Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: O sosego do barullo

viernes, 26 de junio de 2020
Levaba tempo sen escribir tan tarde. É a unha e cuarto da noite. Ou da madrugada, como dirían outros. Eu sempre preferín a noite. O de madrugada sóame máis entre as seis e as oito, máis ou menos. Prefiro a noite, porque me parece máis silenciosa. O silencio é o sosego do barullo. Si, a frase queda bonita. O silencio é a calma do alboroto ou da algarabía. Tampouco está mal. O silencio acompañado dun bo tema de jazz é coma quedar quietiño e deixarse ir polos soños da melancolía. Á unha e vinte e cinco da noite déixome ir polas rúas da miña contorna na procura dun azul que sempre me chamou a atención ou dun vermello que corre por entre os camiños da soidade. O tempo pasa ou voa, pero a noite segue e o silencio cada vez é máis sosego, cada vez está máis acomodado á miña perspectiva do que quero. Quero escribir en silencio. Porque o barullo da música non é barafunda nin algareo. A música é quizais a que máis me introduce no silencio. Nese silencio que quero para sentir o ruído dunha risa que chouta ó vento cando algúns desexos se reflicten nun espello. As risas hai que alimentalas e coidalas; perpetúan a felicidade dunha conversa. Dúas menos vinte da noite. O silencio cada vez cabalga máis sobre a ausencia de ruído. No silencio non procede berrar, aínda que haxa ganas de esgazar o peito. Tamén é verdade que hai berros que se gritan en silencio. Si, berrar en silencio é algo triste. Deixemos entón que o berro se dilúa ás dúas menos cuarto da noite. Reservo entón o resto da noite para que o sosego sele ou prema os beizos do barullo.

A culpa é da suor
Baixa a suor polas costas ás nove e media da noite. O día estivo de campionato. Semellaba lume. Estamos en Ourense. Onte aínda nos queixabamos do frío. Hoxe xa oín que, en Ourense, non había termo medio; ou frío ou calor. Iso é unha esaxeración. En Ourense pasa coma en todos os lados: bo, malo e regular; máis, menos e igual; arriba, abaixo e no medio; alto, baixo e mediano. Si, tamén moitas veces non sabemos ou nos dá igual. Somos galegos, carallo! Nin subimos nin baixamos; plantámonos no medio da escaleira e a ver quen nos rosma. Ademais, a quen lle importa o que fagamos! Eu no medio da escaleira ata podo escoitar a suite instrumental que John Barry compuxo para a película “Unha proposición indecente”, e se me apetece deixo que outros veciños a escoiten ou tamén podo quedar coa ollada melancólica pensando na morte da burra. A calor é verdade que nos fai dicir cousas que temos escondidas para soltalas, máis adiante, incluso cunha certa esaxeración. Sempre defendín que de cando en vez é bonito esaxerar. Para remexer o galiñeiro. Para darlle empaque, por exemplo, a Ourense; aquí ou nos chamuscamos ou nos conxelamos. Algo que é mentira, por suposto. Aquí coma en todos os lados: das dúas pásase ás tres e a noite dálle paso á madrugada. Baixo o mesmo tema musical, miro ó espello abafado e non consigo distinguir a figura que se intúe. Maldito espello!; coas ganiñas que teño de contemplar a fermosura da nostalxia. A culpa é da suor, que abafou de máis o espello.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania