Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

San Xoán, sempre

miércoles, 24 de junio de 2020
Aínda que a pandemia está condicionando a celebración de moitas actividades das nosas festas, o leito natural que fixo abrollar o San Xoán fai miles de anos fica rexo. Acertou a Igrexa en situar a data do seu nacemento no solsticio do verán, igual ca do seu curmán Xesús de Nazaré, no solsticio de inverno, o 24 de Nadal, seguindo os ritmos que marcan a lúa e o sol e aproveitando que as culturas e crenzas anteriores xa remarcaran a enerxía da Nai Terra nestes períodos do ano.

A Sanxoanada convida a festexar coa auga e co lume que formamos parte da irmandade da natureza, emporiso o sol brinca de ledicia neste convivio, envolvendonos coa súa luz e o seu calor, a pesares do covid19. Xoán, o Bautista, estaba destinado a ser funcionario do templo de Xerusalén, pero desesperanzado pola rutina e as desigualdades daquela relixión, rexeitou esa prebenda, e escapou ao deserto a proclamar que os tempos novos xa chegaran, anunciando a “boa nova” de Xesús, partillando a música dos ríos do seu país.

Nós tamén nesta noite sen fronteiras, soñamos e queremos celebrar unha nova humanidade cimentada no respeto á biodiversidade e a todas as criaturas. Nestes días estamos seleccionando os traballos que as crianzas e adolescentes mandaron para o Certame Terra Chá e alucinamos con que forza transmiten esa natureza máis sana que está a renacer acubillada polo sol, a lua, as estrelas…, que rebordan ledicia e festa.

Non son síntomas da inxenuidade e da inocencia das e dos máis pequenos, é a intuición que están a sentir ollando un ceo máis limpo de contaminación e sentindo o alborozo dos paxaros e a visita de máis corzos e outros seres. É unha interpretación que nace da súa intelixencia máis significativa que sabe ler nas cores e sons das criaturas que os rodean, sen caer en teorizacións nin doutrinas memorizadas. Coa súa creación son capaces de acender luces onde outros cargan escuridade.

Esta comunicación coa natureza axudou aos nosos devanceiros a buscar o seu apoio contra os males e pestes no arrecendo das frores ou saltando as fogueiras descubrindo o futuro nas chamas de lume novo que agradece ao pai sol a vida que hai en nós, e tamén envolvendose de ramos e herbas para protexerse dos males. Unha delas é a frol da verbea, a que deu nome ás nosas festas da noite que arestora non podemos desfrutar porque algo estamos escurecendo.

Nesta celebración global vou rematar co saúdo daqueles escritores casteláns: Lo­pe de Vega, Cervantes ou Quevedo, en calquera estación do ano: "Que vos dé Deus bon San Xoán".
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES