Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os poemas que intercambiamos no confinamento (VI)

lunes, 22 de junio de 2020
Estabamos, estamos tristes, para que negalo? Illados, sen poder encontrarnos coa xente, sen poder camiñar libremente, sen poder viaxar á casa da aldea, sen poder ver a amigos e familiares, sen gozar da cidade, dos cafés… das nosas cousas de todos os días.
Quedamos orfos da vida comunal, pechados cun só xoguete, como dicía Juan Marsé.

Acostumándonos a convivir co mínimo de persoas e de cousas, cun mínimo de comodidades. Condenándonos a entendernos con nós mesmos, con nós mesmas.
Volver os ollos a nós, vernos e falarnos coas palabras primeiras, as da terra, o país, a patria. Vén daquela Castelao, traído por Paz Andrade no seu Pranto matricial:

“NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dend-a Torre d'Hercules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas pol-o mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas pol-o mare;
dos castros na coróa unha cachela,
cando ti volvas pol-o mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas pol-o mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas pol-o mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas pol-o mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas pol-o mare;
veliñas â xanela en cada casa,
cando ti volvas pol-o mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti volvas pol-o mare,
cando ti volvas pol-o mare...”

“Cando ti volvas”, quere ser un canto de esperanza no medio da dor, porque agardaba a súa volta xunto coas velliñas na xanela, o farol mariñeiro en cada dorna, as luces de ardora nos mástiles das barcas, as candeas nos pinos e as froumas nos alciprestes, cachelas nos castros, toxos nos montes e fachos nas illas… Non foi posible, esa volta foi unha das derrotas do país. Pero temos que gardar a esperanza, contra toda desesperanza, que diría Carvalho Calero.

De esperanza falaba tamen o poema de Celso Emilio Ferreiro, que alguén enviou. O seu título “Unha palabra”, do libro Viaxe ao país dos ananos

“Se tivésemos todos
unha palabra exacta, unha somente,
unha verba acatada, obedecida,
unha canle de luz para un soio nome
dunha cousa calquera
–terra, paz, libertá,
hoxe, mañá, futuro, guerra, medo-
e soupésemos todos pronunciala,
con idéntico senso ao pe dun río,
entón si que é verdá
que a primeira verdá sería nosa
e que o grande perigo findaría.
Mais ¿onde atoparemos a palabra
dos homes, o vocablo litúrxico,
unánime, de todos, coma un arbre
dun bosco comunal, nun craro día?
Esa palabra existe
e temos que buscala sin descanso,
día e noite, esperanza.”

Celso Emilio Ferreiro foi un dos poetas máis repetido. Nótase que callou, que a súa poesía enchoupou as memorias e cando hai ocasión sae á luz, para lembrar os momentos nos que o lemos, o libro que che pasou alguén ou o que agasallou aquel amigo. Esa poesía contundente e rotunda vainos levar a outra que vén do outro lado do mar.

Do mexicano Carlos Sabines, chegounos un pequeno poema, categórico, e real de tan filosófico ou viceversa. Fagamos a proba!

“Cuando estés triste ponte a cantar
Cuando estés alegre, a llorar
Cuando estés vacío, de verdad vacío,
ponte a mirar.”
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES