Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Epifanía das tendencias históricas na actualidade

viernes, 26 de junio de 2020
Veño centrando en algunhas colaboracións anteriores o interese nas experiencias históricas, e considero que delas, os políticos con responsabilidades de goberno, na miña opinión, debían de estar ben informados; pero sospeito que os lectores talvez se sorprendan, porque non perciben a importancia do seu coñecemento para orientar mellor certas decisións que soen tomarse desde os gobernos. Aquí, nesta colaboración, propóñome apuntar algunha idea por se resulta máis clarificadora e proveitosa esta achega, aínda que insuficiente, como recurso complementario.

Nas historias que estudamos encontrámonos cunha serie de datos relacionados coas dinámicas sociais que resaltan en cada etapa, que frecuentemente se nos pasan desapercibidas, e deixamos marxinada a dirección de certas transformacións que elas causan. E tampouco nos preocupan demasiado aquelas estruturas e coaccións que van emerxendo nese armazón histórico no que se xeran procesos que, se os seguimos, podemos comprobar como van adquirindo vigor e fortaleza ata constituírse en verdadeiras TENDENCIAS. Percibilas como tales, é unha tarefa, nada fácil, de selección e coordinación de datos e conceptos, evitando caer no ocasionalismo, para facerse cunha conxectura que nos vaia acercando á certeza de estar en presenza dunha LEI HISTÓRICA, acredora, cando menos, de decidir se ten suficiente vigor na actualidade, porque, si fose así, imponse a ineludible necesidade de non descoidar a súa importancia.

Para complementar a comprensión dende a perspectiva do que nos sucede a nosoutros mesmos e para apoiar documentalmente o contido deste artigo, permítanme traerlles aquí unhas liñas do Dr. Elias, tantas veces citado en escritos anteriores, que os invito a ler coa máxima atención. Di así: NESTE CASO, COMO SUCEDE A MIUDO, A OBSERVACIÓN DOS SUCESOS ACTUAIS ILUSTRA A COMPRENSIÓN DOS PASADOS E A PROFUNDIDADE NO QUE SUCEDEU ACLARA O QUE ESTÁ SUCEDENDO: MOITOS DOS MECANISMOS DE INTERDEPENDENCIA DOS NOSOS DÍAS PROSIGUEN OS CAMBIOS DO PASADO NO SENTIDO DE CONSOLIDAR A ESTRUTURA DA SOCIEDADE OCCIDENTAL. Intento exemplificalo.

Collamos unha Historia Universal e comprobemos como na Idade Media xorden da integración de pequenos centros de dominación política, como os señoríos, unidades máis extensas, das que, unha vencedora nas loitas competitivas, pasa a ser un grupo monopolista de organización estatal. Pero analicemos, coidadosamente, as causas que desencadearon este proceso para extrapolalas a actualidade. Hoxe os Estados enfróntanse uns cos outros, baixo a presión de tensións, e o que adquire certo dominio, ten que vixiar a fortaleza do seu poder (como ocorreu sempre), non debilitándose, so pena de caer na dependencia doutros Estados en competición, rompendo así a situación de equilibrio; pero tamén existen etapas nas que esa tensión competitiva, sen un Estado poderoso capaz de rexeneralo, leva a un esforzo estratéxico para acadar unha supremacía e evitar que esmoreza o engrandecemento do seu poder. Pensemos nas Grandes Potencias da nosa actualidade e na dilapidación de enerxías, para manterse, polo menos, como eixes principais do sistema de equilibrio mundial. Pois ben; traduzamos as astucias medievais á linguaxe socio–política–económica–militar de hoxe, como elementos estratéxicos, e aceptemos, consecutiva e cautelosamente, como previsións o que nos ofrece xa acadado esa antigüidade.

Reparemos como, dende o feudalismo, as unidades de dominación se foron organizando co obxectivo de ir ocupando funcións centrais dunha certa coordinación; e se extrapolamos isto a actualidade, creo que non é nada difícil encontrarnos coas analoxías coas que soen manifestarse as tendencias históricas: Os Estados pequenos actuais tamén tenden a unirse nunha unidade superior, comezando por alianzas de diferentes clases e vigorizando os vínculos para encontrar un nivel de seguridade inalcanzable cos medios propios. É esta unha tendencia que serpea, máis ou menos oculta, condicionada e modulada polos elementos estruturais de cada etapa histórica, no camiño ascendente a unha unidade superior, dotada coa capacidade e poder suficientes para acadar esa condición de “eixe do equilibrio mundial”, e poder competir, mediante un movemento en espiral, ata acadar a supremacía, en pugna con outras unidades que aspiran a conseguir unha suprema coordinación de ámbito planetario.

Pero, como ocorreu xa na Idade Media, a maraña de tendencias de diversa clase encárganse de crear unha pátina que forza ao fundamental a retrasar a súa epifanía, dende o seu papel de subxacente do secundario, que, sen decatarnos, absorbe a nosa atención e distráenos do principal. Creo que algo se pode intuír na escasa eficacia dos Organismos Internacionais, que lonxe de situarse nesa espiral ascendente cara ao poder de coordinación planetaria con verdadeira eficacia, bracean impotentes na complexa situación de tendencias tan diversas, e incluso contraditorias, que, se non se superan, acabarán só ofrecendo espazos para que a representacións estatais teñan ocasión de cruzarse os desafogos e de xogar a partida da hipocrisía, cambiando os propósitos polos despropósitos.

Por outra parte, nada debe estrañarnos que a interposición doutras saídas a ese equilibrio inestable no que nos encontramos dificulte a previsión dunha futura organización universal que abarque toda a Terra, porque na actualidade parece que se impón como indiscutible un sistema en equilibrio de Estados, empresas, sindicatos, institucións universitarias, etc., como posible sistema de equilibrio inestable INDEFINIDAMENTE e estruturado con elementos de alcance global; pero se consultamos a historia creo que non é difícil intuír que a mesma inestabilidade conduce na dirección dun Poder Central con capacidade de coordinar de forma cooperativa as tendencias que resolven o aproveitamento dos recursos enerxéticos do Mundo con fins pacíficos. Incluso podemos considerar como unha lección adiantada de isto a indiscutible necesidade de centralizar as decisións para loitar contra a pandemia, que marcou as posturas que hai que ir tomando ante futuras catástrofes, catalizadas pola miope dispersión de esforzos da Humanidade, ao mesmo tempo que evidenciou a trivialidade de certas decisións máis irreflexivas que politicamente ponderadas.

É mester, pois, ter moi en conta que no inconsciente do mesmo individuo existe unha profunda incerteza e desconfianza das tendencias que hoxe se dan nas distintas partes da Terra, por adecuadas que se consideren pola elite política, e intúe como unha censura de matiz utópico desbarata o perfil das que xeran certos trazos de ligas de Estados que apuntan á configuración dun posible chanzo seguinte neste proceso de unidades super–estatais, a modo dunha epifanía de procesos históricos que levaron a boas solucións noutras épocas, e que poden entenderse como unha inicial previsión para a constitución dun instituto político, central e pacificador, con poder planetario. Ademais, algo terá que ver que a nosa época estea chea de tensións sen resolver e que no subconsciente do individuo pulule a posibilidade dunha tendencia que leve a aconsellar limitacións para superar perniciosas competencias, como as dun potencial bélico.

Acabamos de facer alusión ao inconsciente do individuo. É que… acaso non está implicado nas dinámicas sociais?. Pensemos que así como as dinámicas dos átomos e partículas subatómicas que constitúen a materia contan moito no estudo da súa complexa realidade, como as leis que a afectan, tamén o individuo é decisivo para a existencia das sociedades, cun papel predominante na dinámica das mesmas tendencias. Xustamente por iso o sociólogo referido neste artigo, e noutros anteriores, nos ilustra cuns parágrafos que non teñen desperdicio, acerca de cómo foron modulándose as relacións de convivencia a través da historia, sen esquecer algúns altibaixos dos comportamentos das diversas clases sociais, que acabaron aceptando códigos únicos.

E traemos esta temática, con paradoxo, pola escasa importancia que se lle da, e a ignorancia que se demostra, nalgúns casos, acerca de que os esquemas de comportamento da nosa sociedade son o resultado dun proceso histórico, mediante o que se vai prescribindo e inculcando aos seus membros, utilizando o recurso aos MEDOS, como canle polo que flúen as estruturas das sociedades, botando mans duns e desbotando a outros, segundo esixencias históricas de cada etapa. Tamén aquí nos di algo, que traduzo ao galego, o Dr. Elias. Literalmente isto: NON HAI QUE FACERSE ILUSIÓN, A PRODUCIÓN E REPRODUCIÓN CONTINUA DOS MEDOS POR MEDIO DOS HOMES É ALGO INEVITABLE E INESCUSABLE SEMPRE QUE OS HOMES TRATEN DE CONVIVIR DUNHA FORMA OU OUTRA… Os medos a perder o que nos diferenza e o prestixio herdado teñen unha importancia decisiva na configuración do código dominante, e está en correspondencia coa perda das oportunidades e do prestixio, que levan a caer na degradación social. E así o segue mantendo o intelectual citado.

Termino resaltando a importancia de facerse cargo da difícil epifanía das tendencias históricas na actualidade, para incorporar, criticamente, como elemento dos xuízos que xustifican decisións, os contidos esencias da mesma.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES