Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (10): 'Romance das sete casas' (1)

viernes, 19 de junio de 2020
Comeza o romance con rima asonante e aguda:
A poesía de Avelino Díaz en Debezos (10): 'Romance das sete casas' (1)
"Sete casas tiña o pobo
sete casiñas lanzals;
era unha soila familia
vivindo n-aquel lugar".

E continúa:
"Eran ditosas as xentes
nunh-a feliz irmandá:
...

ata que no verso 17 empeza a descubrirse a razón das sete casas, e non oito, nin cinco, que ao lector ten un pouco estrañado, pero de súpeto comeza a xurdir a luz
"Eran as sete colunas
d-unha nacionalidá
que natureza quixera
facer difrente das máis,
hastra na fala e costumes
do seu vivir cotidián".

As sete casas corresponden ás sete provincias do Antigo Reino de Galicia e cadran con: Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Santiago, A Coruña, Tui e Ourense. A denominación de sete casas refírese a unha figura literaria coñecida como sinécdoque ou tropo que expresa unha idea co nome doutra en virtude dunha relación de coexistencia entre ambas as dúas, tomándose neste caso o que é unha parte (a casa), polo todo (que é a provincia). "Eran preciados tesouros/ da patria de Breogán/". Aquí xa entramos de cheo coa aseveración sen ningún xénero de dubidas que se está a referir ao Reino de Galicia.

O Reino de Galicia (2) ou Reino de Galiza, foi fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410 e continúa ata 1230, cando o rei castelán Fernando III usurpou o trono poñendo temporalmente o reino baixo control da coroa de Castela. Os conflitos sucesorios e as tentativas de independencia mediante entronizacións de reis non casteláns como Xoán de Borgoña (1296), Fernando I de Portugal (1369) ou Xoán de Gante (1386), permitíronlle gozar de soberanía fáctica ata que en 1486 os RRCC (Reis Católicos) someteron o reino polas armas; en realidade, o Reino de Galicia existiu ata finais do século XV.

Estas sete casas ou provincias, cheas de felicidade e de beleza, tal e como se se viran nun conto de fadas; de repente, aparece algo que rompe este lugar apracible e calmo... "un vento que ven de lonxe/ com-un fero vendaval/" que é representado por...
"Xentes de terras extrañas
cubizosas de domear
ás xentes do pobo aquel
fixeron desacougar
impoñéndolles cadeas,
coutando sua libertá
deixaron-as submetidas
á escravitú secular".

Comeza, de novo, a referencia aos casteláns e á conquista de Galicia por parte dos RRCC (Reis Católicos), e ante tamaña desgraza, ao pobo tan só lle queda a emigración, mal que representará a partir deste momento a Galicia.
"A Raza, que ceibe fora,
botouse a pelegrinar
pol-os vieiros do mundo
con ansias de se xuntar
outra vez, no pobo aquel,
drento do patrio fogar"...

Mais, sempre con devezos de poder volver como nos está manifestando o poeta nestes versos, que lembran a volta do emigrante coa volta do Reino de Galicia, producíndose unha figura literaria chamada optación ou vivo desexo de que isto aconteza, confluíndo as dúas voltas: a volta do emigrante e a volta do Reino de Galicia nun único e polisémico devezo:
"Axiña se verá ceibe
axiña ten que trunfar
Galicia, voces de loita
xa se deixan escoitar"
...
"inda que veñan Mudarras
e Cachafeiros truáns;
inda que veñan feixistas
non-as han d-asoballar".
A poesía de Avelino Díaz en Debezos (10): 'Romance das sete casas' (1)
Nestes últimos versos segue facendo referencia aos Reis Católicos a través de nomes como Mudarra. Luís Mudarra que chegara a Galicia en setembro do ano 1480 para o que os reis lle chamaban pacificar o Reino de Galicia, que non consistía noutra cousa máis que nunha conquista.

Este libro de poemas publícase en Buenos Aires, na outra provincia galega, en 1947, porque a alusión aos "feixistas" e aos RRCC non deixaría que a brutal censura franquista o deixase saír á luz da imprenta, mais semella que o autor intuíra unha nova situación de encadeamento para o noso idioma e para as institucións, dándose unha nova continuidade das desgrazas a partir da Guerra Incivil española.

Remata o poema:
"¡Sete casas tiña o pobo
i-a tel-as ha de voltar
pois, o dia da xustiza
axiña ten que chegar!".


NOTAS:
1.- Opera Cit. Paxs. 30-32.
2.- Wikipedia- Galipedia.- Reino de Galicia
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES