Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xeito de despedida

miércoles, 09 de abril de 2008
MONTEZUMA DE CARVALHO MORREU EN LISBOA

O pasado 6 de marzo morreu en Lisboa, onde residía dende 1976 no barrio da Alfama, o escritor e intelectual portugués Joaquim de Montezuma de Carvalho. Home dunha grande cultura cimentada na lectura da literatura e da filosofía, Montezuma era un iberista no senso máis puro do termo. Un iberismo transcendido a América (Centroamérica e Sudámerica) por vía das linguas peninsulares máis espalladas e das culturas alí entronizadas. Unha América que coñeceu por extenso: México, Arxentina, Uruguay… quizais o Brasil. Mais foi no sertón africano que Montezuma deu renda solta ao seu iberismo americano planificando e dirixindo unha vasta obra “que revelasse à Europa a riqueza literária do Novo Mundo” e que contou co concurso de moitos especialistas de cadanseu país. Falamos de Panorama das literaturas das Américas. De 1900 á actualidade, obra en catro volumes e nos catro idiomas oficiais do continente (inglés para EE.UU. e Canadá, francés para o Canadá francófono, portugués para o Brasil e español para o resto) e que Montezuma consegueu publicar, en Angola!, entre os anos 1958 e 1965 co patrocinio do Municipio de Nova Lisboa, a entón capital angolana (actual Huambo). Alí publicaría tamén, co mesmo patrocinio, o Epistolario Ibérico entre Teixeira de Pascoaes (a quen Montezuma promoveu unha homenaxe nos seus anos estudiantís) e Miguel de Unamuno. Por ese traballo totalizador das literaturas americanas Montezuma sería recompensado en 1970 co prestixioso Premio “José Vasconcelos” de México. Tamén foi nomeado membro da Hispanic Society of América, de New York.

Montezuma de Carvalho teceu unha enorme rede de amigos e correspondentes por medio mundo a través do correo postal. Unha tea de araña mundial anterior á Internet. Entre as súas relacións estaban nada menos que dous premios Nóbel de Literatura: o mexicano Octavio Paz e o galego Cela. Máis tamén Borges e a súa familia, así como a de García Lorca e outros escritores e intelectuais americanos como o colombiano Germán Arciniegas, o brasileiro Gilberto Freyre, o venezuelano Ludovico Silva, o uruguaio Enrique Amorim, entre outros moitos. E, por suposto, portugueses. Tamén galegos.

E non só con nomes de relumbrón senón tamén con outras persoas máis anónimas. Como mostra a correspondencia que mantivo dende 1991 co autor desta lembranza urxente, con ducias e ducias de cartas e anotacións no dorso das fotocopias dos seus textos publicados na prensa, peculiar forma de “aproveitar” o papel. Era típico de Joaquim solicitar o envio de libros ou publicacións para algún dos seus innúmeros amigos. Por esta vía téñenme chegado libros que nunca pensei recibir de autores que non coñecía.

A súa relación con Galiza viña de vello. Relación que se iniciara por vía do seu pai, quen nos anos trinta impartira un curso na Universidade de Compostela, ao abeiro do Instituto de Estudios Portugueses, e que continuou a través de Teixeira de Pascoaes e do coñecemento dos nosos escritores clásicos e, especialmente, da figura extraordinaria de Castelao. Relación mantida logo en Lisboa con Guerra da Cal, e a través da leitura de A Nosa Terra que recibía no seu domicilio, e da colaboración nalgunhas publicacións galegas (FerrolAnálisis, A Xanela, Anuario Brigantino...).

Nacera en Coimbra o 21 de novembro de 1928 ao pé da vella universidade onde exercía seu pai, o doutor Joaquim de Carvalho (1892-1958), republicano liberal e un dos grandes intelectuais portugueses do seu tempo. Criouse na casa da Imprensa da Universidade, rexida polo pai, até o seu peche por Oliveira Salazar. Nesta histórica universidade licenciouse en Dereito, marchando posteriormente a Angola e a Mozambique, onde desempeñou traballos na conservatoria do rexistro civil e na maxistratura. En 1976, coa descolonización, regresa a Portugal, instalándose en Lisboa como avogado, nunha casa do barrio da Alfama onde o visitamos en 1992 e onde anos despois a auga que apagaba un incendio no andar superior destruiu a súa valiosisima biblioteca e documentación formada ao longo dunha vida.

Home desiludido coa política dos nosos días, mais sempre combativo cos imperialismos exterminadores e coas dictaduras sanguinarias e defensor dos débiles e expoliados, era tamén persoa cunha concepción relixiosa ampla e allea a igrexas e xerarquías.
Revisitador de todos os grandes da literatura portuguesa, estudoso da española e das literaturas americanas, tentou facer pontes literarias entre Portugal e o mundo. “Ler é comparar”, dicia. Autor de longos artigos-ensaio, pouco propicios para a prensa dos nosos días, publicados en diversos xornais e revistas, de dentro e fóra de Portugal, moi especialmente no xornal portuense O Primeiro de Janeiro, como colaborador semanal do seu suplemento “das Artes, das Letras” nos últimos anos. Foi tamén recuperador ou promotor da edición de moitos libros e traballos, con fondos estudos introdutorios, prólogos e presentacións súas que en moitas ocasións eran ben máis extensos que o propio texto a editar: Crónica de uma viagem à costa da Mina no ano de 1480 por Estache de La Fosse (1992), A lírica de Luís de Camoes, exhumando un estudo de António Sérgio publicado na nosa universidade de Santiago en 1933, (1995), Um abraço de Espanha a Garret (1999), Sor Juana Inés de la Cruz e o Padre António Vieira ou a disputa sobre as finezas de Jesus Cristo (1998), Cervantes em Portugal (2005), À jeito de homenagem a Eugénio de Andrade (2005), concentrando en torno do poema “Improviso” deste desaparecido poeta máis de trescentas colaboracións de todo o mundo, Galiza incluída . Ou a recente recopilatoria de diversos artigos e traballos seus baixo o título Do tempo e dos homens. Da história literária à história da cultura (2007), un primeiro volume publicado polo Instituto Piaget, que revela moi ben o universo de intereses intelectuais de Montezuma de Carvalho.

Lembro aínda cando editou conxuntamente un texto de seu pai e outro de Camilo J. Cela (que este escrebira con motivo dunha homenaxe ao primeiro) baixo o título Da alma portuguesa. Da alma galega (1995) que reseñamos no seu momento en A Nosa Terra (nº675). Montezuma quería que o texto de Cela, orixinal en español, saíse en galego, como unha restitución, para que a “alma” galega falase na súa lingua e non de prestado. O Joaquim dicía: “quero fazer surpresa ao Cela”. O que non sei é se este, xa daquela Nóbel, foi sabedor e como reaccionou. No prólogo deste libro di Montezuma: “Nunca fui à Galiza, nem sei se a verei! A minha táctil epiderme fica no cérebro. Basta-me ter Galiza na cabeça.” E a nós cónstanos que era verdade. Tíñaa de certo!
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES