Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (11): '¡Carral!' (1)

viernes, 26 de junio de 2020
Os sons de Curros e Pondal ecoan sentimentos nos lectores de Avelino nestas poesía, e na raza e na terra escravizada alumean pendóns de liberdade e luces de recordos en sete oitavas reais, con hendecasílabos rimando en orde alterno e os dous últimos aconsonantan entre si formando un pareado, (ABABABCC), como facía Boccaccio no século XIV, coñecida tamén como oitava rima(2), sendo unha estrofa grave, utilizada na narración épica e ende ben, moi apropiada para poetizar os Mártires de Carral:
"O pobo de Galica escravizado
enxoiada sua frente c-unha estrela
tropouse unha vegada conxurado
pra crebar as cadeas de Castela.
Por tirano poder asoballado,
faltoso de xustiza, quixo tela
e, como fixo xa na vella edade
a sua bandeira ergueu de libertade"

Aínda que na sedición participaron de forma destacada os militares (3), na súa preparación interviñeran tamén numerosos civís que, agrupados en torno a tres partidos, perseguían obxectivos distintos. Manifestáronse importantes sectores da sociedade galega lesionados polas leis (industria e comercio), pola conxuntura económica xeral de baixa (asalariados), empurrados por novos ideais reprimidos polo partido que estaba no poder (estudantes), ou condenados a un raquítico presente e un porvir incerto (militares). Sobre esta base social actuaron o sector reformista do partido moderado, que pretendía só un cambio de goberno; os progresistas que buscaban un réxime innovador, e os provincialistas que eran a primeira fornada galeguista, que expoñían unha das primeiras propostas autonomistas, o que lle confire a este levantamento un carácter extraordinario.

Explica tamén Avelino Díaz na terceira oitava real as causas desta revolta:
"Pra desbotar o xugo da inxusticia
que coutou o direito dos galegos,
os soldados i-o pobo de Galicia,
as xentes da campía e os vilegos
cal zume benfeitor, savia nutricia,
á sua patria lle donan sangue a regos
i-alentaos, a ser roxos na batalla,
o verbo aceso que Faraldo espalla".

Incluíndo tamén a Antolín Faraldo, un mozo implicado nos problemas do seu tempo, formando parte de moitos movementos e asociacións, dirixindo e creando a revista El Porvenir desde onde espalla o seu modelo político de Galicia, mantendo unha liña liberal (da época, que non se pode confundir coa liña neoliberal de hoxe, pois nada ten que ver) e rexionalista.
"Berrou afervoado, as verbas cruas
hastr-ó Eo chegaron, do Sarela.
Da santa libertade namorado,
daba alentos ó pobo escravizado"

Coñécese co nome de Mártires de Carral aos militares sublevados en varios lugares de Galicia en 1846, durante o reinado de Isabel II contra o presidente Ramón María Narváez, que foron executados na vila coruñesa de Carral o 26 de abril dese mesmo ano:...
"A roxa labarada que acendera
Solís, preto do Miño, co pirmeiro
berro de libertade, xa lle dera
os froitos desiados en Sigueiro".

Está o poeta a referirse ao coronel Miguel Solís e ao levantamento iniciado en Lugo o 2 de abril de 1846:
"Valente i-arroutado, a loita fera
engrandeceu o seu nome inmorredoiro,
anque tivo unha sorte malfadada
de Cacheiras na tráxica xornada".

Despois do levantamento de Lugo, Santiago secundou a acción e alí constitúese a primeira Xunta Provincial. O día 9 pronunciouse Pontevedra, estendéndose logo a Vigo. O 13 de abril tivo lugar en Sigüeiro (Santiago) o primeiro enfrontamento. Ao mesmo tempo penetraba en Galicia o xeneral Concha para sufocar a revolta, tendo lugar a batalla de Cacheiras o 23 de abril, onde as tropas de Solís víronse obrigadas a retirarse debido á superioridade numérica das tropas do xeneral Concha, que entra triunfante en Santiago.
"Sen cumprir o deseio, moura sorte
se sinalou "ós bós e xenerosos".

Solís refuxiouse en San Martiño Pinario, mais entregouse aquela mesma tarde. Tres días despois, un xuízo sumarísimo condenounos á morte a el e aos seus oficiais en Carral...
"mans cobardes lles deron fría morte
cal se fosen vulgárs facinerosos.
Mais, souperon morer co esprito forte
sen tremar diante nadie, os hérois nosos,
i-os seus relembros, nós, hemos gardal-os
hastra que veña o dia de vingal-os".

O tribunal militar que os xulgou estaba predisposto polo xeneral Villalonga a fusilar os reos en tres horas para darlles un castigo exemplar. O xuízo non se celebrou en Santiago nin na Coruña por medo aos simpatizantes do movemento, de aí que os levaran a Carral e na tardiña do 26 de abril conduciron a Solís ao adro da Igrexa onde o fusilaron e a Víctor Velasco e a dez oficiais máis na Fraga do Rei, enterráronos ao día seguinte no cemiterio de Paleo (Carral).

Aínda alí se poden ver as súas tumbas sen ningunha inscrición. O párroco que presenciou o fusilamento, na acta de defunción engadiu "Espectáculo horroroso. Triste memoria" (4).

Remata o poema coa maldición dos xenerais de Narváez e Isabel II nunha oitava aguda de factura propia de Avelino, que rompe como se fosen os tiros do fusilamento a rima acorde das outras oitavas querendo marcar a maldición con versos octosílabos e dándolle fortaleza, entre outros, a Mac-Crohón, Carral e AMÉN (AB'cbD'EFE')
Entramentres. ¡Ou Concha e Villalonga,
Puig-Samper, Cachafeiro, Mac-Crohón!
¡Sobor do vento relembro
sexa eterna maldición!
¡Hérois de Galicia! ¡Mártirs de Carral!
que moura traxedia vos levou ó além.
¡Benzoada sexa a vosa lembranza
por milleiras de séculos. AMÉN!


NOTAS:
1. Opera cit. Paxs. 33-35
2. NAVARRO TOMÁS. T.-Métrica española. Ed. Labor. Barcelona 1995. Páx. 207.
3. GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA, Silverio Cañada. Tomo XXVIII. El Progreso. 2003. Páx 96.
4. GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA, Silverio Cañada. Tomo VIII. El Progreso. 2003. Páx 50.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania