados e solicitar destes órganos xurisdicionais o correlativo uso nas resoluciós xudiciais que diten, tal e como establece o ordenamento xurídico vixente.

A razón desta convocatoria municipalista non ten máis sentido que o de cambiar os hábitos lingüísticos que aínda dominan as áreas xurídicas das corporacións locais, sobre todo porque a defensa dos intereses legais están encomendadas, nos máis dos concellos, a xuristas contratados que entenden que a eles a obrigatoriedade do mandato legal non lles afecta. Ese inmobilismo debe ser corrixido polos alcaldes.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E.Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania