Aínda hai poucas mulleres
Editorial - martes, 08 de abril de 2008
Os tópicos din de Galicia que sempre foi un matriarcado, porque a terra é maternal, porque os homes íanse á emigración ou ó mar e as mulleres quedaban á fronte da familia como viuvas de vivos e mortos, como denunciou Rosalía.
A muller en Galicia, por riba dos tópìcos, está conseguindo situarse nun lugar de paridade, aínda que o proceso leva tempo e moitos esforzos. Pero todo chegará. Mesmo na política.
Resulta que no Parlamento galego as mulleres aínda son minoría, representando somente un trinta e tres por cento dos escaños, o que coloca a Galicia no segundo posto por abaixo en canto ás comunidades autónomas xa que somente Navarra cun trinta e dous por cento presenta peor porcentaxe.
Todas as demáis comunidades teñen máis adiantado o proceso de igualdade, e as listas foron xa confeccionadas tendo en conta a paridade desexada, cousa que cabe supor se consiga en Galicia o próximo ano cando se celebren as que serán disputadísimas eleccións autonómicas para a constitución dun novo Parlamento.
Vimos dun longuísimo tempo no que a muller non tiña presencia na sociedade, onde todo o protagonismo quedaba para os elementos masculinos da familia aínda que estivesen menos dotados intelectual ou laboralmente que as mulleres.
Aínda hai poucas mulleres na política galega, e as alcaldesas son minoría nun mar municipal masculino. Na medida en que esta situación mellore (as próximas eleccións serán definitivas) progresaremos, normalizarémonos, e poñeremos máis racionalidade (sentidiño, chamámoslle os galegos) na nosa vida política cotián.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora