Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (32)

martes, 23 de junio de 2020
Aos poucos, diante da cheminea pacega, testemuña xorda e cega de tantos enleamentos, de tantos urdidos:
-Falando doutro asunto: ¿como vai iso do Rancaño, meu querido socio, e non obstante, amigo? ¡Se é que podo preguntar!
-O que é preguntar, podes, que as indiscrecións están na resposta. Mal, bastante mal, que me fai suar tinta, e encima diso, feito un renarte, que para pedir, insulta, e sen deixar de insultar, pide; ¡non o dou esfarelado!
-¡Pois, para que ti súes, co frío que tes o sangue...! -Atreveuse a afirmar o seu Alcalde.
-Ese Madeireiro teno todo atrapallado: complicacións xurídicas, torpezas contables, erros laborais...; ¡de todo, menos prudencia! Sempre me admirou que podan chegar a ricos certos idiotas...
-Pois esa enfermidade era precisamente a que lle querías agravar, ¿non si, Aurelio? Lémbrate que seguimos a túa consigna en todo, particularmente naquilo de provocarlle aquelas importacións, masivas, innecesarias. ¡Unhas madeiras que o emparedaron, que o inmobilizaron, pois, entre réditos, corretaxes comisións, e mailos etcéteras, saíanlle aqueles créditos ao vinte..., e agora, de cumpridas as túas previsións, medio nolas está regalando! ¡Ese baixa en picado, coma os paracaidistas!

-¡Certo, exacto! Fíxeno todo cunha estratexia de longo alcance, que é a boa nestes casos, pero fóisenos algo a man nos preparativos, no seu quentamento, no embarque...
-¿Fóiseche a man? Non sei a quete refires, nin me importa..., salvo que se pegue un tiro, que iso hai que evitalo!
-¡Vaia, Manuel, que por esta vez fuches listo! ¡Atinaches!
-No que tes que ter coidado coa man é niso da sobriña do Cura, que se a violas, afúndesme... ¿Como era? ¡Iso, aentente!
-Si; unha ententecordiale. Sempre é un bo equilibrio de poderes o da Igrexa e mailo Alcalde..., sexan de Churiz ou das Corenta Fanegas! Aquí o único que está afundido, definitivamente afundido, é o teu rival, ese Racañete, que ata lle cambiei de nome! Un pobre de espírito, un..., ¡un marrón! Para máis fodelo, despreceille o seu título de Bacharel..., para poñelo en coada, coa cinsa!
-¡Anda ti que se morre dun infarto, ou se suicida, e eu, coas mans no peto, sen socorre-la Ramona...! Aurelio, faime o favor; insístoche en que vaias con xeito nesta affaire.
Pero o Litis, nas súas maquinacións, sempre ensaiando estratexias de longa distancia:
-Sendo por unha caridade, a Mabeliña igual che deixa monta-lo teu harén coa Ramona, cedéndolle dous á semana!
-¿Chacho, que é iso do harén; ter odaliscas a pares, non si?
-¡Alcalde, que pouco sabes, que cultura tan de..., feudal! Ti, hoxe, se en lugar de reencarnar, retrocedeses, daquela, coas túas mesnadas, en terra de mouros..., tomaría-las odaliscas por monxas de clausura!
-¿Para que a preciso, iso, a cultura, tendo un Secretario de perendengues? -Terzou Manuel, saíndose pola banda.
Pero o Litis, que pasou por alto aquela loa:
-¿A todo isto, que é da nosa Mabel, non está na casa?
-¡Cala, ho, que estará a chegar! Esa aprendeu das túas planificacións; tanto, que resulta que o outro día acompañou de tendas, aló na Coruña, á señora do novo Gobernador, e daquela viron unha xerra china macanuda; ¡monárquica, sabes!
-¿Monárquico, ti, que te dás de falanxista? ¡Ai, Manuel, cavenecadas, que xa o dixo san Baco!
-Iso, iso de que é monárquica díxoo Mabel; ¡non sei de que dinastía!
-¿Na Coruña? Asegúroche, sen velo, que o sacarán do escaparate antes do próximo verán; iso, antes de que amosen polas inmediacións certos veraneantes pacegos...; ¡aqueles que ti sabes!

-¡Non hai caso, que xa o sacaron, e mais estamos no inverno! Mabel faloulles aos da tenda, á volta, por teléfono; e sen máis, envioulles un cheque, de contado. Mandáronllo onte, por un propio. E non mo ensinou porque o trouxeron envoltiño, en papel de prata!
Hoxe, de mañá, saíu co seu paquete para que a Gobernadora poida luci-la cousa..., ¡traída dos Reis! Vaille dicir que é un galano da súa amizade, algo persoal, e que por iso llelo leva en persoa. ¿Enténde-la cousa? ¡Nos tamén colaboramos ao choio; menos cá ti, pero algo, ou moito, que nos dámo-la cara!
-¡Desde logo que si, que todo iso é persoal; e monárquico, tamén: dinastía china, regalo de Reis! ¿Eh; escoita? Pareceume que paraba un auto...; ¡aí o tes, aquí diante, na rúa, que non o meteu no garaxe!
O Salmonte, sempre solícito co seu Secretario, asomándose:
-¡En efecto; pero, chacho, que nafres, como a ventas, mesmo de lonxe...!
-Olfacto e oído; ¡de sátrapa teu, naturalmente!
-...
-¿Cariño, xa de volta? ¿É que non te recibiu?
-¿Recibirme? ¡Cos brazos abertos, que nin que foses ti, Manueliño do meu xustillo! ¡Uiih, como me quere! Pero non a entretiven, case que nada, que tiña outras visitas agardando pola súa audiencia, e todos eles cuns paquetes grandísimos, que llelos levan en propia man, supoño que será para evitarse testemuñas! Como di este animal do Manuel, ¡para testigos só valen os testículos! Eu trinaba por traérvo-la nova, de leda que veño, do moito que lle gustou. ¡Se a vises, Manuel, tan cariñosa, tan apreciativa do meu galano! Daquela cortábaseche a diarrea...
Manuel que si, pero con dúbidas. Suxeriu ao respecto:
-Por se acaso, coido que debemos seguir con ese plan de facerlles, a estes, outro chalé; ben rematadiño e tamén nun sitio guapo. ¿Ou ti que opinas, don Asesor?
-Naturalmente, que dese xeito a xerra volve para Churiz; e xa que non temos, aínda, un Museo local, esa xoia, no chalé desoutros amigos..., un sucedáneo!
A Mabeliña, máis garatuxas que unha gata diante do seu prato do leite:
-Manueliño, ¿déixasme darlle unha aperta ao noso Asesor...? ¡É para felicitalo polos seus acertos nestas iniciativas; tantas que van, e todas atinadas, que sempre apunta ao miolo!

-Só unha aperta, ¿eh?, que aquí o Alcalde sono eu, e as pernadas tamén son miñas, que iso de visita-lo teu miolo..., ¡eu! ¡Por lei histórica, como esposo, como feudal e como Alcalde; tres exclusivas señoriais!
-¡Vale, meu anano, que es unha carracha celosa, pero que conste que un biquiño dos meus, unha chuchiña, un biquiño dos castos, pouco pagar é para un Secretario da súa categoría!
Manuel, celoso e incómodo, tiña présa por cambiar de temática, que aqueles mimos daquela Mabel.., ¡líberanos, Dómine! Se aínda non os vise, pero ela...; ¡ela maldito se recato tiña, nin o tiña nin facía por poñelo!
-Volvamos ao de antes, que para nada, botamos un día. ¿Que me ías dicir do noso Rancaño?
-Falarei, si, pero con prevención, coa enésima prevención, meu querido Manuel, de que non te tente o demo achegarte ao Madeireiro, que está coma unha fera agónica. Daquela pode darche un poutazo, ou un tiro, que ese tustarelo, na imperdible..., roe os calzóns de quen se lle achegue!
Manuel, un conainas, covarde por natureza, enzubrigadopola mediación á que o tiñan sometido, neste caso sentiuse feliz con aquela reclusión imposta polo seu propio factotum:
-Sendo así, logo será cousa de que non salga, de aquí, do pazo, nin á Consistorial, en días, por se nos atopamos na rúa, e se volve a min, ou me pega ese tiro, tal que polo cu, á traizón!
-Manoliño tremente, tampouco debes extremar, pero o de cambiar de rúa, si, iso si, se o ves por diante, por diante ou cerca. O que temos que facer, agora, agora mesmo, e poñernos dun acordo no prezo que lles vaiamos asignar ós terreos. Hai que formalizarlle unha opción de compra, inmediatamente, mañá mesmo, antes de que rompa augas!
-¡Chachooo...; así que o tes a parir! ¿E foi coa metade fóra? ¿Directo ao miolo..., ou ao traseiro?
-Manuel, non sexas chabacano, que tampouco é de risa, que aquí estamos constituídos en Xunta de Socios, e Aurelio tiña, e ten, a palabra. -Mabel, ao positivo, aproveitando tódolos tantos co seu bobo útil, co matrimoniado, pero aquel poñente tan impoñente, en paralelo, seguiu poñendo: ideas, tramas, urdidos, falsidades, extorsións...
-Entendo que eses terreos debe valoralos aquí o Manuel, que para algo é Perito...; ¡se o é, que o demostre!
O aludido escorreuse:
-Esas terras son solares, e eu son..., ¡Agrícola! Aurelio, faino ti, que cho agradezo.

-Algún día serán solares, pero, cando o digamos nos, e só para nos! Tampouco é unha industria, que esa cousa obsoleta estouna desmontando eu, eu mesmo, sobre dos papeis. Todo iso, para o noso trato, aos nosos efectos, son terras, simplemente terras a monte, baldías, incultos lastrados de serraduras, e por tanto, atribucións manuelinas, no teu carácter privado...
Aquel Perito, manipulado, reconducido, dobrouse:
-¡Visto así...! Logo esas terras pouco valen, que mentres non se lles retiren as serraduras e mailos tinglados do Rancaño..., nin para horta!
-Diso se trata, Manolón. A ver, fai números, que che trouxen unha Texas, destas de peto, de regalo; ¡tamén da Coruña!
Mabel, na súa permanente coquetería, facendo que se enfurruñaba:
-¡Mira que ben; e para min, nada!
-Carísima Mabel, o teu regalo xa está aquí, no propio Churiz.
-¿Ai, si? ¡Aureliño, es magnífico, aínda que, á verdade, non esperaba menos vindo de ti! Se non se enfadase este Manolón, a tal intre dábache una boa aperta, outra, pero é que este animal, este ser tan primitivo, este oso que durme na miña cama, confunde a amizade, pura e platónica, co prato das fabas. ¡Co prato e coas bailarinas!
Fitouna Manuel, de esguello, amoscado pero claudicante:
-¡Dállo, muller, que se te esparramas, agora teño arranxo, que ao ser un ricacho, e ese Rancaño un pobre de polas portas..., o meu está feito! E logo o que me terá aforrado..., sen indirectas!
Aurelio non lle permitiu completa-la aperta:
-Mabel, non, desculpa, que te abaixaches a unhas bromas impropias, e ben sabes que este Manuel é doutra fornada, doutra xeración. Non está posto en confianzas, que o criaron para fillo único, para feudal absoluto, así que non entende a inocencia, a naturalidade da nosa camaradería!
Ela, virando, ceando, manobrando, nun si pero non:
-Perdoa, rapaz, pero non quero perder ningún regalo polo simple prezo dunha aperta...; ¡iso, platónica!
-O meu regalo, ou mellor dito, o regalo que che fai este Manolón, consiste..., nun chofer, para o teu auto! Conduces mal, e logo que o fas pola esquerda, cousa impropia nunha Alcaldesa de Franco! Aínda non falaramos diso, pero coido que é oportuno neste intre: O mellor chofer dos camións do Rancaño, ese rapaz do pelo pincho, pasará á nosa sociedade, teoricamente para o capitoné das mudanzas, pero non, que de feito estará ao servizo de Mabel; ¡con gorra de prato, coma os choferes das Marquesas! ¿Acéptaseme esta proposta?

-¡Obsequio refusado! -Protestou ela, con todo o apromo da súa base triangular, amoscada pola trafulca do seu Manolón e polo refuse do seu Aurelio.
Salmonte non entendeu aquela reviravolta, e temeu que se fose a enfadar Aurelio, ao que seguía sen coñecer a fondo:
-¡Mabeliña, meu amor, non, iso non; non lle fagas ese desaire ao meu Secretario!
-Si, Manoliño, e teño razón, que este Aurelio é un sádico. ¡Mira que brindarme ese chofer con cara de can de palleiro...!
O carota do Aurelio, que tiña saídas para tódolos incidentes:
-¡Exactamente! Por iso pensei nel, por feo, que así non se cela este Manuel. Por outra banda, é o mellor chofer que hai na Vila. Nunca, nunca, unha multa; virxe nos controis da Garda Civil, e nos outros tamén..., ¡que non hai grandallón que non sexa marica!
A tal momento decatouse Salmonte; ou se decatou, ou picou:
-Sendo así, Aurelio terá razón, que nos convén ese chofer. A verdade é que me tería que queixar, ¡que encima de que vos rides das miñas contas, vai este tío, este carota, e regálame unha calculadora de peto!
-Para ti, Manuel, chegará, de seguida, un bo regalo, a xogo; ¡gordo, gordísimo!
-¿Outro coche, daqueles que vimos na Coruña? ¿A que si?
-¡Non; que xa tes o Mercedes! É outra cousa, moi importante para ti, que me estou facendo demasiado visto en relación coas obras, e a xente pode notar que este ángulo ten unha bisectriz... Ti precisas alguén que che garde a ponte levadiza, que de feito cumpra as miñas consignas, pero que amose os poderes que ti lle confiras, os que delegues; ¡un Apoderado, teu, que me obedeza a min! ¿Enténdelo? ¡Ese tal é o Contable do Rancaño!
-¿Ese gordinflas? ¡Ah, pillastre, por algo falabas dun regalo..., gordo!
-En efecto; é Perito, Perito Mercantil, pero máis perito, moito máis, có Xaquín. Era un luxo para o Rancaño, que non lle consentiu iniciativas porque se lle celaba ese incompetente, ese xenro; tiven novas de que en vista da crise do Madeireiro, ía fichar polo Banco...
Manuel, de pleno asentimento, encantado con iso:
-Ese Fulano andará polos tres meses sen olla-la paga, así que..., por un cacho de pan, para nós, en exclusiva!

-El si, el cobra, que por algo leva os libros do Rancaño, que xa o está facendo co meu asesoramento, así que, para levalos ao meu xeito, de aquí en diante, que os leve o propio Madeireiro! Á parte de que, como che digo, nos precisamos un Contable, un bo Contable, para darlle unha forma evolucionada á nosa Inmobiliaria; quere dicirse, para ramificala en divisións especializadas, que empeza a desbordarse. Tamén ocorre que ese listiño, cerca do Rancaño, estórbame para certos plans..., digamos que, arteiros, particularmente arteiros!
-Nese caso, se é tan bo...; ¡o malo será se chegas tarde para retiralo!
-Non, que xa lle dixen que non firme co Banco sen avisarme, que lle estou buscando un choio de ingresos superiores.
-¡De ingresos superiores será, pero o que é de horario, dobre, ou máis! -Ironizou Mabel, que por moito que lle envolvese o corazón aquel Aurelio, algo social seguíalle palpitando, se cadra aló por dentro, moi dentro, con respecto aos seus traballadores do lugar.
-Iso, Mabeliña, comprenderás que non llo ía dicir, así, de entrada. ¿Que, estades conformes cos regalos?
Manuel, nesta ocasión máis duro, aflorándolle aquel atavismo feudal:
-Pola miña parte xa cho direi, cando lles mire o dente!
-¡Manuel, que non son escravos! -Suavizou Mabel.
-Muller, vindo de ti, iso é gracioso, que nunca dubidaches en tratarme, a min, ao teu propio home, tal e coma a un escravo, pero a tal momento eu pensaba, e referíame, aos propios cabalos, en metá fóra, por aquilo de que..., a cabalo regalado, nin mirarlle o dente!
Aurelio, maquinal e maquinador; coma sempre, que non fai falla reiteralo:
-Non vos desviedes, que falta outro punto..., ¡antes de levanta-la sesión!
-¡Mentres non sexa levanta-la espiña...! As sesións deste Triángulo, como ti lle chamas, dun tempo a esta parte non se dan levantado, que nos traes ao paso; ¡nin que foses arrieiro!
-Paciencia, Manolón, que ti logo chegas ao Ceo. Mira que se quedase viúva esa Ramona, co potable que está...; ¡aquilo do que falamos! -E chiscoulle un ollo, en complicidade.
-¡Non, ho, que por ganas que lle teña, Deu-los conserve, aos dous, que desta perden abondo, e non todo van ser gaños; para min, se entende!

-Falando de perder: Os artistas alúganse caros..., que son escasos, e ti, como es o páter familias deste Municipio, segundo che veñan a pedir traballo, teslles que dicir que si, encantado, pero que non precisas máis operarios, que por iso farás un esforzo para non deixalos na rúa, polo menos neste inverno. Caridade por caridade, xa lles faremos firmar un papeliño no que digan, ou recoñezan, que cobraron aqueles atrasos, os que lles debía o propio Rancaño. ¿Enténdelo, Manuel, que ti, para os papeis, un negado?
O Ilustrísimo Señor, no paroxismo do seu desconcerto:
-¿Logo, en que quedamos: doulles traballo, doulles esmola, doulles pola retagarda..., e encima diso, con recibo?
-Calma, que irei por partes, xa que tan curto es. Pon as orellas, meu asno tripón. Con iso dos recibos, faranlle un favor ao crebado; quere dicirse, a nos, a nos mesmos, que lle zugámo-lo patrimonio sen pagarlle ao seu persoal; ¡ao seu! A ficción é que eles fanlle un favor ao crebado, e ti faslles, aos operarios, o de salvalos do paro. Maxistral, querido Alcalde, que xa verás canto, e que ben, se vai falar de ti, neste Distrito. ¡Cadora máis!
Pola miña parte, para contribuír ás túas glorias, voulle dicir á señora do Rancaño que ese favor, para que perdan algo menos, llelo fas ti, ti mesmo, persoalmente; ¡pero a ela, só a ela, por ela, pola propia Ramona, en lembranza dos vosos tempos, e a pesares das faenas que che teñen feito, particularmente ese Rancaño! ¿Que, agrádache esta filigrana? ¡É un experimento ex novo!
-¡Natural; ese é un bonito regalo; afellas que si! Agradézocho pola finura que estás poñendo neste asunto. ¿Oes, pero, coa outra xente, que se fai?
-Cos demais, que xa teño clasificada a lista dos bos e dos malos, que son máis os incompetentes cós bos, e dareiche unha copia desa relación, resérvome o meu regalo, que consiste no seguinte:
Como se trata de alivia-lo paro, o teu compadre, o Ramonciño, preparoume un Capítulo de Axuda ás familias necesitadas, que é á parte do da Beneficencia, do ordinario. Tan pronto bóte-la túa firma, daquela mesmo empezamos a pagarlles pasaxes para Holanda, por conta do Axuntamento, por conta do Estado, que seica precisan vaqueiros robustos, con experiencia; ¡pero, iso si, desde que renuncien aos atrasos do seu patrón, que non poden chamarse parados se primeiro non dimiten do seu emprego actual! ¿Fino, eh? -Vangloriouse Aurelio coa súa enésima trasnada.
-¿Vaqueiros, eh? ¡Que vaqueiros nin quecarajos se case todos, a inmensa maioría, son carpinteiros, especialistas en carros do país!
-¡Alcalde, que xa o sei: carpinteiros de terceira, e por homologación, vaqueiros de primeira; desertores do arado, en definitiva!
Salmonte engurrou o fociño:
-¿Sendo así, onde está o teu regalo? ¡Ti es un cabrón, aínda máis do que eu, que xa é dicir!

-Mira, home, como son xeneroso, penso compartilo co Ramón, que lles cobrará un tanto por pedirme que lles conceda esta cualificación de pobres. ¿Váleche?
-¡Cómame nunca o demo, que outro invento; teu tiña que ser! A verdade non é que me guste, que se lles pagámo-la viaxe, e despois non lles chegan eses cartos, daquela van ter problemas por aló, no estranxeiro...; ¡poden chiar!
-Non, non terán problemas, que esa propina sairá dos viáticos.
-¿Dos viáticos? -Manuel, incrédulo. -¡Anda que se o sabe o Crego, o que é o Viático, a Extrema, vaicha poñer el!
-Manuel, ti entendes ¡algo! da ximnasia, pero o que é de magnesia, ¡diso nada, en absoluto! Cando eses fulanos lle leven aoRamonciño un deses Contratos de Traballo, poñamos que para Holanda, daquela o noso Oficial quedarase cunha copia, para xustificar nas contas do Concello! Acto seguido encárgalle os billetes a unha Axencia, para que eses veciños non fagan mal uso do diñeiro municipal, dese Capítulo que temos axenciado no Goberno Civil; séxase, diñeiro municipal, pero das arcas estatais. De paso, esa Axencia dálle unha comisión, outra, ao Ramón. Con estes preámbulos, cando entreguen a copia do Contrato, ou a Reclamación de Traballo, firmarán un recibiño, outro, dos do Concello, co cuño, pero, sen cubri-la cantidade!
¿Séguesme, Manoliño? Daquela sigue atento, coma un cativo na escola: Con todo iso cumprimentado, eles reciben unha Comunicación, para a Axencia, encargándolles en firme esa cousa da pasaxe, ¡por conta nosa! ¡Quere dicirse, por conta do propio Concello! Nese intre vai o Ramonciño e ponlles na man o viático.
O paso seguinte será que, despois de despedi-lo emigrante cunha aperta, desexos de boa viaxe, moitísima sorte, e todo iso, a continuación, digo, sen que se decate Sara, que nin ela está curtida nin a temos contaminada, vai o Ramón e multiplica a cantidade que lle deu ao emigrante, precisamente polo díxito tres, para face-lo triplo! ¿Sérveche?
-¿Iso é para..., para que? -Impacientouse Manuel, farto de embrollos, incapaz de entender aquela metafísica tan retorta e tan sofisticada.
-¡Para que vai ser, Manolón do carajo: para escribir, no recibo, coa máquina, a cifra resultante, o triplo, despois de firmado, repito, na casilla correspondente do recibo, que para algo asinan en branco, e con ese trámite libramos da caixa, da oficial, o importe nominal! ¿Nin iso Capiscas?
-¿Esa cousa do nominal, que é?

-¡Cala xa, gordiano! ¿Que nominal vai ser se non é o triplo desa cantidade que os emigrantes levarán percibida? ¡O efectivo non é nominal, nin aquí nin no Oural, con todo ser o túnel meirande de Galicia! Mira, se non me volves a interromper, explícoche o resto, que do contrario aforro chuspe: Noutro acto, que non ten por que ser consecutivo, Ramón divide esa cantidade por tres, a tripla, deste xeito:
Unha parte, para o señor Secretario, servidor, por dereitos de autor; séxase, para compensa-las molestas que me cause este traballo atípico! Outro terzo para o propio Ramón, que son as albricias da boa nova que lle dá ao emigrante, ao asinante, ao que asigna cada Viático. Co resto, co outro terzo, que neste caso será o da lexítima, o propio Oficial repón, no seu peto, a cantidade anticipada para os susoditos viáticos. En definitiva, que o Estado carga coas tres..., ¡xa que tres sómo-los beneficiados desa lexítima tan ilexítima! ¿Váleche?
Salmonte gozaba cos chanchullos e coas artimañas do seu Aurelio, pero empezaba a temerlles!
-¿Oes, si se decatan, se o notan, eses Concelleiros, daquela, que? ¡Tantas fixemos, de tódalas cores, que irá sendo hora de retirarnos disto, da nosa tima!
-¿Os Concelleiros? ¡Ti es máis torpe cá eles! Eses, de contas, nada, que por non saber, nin leva-lo Ogino saben; pero mellor así, que canto máis proliferan, eles, máis pisos lles vendemos, nos! Deixan o país sen parados, e encima diso, vanse contentos, co ato ao lombo, polo mundo adiante...; ¡e de paso, aoRancaño perdóanlle os atrasos!
-¡Ai, ho, se non fose porque teño sabido, sabido e asumido, que es o mesmo diaño, o demo en persoa, feito home, se chego a ser outro, tal que un veciño raso, eu tomaríate por Cristo naquela multiplicación dos peixes!
-Querido Salmonte, non me fagas falar, que ben sabes que falo pouco pero fago moito: ¡fago as precisas, e sempre con oportunidade! Cando o meu rol é de diaño, diaño son; pero tamén, cando toca de facer milagres, coma min nin o San Francisco Franco, que nos está apadriñando esta prosperidade de España, coas propias divisas dos propios emigrantes, ¡e bótalle a culpa ao turismo, ás pendangas suecas! ¡Outro paspán, que ata lle fixeron crer que a gasolina pode extraerse das aliagas!

Manuel, en tanto que Alcalde, en tanto que Empresario, multimillonado polo propio Aurelio, estivo nun tris de axeonllarse, con profunda adoración, diante daquel ídolo, un alquimista, un taumaturgo, que convertía as verbas en díxitos bancarios, ¡pero...! O pero estaba naquilo da esposa compartida, visiblemente compartida, que xa nin case facían por disimular diante súa, ¡cousa que lle comezaba a contrapesa-las súas avaricias!
A súa esperanza, a máxima, o seu futuro, estaba na Ramona, nas apertas da Ramona... ¡En definitiva, por que non, se el, el mesmo, un Salmonte, compartía co seu protector; daquela, á viceversa...!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES