Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deus non é sádico

domingo, 28 de junio de 2020
Ó comentar o texto de Mateo do evanxeo voume inspirar noutro comentario sobre o mesmo texto do coñecido teólogo e bo coñecedor da Biblia, José Antonio Pagola, sobre o que algúns de vós seguramente oiriades falar algunha vez. Pola miña parte, identifícome bastante co modo de el pensar a persoa de Xesús, que está ademais moi en consonancia coa sensibilidade xeral da xente do noso tempo.

Así pois, no texto de Mateo atopámonos cunha serie de afirmacións, máis ben esquemáticas, que Mateo pon en boca de Xesús e que nos poden resultar un tanto duras ou difíciles de interpretar no contexto doutras, máis básicas ou centrais, dos propios evanxeos. Dísenos por exemplo neste texto de Mateo: “Quen ama seu pai ou súa nai máis cá min, non é digno de min”; “quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min”, etc.

A verdade é que na mensaxe de Xesús hai que procurar atender sempre, da mellor maneira posible, á súa estrutura xeral ou fundamental. Esta non debería endexamais ser descoidada ou esquecida. Refírome sobre todo ó anuncio básico de que todos somos queridos en Xesús polo pai Deus e que en consecuencia debemos comportarnos mutuamente como irmáns. Coa alegría e mutua satisfacción que todo isto leva esencialmente consigo.

A linguaxe de Xesús sobre as nosas renuncias ou sobre as cruces que nos tocará levar na vida ha ser entendida, polo tanto, como algo que de feito acompañará con frecuencia o noso seguimento de Xesús; mais non como algo que se derivase directamente da mensaxe mesma cristiá, coma se esta mensaxe esixise en canto tal dores e sufrimentos como condición intrinsecamente necesaria para un auténtico ser cristián. De feito, así semella que o entendían, en parte alomenos, determinadas prácticas penitenciais (inexistentes na actualidade) que os máis maiores de entre nós aínda temos realizado nos nosos tempos mozos.

Neste sentido comenta con razón o aludido experto o seguinte (e penso que paga a pena atender o que nos di):

“Xesús non quería ver sufrir a ninguén. O sufrimento é malo. Xesús endexamais o buscou nin para si mesmo ni para os demais. Ó contrario, toda a súa vida consistiu en loitar contra o sufrimento e o mal que tanto dano fan ás persoas. As fontes preséntano sempre combatendo o sufrimento que se esconde na enfermidade, nas inxustizas, na soidade, na desesperanza ou na culpabilidade. Así foi Xesús: un home dedicado a eliminar o sufrimento, a suprimir inxustizas e a contaxiar forza para vivir”.

Antes de volvermos ó comentario de Pagola, cómpre que nos decatemos de que Xesús non era un simple e abstracto teórico das relixións sen contacto coa realidade histórica concreta, senón que estaba moi implicado na vida real e sufrinte da xente do seu tempo. Sabía dos intereses e das tensións existentes no seo dunha sociedade conflitiva, tal como era a do seu tempo e segue aínda a ser tamén a nosa. Xesús non era neste sentido un inxenuo idealista. A unión filial co seu Pai Deus e o contacto coa xente do seu tempo aprendéronlle a el a ver con xusteza a realidade tal como era. Neste sentido continúa a comentar con claridade o teólogo guipuscoano:

“Xesús sabía por experiencia que buscar o ben e a felicidade para todos trae consigo moitos problemas. Non se pode estar cos que sofren e buscar o ben dos últimos sen provocar o rexeitamento e a hostilidade daqueles ós que non lles interesa cambio algún. É imposible estar cos crucificados e non verse un día ‘crucificado’. Xesús non llelo ocultou nunca ós seus seguidores”.

É neste momento cando no seu comentario alude el ás palabras que antes citadas e que Mateo pon en boca de Xesús: “Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min”. Agora ben, tras lembrar estas mesmas palabras do texto do evanxeo dinos Pagola:

“Non podía ter elixido unha linguaxe máis gráfica (‘Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min’). Todos coñecían a imaxe terrible do condenado que, espido e indefenso, era obrigado a levar sobre as súas costas o madeiro horizontal da cruz ata o lugar da execución onde esperaba o madeiro vertical fixado en terra. ‘Levar a cruz’ era parte do ritual da crucifixión. O seu obxectivo era que o condenado aparecese ante a sociedade como culpable, un home indigno de seguir vivindo entre os seus. Todos descansarían véndoo morto. Os discípulos trataban de entendelo.

Xesús víñalles dicir máis ou menos o seguinte: ‘Se me seguides, tendes que estar dispostos a serdes rexeitados. Pasaravos o mesmo ca a min. Ós ollos de moitos, pareceredes culpables. Condenaranvos. Buscarán que non molestedes. Teredes que levar a vosa cruz. Parecerédesvos entón máis a min. Seredes dignos seguidores meus. Compartiredes a sorte dos crucificados. Con eles entraredes un día no reino de Deus’”.

E remata o seu comentario da seguinte maneira: “Levar a cruz non é buscar ‘cruces’, senón aceptar a ‘crucifixión’ que nos chegará se seguimos os pasos de Xesús. Así de claro”.

Quero só engadir unha breve reflexión, para concluír. Está en relación con esta outra frase do texto do evanxeo que Mateo pon tamén en boca de Xesús a continuación das anteriores: “Quen encontre a súa vida, perderaa; mais quen a perda por min, encontraraa”. Así é de sorprendente e paradoxal o seguimento de Xesús, pois é precisamente alí onde todo semellaba ter rematado nun absoluto fracaso onde vai xurdir a vitoria derradeira e definitiva. O “misterio absoluto”, que é e será sempre Deus para nós, instálase así definitivamente no acontecemento de Xesús e nas nosas propias vidas. Toda a nosa vida, a nosa morte e a nosa resurrección son e serán sempre para nós un gran misterio, pois todo iso ocorre á beira mesma do misterio de Deus.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania