Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cultura que nos aleita

viernes, 26 de junio de 2020
O leite da nai, alimento que nos vacina. Que enche de necesarios anticorpos os corpos que medran. A quentura do olfacto e do tacto. Tamén o leite da cultura éche alimento completo para amoblar o cerebro. Contén anticorpos contra a ignorancia. Leva vitaminas e nutrientes imprescindibles para a rebeldía, para manter os ollos asombrosamente abertos.

Houbo un tempo de gloria no que ata o 80% da oferta cultural do país viña dos tetos públicos. Coa crise, a goma gris da austeridade foi borrando o calidoscopio da cultura. E da educación: 5.600 millóns de euros escamoteados á escola pública. E 26.000 profesores menos. As cifras do negocio e do IVE cultural foron substituíndo aos dereitos. Para transformar moitas escolas en guetos. Para desertizar, aínda máis, un rural sen nenas, sen rapaces. Para que haxa institutos que se transformen en 'garderías borrascosas'. Para que as universidades públicas volvan ser couto de exquisitos con cartos.

Velaí o leite nutricio, auga que nos alimenta, osíxeno que permite respirar como seres libres. É dicir, a cultura, ese milagre poliédrico cheo de arestas: a da educación, a boa literatura, toda a música, o teatro, as bibliotecas públicas, o cine, a danza, as benditas humanidades, a heterodoxa filosofía que ensina a vivir, os museos… E tamén os grandes conceptos conquistados ao longo da historia: a xustiza, a decencia, a liberdade, os dereitos humanos, a fraternidade.

O malo é cando a cultura só se pesa en euros: é moi cara pero máis barata que a ignorancia. Aparecen gobernantes miopes dicindo que en tempos de desolación económica convén recortar, hai que aforrar. En adornos? En pólvora? Na arañeira de chiringuitos e redes clientelares onde chuchan familiares e amigos? Nese inútil e carísimo Senado? Os recortes sempre son labazadas nas mesmas fazulas: as do precario estado social, as da educación, as da cultura. Ese baleiro está a producir monstros: o do matonismo, o do ruído, o do alcohol, o do presentismo, o da mala educación que fai invivibles todas as veciñanzas e enche de fume tóxico as rúas e prazas, de sempre lugares dunha convivencia civilizada. O sangue da cultura circula peor nas veas obturadas polo colesterol malo da falta de cultura.

O baleiro cultural empobrece. Os recortes que nos recortan engordan o patrimonio dos recortadores. Por exemplo, Alemaña gañou naquela crise 2.900 millóns de euros co rescate de Grecia. Ao final, esta política de recortes, as malas políticas curtopracistas do aforro acaban sendo a Gran Política da Ignorancia. E a ignorancia, estámolo a ver, é vacina eficaz contra o progreso, contra a economía, contra os valores democráticos, contra o rostro humano das sociedades.

Os tetos sociais, os turxescentes peitos da cultura son os que salvan da fame. Os que nos aleitan.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES