A informática ponme nervioso. Levo case -ou sen case- unha hora intentando iniciar e reiniciar o ordenador. Non teño paciencia para a informática. Paciencia téñoa para poucas cousas. Sempre fun un desesperado, puro nervio. Cando mellor actúo é cando máis apurado estou. Necesito adrenalina! Ás veces ata sería capaz de tirarme ós

toxos. A ver, segundo uns se pinchan, eu podo tirarme ós toxos, ou non? Non teño paciencia para moitas cousas. Menos mal que agora mesmo, Concha Buika calma a fera que levo dentro co tema Volverás. Non teño paciencia para esperar. E por iso me planto de estatua diante de quen faga falta con tal de que me faga caso. Os nervios furgan no estómago e os ardores queiman ante a ansiedade dun encontro ou ante o anhelo dun retrato. Quero pensar con calma pero non son quen de controlar os soños, as ilusións, as ansias, os devezos. Devezo por un sorriso cando a negrura do ceo invade un día enteiro. Cobizo unha ollada na que se lea que un sentimento vai pegado a unha ocasión de confianza. Os nervios bailan ó compás dunhas conversas que veñen e van por entre os piñeirais dun castro ou dun outeiro. A paciencia quere ser esa sensación doce e calma. Pero non asoma. Como vai asomar, se me trituran as ansiedades. Ansiedade de querer ser feliz entre un abrazo soñado e un bico informático. Pero a informática ponme nervioso. Tardará séculos en deixarme caer ese bico que ansío. Espero e confío. En algún momento este ordenador ten que arrincar. Arrinca e empezo.