Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A eiva dos incendios

lunes, 29 de junio de 2020
O pasado luns comentaba neste mesmo Recuncho que da pandemia do Covid-19 ou coronavirus pasaramos á peste da campaña electoral para as eleccións galegas. Pois ben, semella que seguen as epidemias neste noso país achacoso e enfermo de por si, xa que daquela pandemia e daquela peste pasamos, agora, á eiva dos incendios. Porque coa subida das temperaturas e coa baixada do raciocinio humano xa están aquí de novo. Porque o entendemento, a razón nestes casos brilla pola súa ausencia.

Aínda que penso que non sei se non estarei equivocado: que o entendemento e a razón si lles funciona a eses que queren que arda o monte, ou que arda todo. O monte, quizais para as empresas madeireiras e tamén, por que non, para moitos gandeiros pola cuestión dos pastos e do xabaril. E que arda todo, posiblemente para as especulacións urbanísticas. Que de todo hai na viña do Señor. Que a min non me convence nada de nada iso de se foron ou non provocados os focos de lume.

Sei seguro que polo menos o 95% deles son provocados. Acepto a causa dunha chispa dalgunha máquina de desbravar ou de rozar que andase polo lugar do incendio. Pero pouco máis. O lume non prende así coma así. Lembro de rapaz, cando andabamos coas vacas no monte Medo e no monte de Pinouzos, en Baños de Molgas, faciamos probas a acender o lume incluso nesas finas e secas herbas ás que nós lles chamamos “pelo do zorro”, e moitas veces, nin soprándolle, o conseguiamos. Que non me veñan agora dicindo que se un cristal de nada é quen de armar o que arma. Tería que ser xa ante unhas temperaturas máis que altas. E aínda así o sigo dubidando.

Por iso é que eu sigo nos meus trece de que hai moito pero que moito interese na queima dos montes e do que non son montes. A leña queimada é moito máis barata. Os montes queimados axiña producen moi bo pasto. Agora cada quen que faga as súas operacións matemáticas ou loxísticas ou razoadas ou desalmadas. Porque si, porque tamén hai aqueles chamados pirómanos que gozan vendo as lapas. Creo que son os menos. A min ninguén me baixa da burra en relación ó que acabo de contar. Porque ver todos os anos como cada vez arde máis e máis é como para desconfiar un carallo, non si?
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania