Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (31): Réquiem

martes, 16 de junio de 2020
-...
-Si, tráiollo todo: Balances, copias das últimas Declaracións, das que presentei nos Bancos, este Certificado das hipotecas en vigor...
-Nese caso vaia encargando a cea, que témo-lo Camareiro agardando pola nosa comanda; eu, mentres, bótolles unha ollada.
...
-¿Don Aurelio, xa acabou; tan pronto? ¡Non lle deu tempo nin para sumar!
-Nin case os precisaba, que a súa situación financeira coñézoa ben..., punto por punto!
-Estou seguro diso; e máis lle vou dicir, que se non fose porque ese Xerente seu, ese Testaferro, ou o que sexa, me deu a entender, daquela, daquela que empezaron coas casas, que me encargarían a madeira de encofrar e maila carpintería interior, todiña, eu non me houbese cargado, nin de plantilla nin de madeiras, que incluso cheguei a importar un tren de cepillado, nesa confianza. Vostedes, co seu si pero non, mañá si e pasado non, leváronme ao horto; ¡e despois diso, nin vendas nin verzas!
-Rancaño, non difame, que iso non foi asunto meu, que non me ocupo desas miudezas dos amoreamentos; coido que as nosas desestimacións serían por culpa dos prezos: outras ofertas, iso das leis do mercado...; ¡en definitiva, cousas do Xerente!
-Don Aurelio, non trate de confundirme, que ben sabe que non foi así, que en Churiztodo se fai polas súas consignas; coma os coroneis, desde a retagarda; ¡desde a Secretaría ou fóra dela! Teña presente que falo cos veciños da nosa Vila, e vívolle no mundo dos vivos. A súa especialidade é prevalerse do seu posto e dos seus coñecementos para afundirnos..., se non lles claudicamos, se non baixámo-la man!

-Rancaño, aquí, entre amigos, de ti por ti,veu para botarme vinagre na cea, ou para que lle arranxe esa situación tan..., deplorable?
-¡Maldita sexa! Despois de todo terá razón, que agora que a burra vai no po..., ¡xo burra xo!
Litis, coa flegma habitual, que era abonda, demasiada:
-Rancaño, modérese, que non está facendo méritos, ¡maldito cousa! Voullo dicir: ¿Sabe por que está libre, a tal momento, fóra do cárcere e falando aquí, comigo, neste hostal? A cousa élle simple: ¡Grazas a min, ao deostado Aurelio! Aínda fai pouco que foron consultar comigo, precisamente comigo, certos acredores seus, cos títulos de crédito en forma, e coas probas precisas para demostrar que vostede vén sobresendo, dunha maneira xeral, o pago corrente de todas, ou case todas as súas obrigas mercantís. Iso probaríano de sobra..., nas mans dun Avogado que non lle fose leal!
¿Que, como se queda? ¡Coa agravante de que nos últimos quince días vostede fixo constitucións dotais a favor da súa filla, de bens que lle son privativos, e por ende, afectos ás súas responsabilidades mercantís: concesións, traspaso de inmobles, sitos na Capital e/ou fóra dela... Todo iso, en vez de simular unha venda en efectivo, coa conseguinte minoración en Transmisións Patrimoniais... ¡Daquela vai vostede e cédeos, en pago de débedas non vencidas! Pero ollo ao caso: Aqueles débitos tiñan a agravante de que foran simulados e/ou incrementados de contía polo listiño do seu xenro, que lle aconsellou esa montaxe tan estúpida, maiormente a efectos da Facenda, atrasos fiscais, etcétera.
¿Que; despois de verse descuberto quere unha corda, ou prefire as augas do Miño? ¡Advírtolle que baixan frías...!
-¡Non son un animal..., nin tan mal cristián!
-¡Pois está como para aforcarse...! Pero, co xenro de ganchete, vostede non precisa un adival, que el mesmo lle tira do cánabo. ¿Quere máis agravantes? ¡Tamén as teño, cantidade, e todas perfectamente comprobadas, con documentos acreditativos, admisibles en xuízo! Como ve, tiña, tiña e teño, sedela dabondo como para rematalo en condicións, pero ao fin e ao cabo tamén me teño por veciño de Churiz, así que saín fiador seu..., aínda que medio traizoando aos meus clientes con tal fiúza; aos outros, que ata lles prometín que non deixarán de cobrar, ¡que se non é de vostede, pagareilles eu, eu mesmo, como amigo seu que son, a pesar das aparencias!
O Madeireiro, Rancaño, alasando, tal que un pito na boca do forno:

-¿Pero..., pero..., non será unha das súas? ¿Tantas fixemos...; o meu xenro, el tamén...?
-Tan certo como que hoxe fun á Misa...; ¡outro alzamento de bens!
-Don Aurelio, perdoe; é que me puxen tan cego con aquilo do seu Plan Urbano que a verdade...; ¡a verdade é que o tiña no meu concepto por debaixo dun atracador!
Neste intre, e para máis retrinco, o Litis deulle unhas palmadas pseudoafectuosas:
-Nada diso, caro amigo; o que pasa é que a súa Empresa son as madeiras, e a miña, unha Secretaría. Falando en prata: Se vostede ía gañar unha millonada tan só con que eu estirase o polgar para arriba, xusto era que gañase eu, niso, unha alferga, ¡que menos!, que eses favores nas recalificacións do chan teñen o seu aquel...; ¡e grazas que os Concelleiros adoitan ser curtos e miopes, feitos de encarga! Pero iso xa foi; agora déixese de teimas, que se quere que o quite do xurro..., terá que darme a propia man!
-¡Doulla, señor; a man, e canto me pida! -O anxo do Madeireiro coidou que Aurelio lle tendía a man fisicamente, pactista, reconciliador, pero aquela frase do Litis era das súas, abstracta, metafórica, así que Rancaño tivo que devolve-lo seu brazo á posición anterior, ao seu peto…, baleiro!
Aurelio, impertérrito, gozoso daqueles ridículos minorativos do seu próximo:
-Aquí hai dúas condicións, sinequanon: Unha, o meu beneficio industrial; e outra, que de hoxe en diante tenme que deixar na Capital, pero onde lle diga eu, que se alguén o ve achegarse ao meu bufete, naquel mesmo intre tiro de folio e..., aggRancaño! Unha vez á semana, digo, tódolos seus libros de Contabilidade. Vaia imaxinándose que está intervida, precisamente por min. Definitivamente intervida, que vostede, en por si, non poderá tomar decisións; nin decisións, nin pagos, nin compromisos que excedan..., poñamos que de mil pesos, sen consulta previa! ¿Estamos? ¿Lembrarase? Mire que tiro da sedela..., simplemente coa uña!
Rancaño, que non se tiña de pé naquel martirio, naquel purgatorio tan prolongado, calculado, demoledor, tatexou como puido, máis abatido cós toxos dun curral:
-Podo..., podo levarlle..., si..., eses libros..., a onde me diga, e cando mo diga, pero..., ¡ben ve o débil que estou! ¿Non quererá recollelos..., vostede..., ou alguén dos seus..., no serradoiro? ¡Mire que me fai un favor, outro!
Pero o Litis, gozoso de pisa-lo seu xigante, aquela peza ferida de morte, de morte cívica!

-¡En absoluto! Será na Capital, tal e como dixen. Ítem máis: Como chegue a ventar que ese xenro seu osma nestes asuntos, ¡ai daquela...! Ten as cousas gravísimas, monami, que o podo estrangular..., en vinte e catro horas!
-¡Doulle a miña palabra! –Prometeulle o Madeireiro, case que chorando.
-¿A súa palabra? -Aurelio, pola contra, mofándose da súa vítima, botou unha gargallada das súas, satánica. -¡Terá que darme algo máis, que ben sabe que o meu asesoramento é rendible! ¿Non está demostrado en como lle van as cousas aoSalmonte desde que cheguei eu, desde que o guío polos atallos?
-Iso é certo, que esa proba non se lle discute, pero vostede coñece a miña liquidez, ou por mellor dicir, a miña falta de liquidez! Estou na ruína máis absoluta, e calquera día pégome un tiro!
-Por iso, precisamente por iso, por esa eventualidade, decidín cobrarlle en especie. En especie, a tempo; ou máis ben, en labras. A miña paga ten que ser por adiantado; ¡onde non, non hai trato! Teño experiencia, contrastada, de cando o Plan, que vostede prometía pero non soltaba. Eu non lle son un carpinteiro dos seus, un homínido deses, que se conforman con cobrar a tres meses..., ¡coma unha letra! Iso se para entón non está no cárcere; ¡ou no mesmo inferno, dun tiro na sen!
O Madeireiro, na súa desesperación, alucinaba:
-Vostede é o peor carazo deste mundo, que xa naceu co corazón de xeo, e encima diso, aprendeu leis, coa picardía, coa habilidade necesaria para facer fraude delas, precisamente aquí no rural, onde todos nos temos por avogados! Falando de corazón, vaime paraliza-lo meu, así que, por Deus llo pido: dígamo todo, dunha vez..., xa que dunha vez terei que pagarlle!
Aurelio, sen inmutarse, todo friaxe, carouxo puro:
-Mire, a cousa é sinxela: con só esta escritura; ¡pero menos, tampouco!
O Rancaño, trabado, tatexando:
-¡Por Deus, non; iso non, que esa finca é a única que teño dispoñible!
-¡Pois por iso, precisamente por iso! ¿Igual se estaba facendo ilusións de manterme con pan balorento? Esta leira está do outro lado da estrada; ende, nin forma corpo coas naves da súa industria, nin a precisa para un suposto stockaxe da súa madeira...
-Don Aurelio, teña alma, como tododeus, que xa empezo a dubidar diso. Mire como é a cousa, que esa finca merqueina eu, que non é de herdanza, para facerlle unha casa á filla, se consigo saír desta!
-¿Saír desta? Escolla, pero como non vai saír da súa creba sen a miña axuda, daquela esa leira sóbralles; ¡a vostede, e tamén á filla!
Rancaño, cun pé na esperanza e co outro no mesmísimo inferno:

-Nese caso darame algún diñeiro, que esa finca representa, ben a gusto, un quince do meu patrimonio activo; ¡é demasiado para cobrarse en especie, unha simple minuta de asesoramento legal!
-Niso do quince por cen é no único que ten razón, que xa o teño calculado, pero é o que cobra un profesional da miña categoría, tanto aquí como na Coruña, por amañar, por legalizar, por canalizar unha creba fraudulenta! Como ve, conta redonda: ¡ou finca gratis datis, ou mortalla industrial, definitiva!
Rancaño botouse as man á cabeza, coma quen lles pon unha canterla ás zocas, para que non acabase de escachárselle en cen cachos:
-¡Deus me colla confesado, que disto a pactar co Patanexo, aí que se van! Accedo, señor, accedo, que outra non me queda; ¡e postos así, fágame ese papeliño, vostede mesmo!
-¿Como que papeliño? -Vacilou Aurelio, que entendera de sobra.
-¡Cal vai ser, o compromiso desa finca, en abonamento dos seus honorarios!
-¡Non, señor, de garantía, nada: cesión absoluta, definitiva! E será mañá, por ante Notario. Por certo: a cantidade que poñamos como prezo da transacción coincidirá exactamente cun pago que lle farei eu, bancaria, nominalmente, da parte máis atrasada dos impostos que vostede lle debe á Facenda Pública, co cal quedará evidenciado que atendín, eu mesmo, por conta súa, débedas de carácter preferente; ¡así dilúese o alzamento dos seus bens! Lembre que son o seu Avogado; ¡e por parte, dos de antes, deses que operan sen anestesia!
Rancaño, recalcitrante, presuntamente astuto, coa remota esperanza de obter unha mingua:
-¡Deus llo pague, que ben vexo que me vai dar algún diñeiro pola finca en cuestión, a maiores!
Pero o Litis apuntillouno con man firme, coa impasibilidade dun mozo de estoques:

-¡A vostede, en vez de Rancañete, vou chamarlle, Tacañete! Non se me durma nos loureiros, que xa quedamos en que as súas operacións, de hoxe en diante, están intervidas, por min, ao cento por cen, e só haberá pasta alí e onde eu dispoña. A contraprestación real do diñeiro que eu ingrese para vostede, na propia Delegación da Facenda, e se acaso un cinco por cen para gastos de Notaría, Rexistro, Transmisións da parcela, etcétera, tamén os pagarei eu, eu mesmo, pero á súa conta, e materializaranse nun cargamento de madeiras da serra, que o pasará, vostede mesmo, mañá mesmo, de madrugada, antes de que o vexan os seus veciños, ás obras de don Manuel. ¿Entendeu?
Desde aquí mesmo, de noite, iremos directos para cubica-la madeira, a que eu dispoña, a que eu marque...; mellor dito, marcará vostede, de propia man, que eu estarei tras súa, coa miña pistola, que é unha Parabéllum, de máis alcance e de máis precisión cá súa, por se lle dá a tentación de facer xirar algún taboleiro ao redor da miña cabeza. Alí mesmo chamarei ao noso Xerente para que dispoña dese cargamento,ipsofacto, previsoramente!
Na factura desta madeira, a nome do Manuel, por suposto, que tamén a faremos esta mesma noite, vostede ponlle unha data retrospectiva, cobrada en efectivo! Deste xeito quedará compensado o meu cheque, o nominativo, o dos impostos. ¿Queda notificado, monami? ¡Míreo ben..., se quere salvarse!
Rancaño, abafado, esgotado, estivo a punto de padecer unha lipotimia:
-¡Cantos disparates...! ¡Vaia chanchullo, vaia abuso, que miúda humillación! ¿A vostede pariuno unha muller; si, de verdade? ¡Xa o dubido!
Aurelio, facendo ademán de irse, anoxado, bufando coma unha cobra:
-¡Será mamón...! ¡Atéñase ás consecuencias, que as provocou vostede; si, vostede, pasmón! ¡E comigo, punto final...!
-¡Don Aurelio, por favor, que por favor llo pido, agarde, non me deixe así, non me abandone, e transixa cos meus lamentos..., xa que non teño outra escapatoria, outras liberdades! -Despois dun respiro, naquela sufocación: -Nos meus libros, na miña Contabilidade, ¿como dou saída á súa madeira sen poñe-la contrapartida: nin caixa, nin crédito, nin contado, nin pagos adiados...? ¡Vólveme tolo, que xa non estou para porfías!
Canto máis laiaba Rancaño, máis se ría Aurelio, con sarcasmo, co seu sarcasmo habitual, corrosivo, desintegrador, diabólico...; pantomimas ben ensaiadas, eficaces, minguantes do contrario, que lle proporcionaban, de presente, uns óptimos resultados crematísticos con aquela parroquia de vasalos miserables, irredentos. Púxolle unha man no ombreiro, e o Rancaño soportoulla, con noxo pero con resignación, tal que se saltase un sapo ás súas lapelas.
-Rancañete, o que naza vergoñoso e decente, ou queira presumir de honrado, ese tal que non se vaia de putas, pois as putas, putas son, e como tales, putean, fágano en Churiz ou en León! Vostede non ten nada diso, xa o sei, así que non se escandalice das miñas putadas, que no meu oficio sonlle emolumentos, lei de vida!

Vostede, hoxe por hoxe, dispón desa madeira, de toda a que me interesa, e dalgunha máis, tamén, sen pasala á Contabilidade, á real, que aquí teño os seus balances, en propia man! Por tanto, déixese de vergoñas e de indecencias, déixese de noviciados, que os seus problemas, e mesmo os seus vicios, son vulgares; ¡véñenlle de máis atrás, que a saber de onde lle veu esa fortuna...! ¿Sabe aquel refrán que di: nacín do po e irei ao po, de mal mantido?
O único que fago, que vostede, no meu caso, ídem de lenzo, é aproveitarme das trampas alleas, que a trapela non é un invento meu, ¡en absoluto! ¿Non se di que roubar a un ladrón..., cen anos de perdón? Por certo, antes de que se pegue ese tiro, faga o favor de asinar estes Balances, que me quedarei con eles en caución da súa palabra, que ao día de mañá virame con gaitas de se lle pagamos, ou se non lle pagamos, esa madeira, a desta noite... ¡Se non o entende, eu si!
Rancaño volve a tremer:
-¿Firma-los Balances? ¡Nunca tal me esixiron nos Bancos, e iso que son Bancos! Don Aurelio, por favor, por piedade, teña comigo un chisco de consideración!
-Estes balances, si; nos si que o esiximos, agora mesmo, ou..., creba fraudulenta! Non se equivoque comigo, que eu non lle son ese sopramocos do Xaquín, que ben sei que lle daba créditos sen as correspondentes caucións, de calquera maneira..., aínda que lle firmase nun papel de estraza!
-Agora que o nomea: Foi o propio Xaquín quen me dixo que vostede lle aconsellou subirme os límites, favor do que sospeitei tiña de cauda que eu fixese liquidez, abonda, para darlle, de contado, en negro, naquela ocasión, aquela mordida, canto me pediu, daquela do cambio de uso dos terreos, iso de pasalos a solares no seu Plan Xeral de Churiz...
-¿Aínda segue gozando con ese luxo das sospeitas? Señor Rancaño, isto de agora son lentellas: ¡coma na Lexión, deixalas ou papalas!
Rancaño chegara a tal punto de abatemento que incluso se lle esvaeu, desapareceulle da vista, aquela mesa, a que tiñan diante. Debruzouse nela, pero fisicamente, instintivamente, por inercia, para ancorala no chan:
-Xa que logo, na imperdible, páseme eses Balances, que estou perdendo a vista..., ¡antes de que me dea un testavao! O que lle pido é a súa palabra de que non fará mal uso deles, destes documentos, agora que..., agora que os converteu en falsidade mercantil, coa miña propia sinatura!
Aurelio apresurouse a garda-los papeis, aquelas probas indubidables, asinadas, forzadas, na propia carteira, na súa!

-Exacto; acaba de referendar as artimañas que lle trenzou ese xenro seu, ¡tan inútil como estúpido! Agora todo depende de vostede, que se marca o seu naipe, ¡como moito, ás vinte e catro horas, Xulgado ao canto!
O pobre Madeireiro, xa agónico, a punto de deñalas, insistiu, cavernoso:
-¿Don Aurelio, non me vai anticipar..., algo..., algo diso..., do que vaia facer para quitarme desta creba?
-Xa o verá, xa, vostede mesmo, desde que…, ¡desde que estea esa madeira nas obras do Manuel, e resoltos eses atrasos da Facenda, e escriturada esa finca, esa que simulará venderme..., etcétera! Vostede métase entre as sabas coa Ramona, e fedelle con ela canto queira, a pracer, mentres poda..., xa que non vale para fode-los clientes, que iso é o que se espera dun comerciante, dun mercantil que se prece de tal!
Dalgún sitio tirou folgos para seguir con aquela pugna:
-Precisamente, que por tranquilidade da miña señora...; por iso, por iso llo pido, que a pobre, desde que demos en perder diñeiro, precisa e directamente por culpa da súa negativa, da de vostedes, a servirse daquela madeira, para esa sociedade, falsa, instrumental, para esa pseudo-promotora... ¡Vaia, que a miña Ramona evapórase polos seus olliños!
Aurelio, impasible, pois, canto máis sofrente o vía máis lle apertaba aquela canga da tortura, da desesperación:
-¿Chora, eh, Boabdil merdento? ¡A que lle espera se non cumpre todas e cada unha das miñas instrucións! Rancaño, para empezar, con só que eu lle dea queixas ao Manuel, ao día seguinte aplicarémoslle, de plano, o Regulamento das Actividades Molestas e Insalubres, e poñerémoslle cen letreiros de prohibido aparcar diante da súa factoría, cun Garda anotando a tódolos veciños que lle compren unha táboa, e outras corenta mil vendetas que se me veñan á imaxinación, sexan oficiais ou particulares, coas que vostede preferirá fuxir ao quinto inferno, lonxe do seu Churiz, lonxe da súa Ramona, desfacendo un fogar e agravando as responsabilidades desa creba!
Rancaño estaba coa cabeza entre as mans, cos dedos feitos espiños, unha especie nazareno a punto de patatús; tanto, que Aurelio, por primeira vez na súa vida, retrocedeu, freou un tanto naquel asañamento, naquel martirio:
-Voulle falar da parte positiva, pero iso será se me acata estritamente, pois, neste caso, teña por certo que vostede e maila súa dona terán un retiro feliz; ¡como pouco, nun hotel de dúas estrelas! Isto que lle digo parece unha metáfora, pero xa verá que o cumpro; ¡palabra imperial, miña, que eu sonlle o segundo Aurelio, que eu si que creo na reencarnación, na dos grandes cerebros!

Aquelas verbas, aquela "palabra imperial", aquel albisque de novas esperanzas, déronlle a vida aoRancaño. Incorporouse, medianamente reconfortado:
-¿Si; de verdade? Daquela, irémonos, antes de que se arrepinta. ¿Que, que tal lle pareceu a cea?
-¿O que, a cea? ¡Bastante ben! O de menos é comer cando se ventilan outros intereses máis nutritivos, que vostede, neste arranxo, non só se libra da cadea senón que lle vai seguir botando pan ao caldo! ¡Xa llo dixen, se me quixo escoitar: Palabra aureliana!
Ese tipo de ¿palabra?, era un enigma para o Rancaño, mais..., ¡peor podía ser!
-¡Ímonos, logo; cando queira! Despois de todo, despois de canto me afrontou, do que me fixo sufrir, quédolle agradecido, que certamente viña mal predisposto, aínda peor, así que, na imperdible, agárrome á súa palabra!
Litis, con sorna, atorrante, bramando coma un boi:
-¿Coida que os hai peores; onde, onde están...?
-¡E se cadra, hainos! Mais, de ben pensado..., nesta terra, non!
Parecería natural que se anoxase o tal Aurelio, pero, en absoluto! Ao contrario, sentíase feliz no seu papel de anticristo.
Aurelio, á vez que se enfundaba o gabán, deulle novas instrucións, abusón coma sempre, demoníaco, imperativo:
-¡Outra cousa! Mañá mesmo, na Notaría, quérolle ver tódalas pólizas dos seus seguros, tódalas que teña, que desde que firmemos esa compra-venda heille botar unha ollada á letra miúda, que igual convén cambiar algo, antes de cerra-lo seu exercicio!
-Descoide, que as levarei. Canto queira, que de meu, o que é de meu, neste pauto só me queda a ánima, e para iso, escachizada!
-Rancaño, non se poña tremebundo, que vostede escolleu; ¡vostede mesmo, que sempre escolle o propio prexudicado, e despois, quéixanse!
-Escollín, si; escollín..., ¡pero foi entre o lume e mailo remol! Mire, como non estou para conducir, ¿quere levarme vostede, e mañá mando ao meu xenro a busca-lo noso, nos coches da Liña...?
Aurelio accedeu, pero fíxoo apearse de lonxe, á entrada da Vila, para non contaminarse, para que non os visen xuntos!
Ao outro día, en Lugo, con aqueles papeis dos seguros na man:

-Esta Póliza de incendios logo é máis axeitada para unha canteira que para un serradoiro. ¡Parece mentira en vostede, un laión, que só fala de infortunios!
-Pois levo así dez anos, ¡dez!, e nunca desgraza tiven, que procuro illa-los enchufes, os empalmes; ¡todo!
-¿Se chegase a haber un incendio, daquela, que?
-Nese caso..., ¡quedaríanme os terreos, eses solares, que a terra non arde, salvo que a queimen os diaños, que daquela pasaría a ser inferno!
-¡Xa! ¿Os diaños...? -Con sorna: -¡Non sei logo por que se desespera de que se lle afunde a industria! Mire, Rancañete, que tal nome merece, e míreo cos pés na terra: A esta Póliza hai que facerlle un Suplemento, urxente, dentro do pouco que queda deste ano, elevando a cantidade asegurada para que coincida, sequera sexa por aproximación, co valor real, total, desas naves, maquinaria, instalacións...; ¡e tamén cos seus valores de reposición! Por suposto que de toda clase de existencias, tanto de materias primas como produtos elaborados.
Voulle evita-la Creba, que niso estamos, pero o que é a Suspensión dos Pagos, tal e como están as cousas..., vai ser Necesaria! Poña atención, que esta é unha cuestión legal, e por ende confusa, obtusa, profusa e difusa..., para os leigos en cuestións xurídicas!
Sen esta ampliación da cobertura dos seus Seguros, os acredores, calquera deles, pode alegar, ¡alegarano, que menos!, unha neglixencia temeraria, que dese xeito, por imperativo legal, esta Suspensión dará en Creba. ¡Fraudulenta, con maiúsculas, que ese nome ten! Para que o entenda: ¡Cadeas, cárcere!
O rico/pobre, Rancaño, outra vez abatido, desesperado, impotente e incrédulo, coma un rato na rateira; e para máis pánico, con aquel felino axexante, paseándose ao seu redor; coas poutas enluvadas, iso si, pero disposto a murarlle as tripas.
-¡Meu Deus, desta..., punto final! ¡Ás veces, xa o di a miña Ramona, é mellor non saber nada, pero que nada de nada!

-¡Merde de home, cagueta, que tampouco é así! Aguante, Rancaño; aguante e tire do folgo, que aínda quedan traballos sen facer; ¡traballos persoais, intransferibles, indelegables, seus! De momento hai que ponderar outros factores circunstanciais: Vostede puxo ao persoal en contra súa; levantados, segundo os meus informes, tal e tanto, que incluso están a tal momento nesa folga dos brazos caídos. Como lles sobra razón, é máis que probable que algún deles lle provoque un incendio, un laparío total, vingativo. ¡Estatisticamente comprobado, que iso é o que pasa, sempre, ou polo menos, a miúdo, nos conflitos laborais dos madeireiros que se enconan!
Ao Industrial aínda lle quedaba un adarme de fe na humanidade:
-Os meus non farán tal cousa, que daquela, meus pobres! Daquela é cando non cobran un chavo dos seus atrasos...
-Estoulle dicindo que teñen a carraxe acumulada; ¡máis odio, máis carraxe, do que madeiras! Pero o caso é que eles teñen razón, todos, toda, que algo así lle estaba pasando a vostede; comigo, si, comigo, e non se alporice, que por regatearme unha simple comisión, un mero galano, daquela, si, daquela, vostede quedouse cos solares sen clasificar, sen clasificar e sen cualificar; ¡coma o seu dono, rústicos! ¡Vaia administrador e vaia dilapidación, cos talentos metidos na súa caixa, no peto, balorentos! Pois ben, nas súas circunstancias tense que ocupar desta Póliza, hoxe mesmo; eleva-la súa contía e perfecciona-las modalidades, que o risco de incendios, por caída de raio e/ou de tormenta, toda clase de meteoros, non pode seguir excluído, ¡nun serradoiro, nun serrradoiro, nun serrrradoiro...! ¿Entroulle nesa chola súa, de serraduras, de tendeiro obsoleto?
-Aurelio, non mo poña así, que lle teño un bo pararraios; tan alto e tan bo, que mesmo polo Santiago baixan as chispas, esas que van ao foxo do carbón; ¡e ningunha saltou aos talameiros!
Litis, no seu prebe, exultante, enigmático, ferinte:
-¡Que me vai dicir se xa reparei niso! Vostede explíquellelo, con esas verbas tan descritivas, á propia Compañía; ¡si, á Compañía, para que lle rebaixen as primas! Rancaño, vostede, a mais de torpe, é un mal administrador; todo o contrario do que debe ser un páterfamilias. Un inocente, ou por mellor dicilo, un cretino integral!
O Madeireiro tentou de argumentar, pero sen forza, xa en retirada:
-Ben fala, ben; tan ben o fai, que me está relando, pero faino con pólvora allea: Dígame, ¿con qué pago, eu, esas primas, esa elevación delas? Para o que queda de meu, así ardese todo; ¡eu coa madeira, por suposto, para rematar máis axiña con este impasse, con este calvario!
Aurelio coñouse por enésima vez, pero desta fíxoo a gargallada limpa; ou por mellor expresalo, sucia, acre, ferinte:
-¡Home de pouca fe: vostede abonará con madeira, coa que lle resta; con esa que non está rexistrada, aquí, neste Inventario, no reconto oficial! Por parte, en paralelo, falarei co Manuel, para convencelo de que lle paguemos nos, nos mesmos, eses Suplementos da Póliza.

Casualmente, con tantas casas en construción simultánea, andamos co efectivo algo taxado, mais a nosa diferenza con vostede estriba en que nos sobra crédito, de Banco en Banco, que nolo ofertan, día si e día tamén, porque o merecemos pola nosa solvencia, pola nosa previsión, mentres vostede queimaba as súas oportunidades, absolutamente todas, nesa pira dos desacertos, ou máis exactamente, das imprevisións!
Inda máis, unhas previsións baseadas, inxenuamente, torpemente, na palabra do Manuel, deses listeiros de don Manuel, que non tiñan poderes, e seguen sen telos, simples empregados dun rival seu, dun Alcalde- promotor, enconado con vostede, nada menos que por unha simple ameixa, por unha muller! Por iso, por algo, témoslle que cobra-los empréstitos en firme, de contado, coa propia madeira, que nós non estamos á recíproca!
Non hai labrego nesta bisbarra que non coñeza, que non coñeza e non practique, ese dito de que, ¡amiguiños, si, pero a vaca ten un prezo! Eu, no seu caso, queimaba o seu título de Bacharel..., que vostede desacredítaos!
Rancaño, psicoloxicamente minguado, ninguneado, feito cisco, nin sabía como argumentar, como soster, unha mínima defensa da súa dignidade escarnecida. Con poucos azos, pero intentouno:
-Haille unha gran diferenza, don Aurelio, que eu non son culpable; ¡en absoluto, de nada! De nada, en absoluto, que vostedes afundíronme miserablemente, torpedeando aquelas expectativas, tan lóxicas, dos meus abastecementos, das miñas previsións e das miñas provisións..., infundadas! Cousas que me insinuaran, subministres lóxicos téndome aquí, aquí mesmo, de par súa, con madeira de calidade, ben curada, e vostedes foron merca-la rin á Coruña, por prezos incluso superiores ás miñas ofertas, en puro dumping, de cabronada que se di, que burro serei, asnal de todo, pero o que é do meu mercado, algo entendo!
Que si, que ben o sei, e non me mire de esguello, con ese desprezo, que eu téñolle alma. A súa xente, esta do triunviro, maiormente aquel Encargado, aquel ao que lle conseguiron un contrato de Obras Públicas na Coruña, para alonxalo en vista de que aprendera demasiado ben o seu oficio, cando un, cando outro, xa digo, que todo se lles volvía dicirme que cun barco, o ou con dous, dese pino de Oregón, eu non ían ter nin para a primeira fase da súa Promotora, e despois das promesas, despois dos embarques..., se te vin, non me lembro! Teñen a lingua bífida, de dous falares, coma as serpes, tal cal!
Litis acendeu os ollos ao verse tan atinadamente descuberto e cualificado, mais para esas descargas do maligno aquel Madeireiro non tiña pararraios:

-¡Alto aí, Rancañete, e non volva ás recriminacións! Faga o seu mea culpa, e recoñeza, dunha por todas, que sempre tivo madeira de toda clase, en exceso; e do Oregón tamén, ¡agás de empresario! ¡Tirouse á auga sen saber nadar!
-Don Aurelio, non sei como o fai, que sempre me tapa a boca con absurdos, con sofismas, con verdades a medias... ¡Trágame terra!
-Mire, Rancañete, ou Racañete máis ben, déixese de lerios, que vostede, de presente, fai abondo con agarrarse a unha táboa podre, esa que vai polo río abaixo. ¡Estase apartando das súas asas!
-¡Oh, Deus, ter que tratar con vostede, mais na imperdible...! Pero volvamos ao presente, ao asunto deses cartos: Enténdese que lle van pagar á Aseguradora...; ¡non, que lle pago eu, en táboas, con outra partida de madeiras, ao seu través...! Daquela, ¿que fago co persoal, que niso levan razón, que nin traballan nin os podo botar? ¡Ai, Deus, qué vida, qué desagradecemento; e co ben que os tratei na miña prosperidade, que ata lles fun ás vodas, case sempre de padriño, con largacía, xenerosamente!
-Diso, de momento, non sei que dicirlle; teño que estudalo, que sempre analizo por partes, sempre, igual que en Gramática. Pero o máis urxente é unha xestión que lle vou facer no propio INP, para que traspapelen, por algún tempo, o expediente da súa morosidade. Mentres, nos imos arranxando outras cousas, tal que esa do persoal. De momento, media paga, para que sigan traballando, arreo!
O mellor con vostede vai ser unha opción de compra deses terreos, dos que lle restan, e que asumamos, nos, Mabel e mailo Manuel, as súas hipotecas. Daquela faremos un estudio selectivo deses operarios para afrouxa-la súa plantilla, tirando á rúa unha ducia deles, dos peores por suposto, para que escarmenten os outros, para que se maten a traballar..., co medo a verse no paro, ou camiño de Suíza!
Rancaño quixo ver naquelas verbas unha media promesa, un raio de luz:
-¿Entón, os excedentes, tódolos excedentes..., colleranos vostedes, na Construtora? ¡Por favor, si, fágano, que é de xustiza, xa que vostede non entende de caridades!
-¡Rancañete, non corra, non se faga ilusións precipitadas, que aínda o temos no mandilón do seu bautizo! Déixese de inxustizas, déixese de moral, que todo iso son conceptos infantís, abstractos, superados. Vostede logo parece unha monxa, pero, desvirgada! Aquí tratamos con materias primas, que tal son eses recursos humanos aos que me refiro; ¡outra clase de madeira, outra!

Volveremos ao tema central en mellor ocasión, sen présas, que ao de agora vou suar tinta para convence-lo Manuel de que se quede cos mellores, cos especialistas. Do resto, o máis probable é que lles axudemos para que se vaian fóra, por Europa arriba; ¡se renuncian aos seus atrasos, obviamente!
Recolla eses papeis, que por hoxe estivo ben; ¡do mellor! ¡Xa lle digo que eu sempre vou por partes! E daquela, ¡abur!, que teño que tratar cos meus socios para traducirlles iso da opción dos seus solares, esas leiras do serradoiro, que tantas molestias me causan!
Rancaño, que perdía vitalidade a razón dun ano por cada día de rechufla daquel Secretario dos seus secretos; en cada un daqueles experimentos tan humillantes, en cada sesión daquelas, ¿celebradas? con aquel ¿Asesor?, ¿Asesor financeiro-legal?, abatido, submiso naquelas xeremiadas letais, mal soportando aquel falcón da "palabra aureliana".
-¿Crebado, eu? ¡Ai, Deus, quen fun e quen son, agora, cunha creba ao lombo; eu, que fun máis rico, moitísimo máis, có propio Salmonte! Síntome tan avergoñado que só me apetece coller un fardel e irme ao monte, para non volver ao meu Churiz..., polo menos ata que vostede recompoña esta desfeita!
Aurelio, cebándose con saña, máis, aínda máis, con aquela pezoña de alacrán:
-¡Rancaño, iso é verdade, case que verdade, pero é unha verdade tardía, que vostede non tivo un secretario de péndolas! ¿Que lle custaba, daquela, cando arribei aoChuriz, poñerme en nómina, ou pasarme un sobre, mes a mes, a cambio da miña, digamos, amizade? ¡Hai que saberse rodear de colaboradores, de amigos idóneos situados en sitio idóneo no intre idóneo, que tal foi o caso de don Manuel!
-¡Será iso, será! É boa verdade que neste mundo dos negocios, dos obxectivos planificados...; en definitiva, das trampas, cando un morre, tiña que nacer!
-¿Vostede, señor apampado, cre na reencarnación, na segunda oportunidade? ¿Si? ¡Pois ándese con coidado, que se eu reencarno en aguia, vostede farao en asnal!
-¡Don Aurelio, por favor, non blasfeme, que niso de crer..., eu..., só en Deus!
O Litigueiro sulfurouse de novo, de mala maneira:
-¡É vostede o que ofende, lle repito; e non está en condicións!

-¡Xa calo, xa; mais non esqueza que por encima dun cacique sempre hai, sempre hai e sempre haberá, outro, outro cacique, así que non se asoberbie, e faga os posibles para abaixarse ó chan, que aí arriba, aí onde se dá de aguia..., ata aí non chega nin o Ministro da Gobernación, para canto máis...!
-¡Eh, oia, que eu non son ningún cacique; eu son..., un seguro servidor, pero iso si, dos amigos!
-¡Claro que non, que vai ser! Vostede úsaos, aos amigos, aos caciques, e faino de aluguer, ao servizo dos seus propios intereses; e por encima diso, coróaos de..., de cornamenta..., por se non tiña abonda ese Salmonte!
Aurelio riuse despectivamente naquela esgrima desigual, ciscándose na escuma do cabalo do orgullo do pobre Rancaño, do Bacharel Rancaño. Con catro artimañas, con aquel pánico que acertou a imbuírlle, tíñao freado, tarado, sen iniciativas; co bocado do traveso, sen deixarlle abri-la boca, con toda a facenda, con todo o seu patrimonio traspasado e/ou bloqueado. Para máis sufrimento, a cada intre craváballe aquelas esporas de alacrán, así que ao Madeiras só lle restaba encabritarse e rinchar, aínda que sen efectividade algunha, sen posibilidades de desmonta-lo seu xinete, un centauro por xinete, mesmo apocalíptico!
…
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES