Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (9): 'Invocación' (1)

viernes, 12 de junio de 2020
(17 de Nadal)
Segundo Navarro Tomás (2), a endecha, estrofa na que está escrito este poema, é unha composición de dó e mágoa en forma de romanciño e na que os versos son penta-, hexa-, ou heptasílabos, pero Quilis (3) en Métrica Española chámalle endecha cando os versos son de sete sílabas, e romanciño, se ten menos de sete, como é este o caso, nos que a Invocación A poesía de Avelino Díaz en Debezos (9): 'Invocación' (1)son versos hexasílabos que teñen rima asonante, concretamente son 96 versos que conforman un extenso poema e que no verso 34 rómpese a rima, posiblemente por un despiste do autor.

En todo caso, tería a condición de canto triste ou de lamento, moi apropiado para o poema, converténdose nunha clase de pranto ou elexía funeral típica do Medievo. Obsérvese como Avelino Díaz emprega a estrofa correcta porque a invocación está dirixida a Pero Pardo de Cela, home medieval, e referenciada á súa morte, polo tanto, un pranto onde o poeta se lamenta e se queixa do pasamento dun ser querido, neste caso, o Mariscal.

A RAG (Real Academia Galega) explícanos como "invocar" significa "pronunciar ou chamar solemnemente", suponse que a un ser sobrenatural, ou a divindades, persoas sagradas, etc, aos que se lles pide axuda ou protección, e esa invocación é iniciada desta maneira: "/¡Señor Pero Pardo/ de Cela!, guieiro/", o que nos guía para ensinarnos un camiño a todos os galegos; "/Señor das fazañas/... /Hoxe te lembramos,/ hoxe os bos galegos/ desfollamos roxas/ frores de relembros/". Que imaxe tan interesante!, refírome á de "flores roxas de relembros"; "flores", pola morte do Mariscal; "roxas" ou vermellas, polo sangue vertido, e de relembros, polo recordo dun Reino de Galicia, desaparecido canda el, un 17 de Nadal, aínda que hoxe Pardo de Guevara fala dun 3 de outono, sexa como fose, a cuestión data de hai máis de catro séculos, en que ti loitabas... "/contra-os extranxeiros/ ...castelás... /cando unhos traidores/ venderte quixeron/ por unhas moedas/" como nos explica Victoria Armesto, á que seguiremos a partir de agora (4).

O documento de Tavoy explica a conquista da Frouseira, (fortaleza de Pardo de Cela), como froito da traizón de 22 criados no 1483, feita por unha muller chamada Elvira, xa que, achándose ausente o Mariscal, entregáronlle a fortaleza A Mudarra, mandado polos RRCC para conquistar Galicia. Esta historia non convence á autora nin que nese documento de Tavoy se especifique o nome dos 22 criados traidores e o seu lugar de nacemento.

O único certo, segundo a autora, é que un grupo de fieis, entre os que estaba o seu fillo, fuxiron, e como Mudarra sitiaba a fortaleza, parece lóxico pensar que saíron por un pasadizo secreto. Unha vez fuxido, supón a autora, que entregaron a fortaleza os defensores a Mudarra, rompendo así a lenda dos criados traidores. Nada se sabe; sexa como fose, en decembro de 1483, o 17 de Nadal, como reza o título, Mudarra, despois de facerse dono da Frouseira, descubriu que Pardo de Cela estaba oculto no pobo de Castro de Ouro. O Mariscal é detido na casa de Fonsa Yáñez, muller que podería ser a súa amante, a súa ama de cría ou unha piadosa muller que lle ofertou refuxio.

Volvendo ao poema, o autor compara "(/os trinta diñeiros / que deron ós Xudas/ uns reises xudeos.../)" comparando aos reis Isabel e Fernando como se fosen xudeus, e chamándolles o que non quererían, por ser eles, reis católicos, aínda que non o fosen, pero é para aldraxalos, debido a que eles foron entre outros os que iniciaron o proceso e botaron aos xudeus fóra de España.

Continúa o poema...
"teu nome grorioso,
Mariscal d-aceiro,
levamos gardado
todos os galegos
con ardor infindo
no fondo dos peitos
ó longo dos anos
i-ó longo dos séculos".

É neste último verso no que desaparece a rima que é en asonante, debendo ser en (e-o) ou en (ie-o), pero rompe a rima en (e-u-o), se cadra para marcar unha situación máis álxida que aparece agora, ou ben por descoido.

"Dende que a Frouseira
teu rexo castelo
foron os sicarios
d-uns reis ladroeiros..."

Que é a Frouseira? A Frouseira é unha fortaleza na que vivía Pero Pardo de Cela, situada cerca de Alfoz de Castro de Ouro; levántase sobre dunha grande rocha nun monte que forma a converxencia das serra do Cadramón e Lebureiro.

O asalto á Frouseira, somente era posíbel polo noroeste, por onde se supón que xa antes entraran os irmandiños e, logo no 1483, Mudarra e as súas forzas.

"Dende que en cadeas
presto te puñeron
xunto con Bolaño
e o teu fillo neno..."

O Mariscal foi detido xunto ao seu fillo Pedro, de 22 anos; foron conducidos a Mondoñedo. Alí esperábanos os vicerreis Acuña e Chinchilla, é dicir, os vicerreis enviados e nomeados con ese cargo polos RRCC, o cal quere dicir, que Galicia era un reino, senón non cabe a posibilidade de nomear a vicerreis, sempre dispostos a executar a sentenza.

Da Frouseira, que os RRCC ordenaron derrubar, non queda nada, unicamente a rocha, vestixios dos muros e do foxo, unha pedra nobiliaria, unha lanza e unha cadea que hoxe se atopa no museo de Lugo, que ten por nome, 'A mariscala', á que parece ser que estivo preso o Mariscal.

"Dende que o verdugo
(que había de ser reio)
crebou no garrote
teu pescozo rexo
i-á tua fe, voando
co esprito pr-ó ceio,
inda nos berraba
""¡Credo! ¡Credo! ¡Credo""

Seguindo a Victoria Armesto, a que coida que arredor da morte do Mariscal xorden unha serie de lendas e a propia cabeza do Mariscal ponse a facer prodixios, saltando do taboado á praza e da praza ao atrio, e do atrio á capela maior, repetindo sen parar: "Credo, credo, credo", Victoria Armesto para demostrar a inexactitude desta lenda, di que o Sr. Villamil, un dos seus biógrafos corrixe que o Sr. Mariscal foi agarrotado como moi ben nos di Avelino, mais non lle cortaron a cabeza, según parece:

"Dende que ceibaron
sobor Mondañedo
as campás doídas
o seu son tristeiro
mesmo que se fora
pranto amargurento
polas libertades
do noso tarreo..."

A execución fíxose na praza da Catedral de Mondoñedo, nun taboado ao efecto, e as campás, entre elas a Paula, é de pensar que tocarían para o acto.

A súa esposa, Dona Sabela de Castro (5), que volvía a Mondoñedo dez días máis tarde cun indulto real, foi retida á entrada da cidade polos secuaces de Fadrique de Guzmán, bispo de Mondoñedo, inimigo mortal do Mariscal, e que parece ser que mandou entreter na chamada Ponte do Pasatempo a dona Sabela de Castro mentres se apuraba a execución do Mariscal na praza da Catedral.

"Dende que a tua dona
muller, nai, (no peito
un delor infindo,
na ialma un tormento)
ficou abraiada
xunt-o Pasatempo
por mor d-unhos frades
menistros do demo..."

Finaliza o poema:

"Dend-aqueles dias
...
Teu nome benzoado
Será o noso berro
de loita, a bandeira
que un dia ergueremos.
...
I-ó longo dos anos,
i-ó longo dos séculos
nos peitos de todos
terás un moimento
d-eterna lembranza
¡Mariscal galego!

Rematamos nós con outro poema de Leiras Pulpeiro, poeta de Mondoñedo, referida tamén ao Mariscal e correspondente á poesía "Xa comenza"

"...
Daquela que na chola lle bulía
ó nobre Mariscal Pardo de Cela,
da libertade mártir, cando vía
trunfantes os da forca e a coitela,
quedou moita semente
que vai pouquiño a pouco resurdindo
xa cuase ven abrindo
o día da xustiza en que han libralo
dos que solo o domiñan para sangralo".


NOTAS:
1.- Opera Cit. Paxs. 27-29.
2.- NAVARRO TOMÁS. T.-Métrica española.Ed. Labor. Barcelona 1995. Páxs 237, 239...
3.- QUILIS, Antonio.- Métrica Española. Ed. Alcalá. Madrid 1975, 3ª ed. Páx. 162
4.- ARMESTO, Victoria.- Galicia Feudal . Vol I. Galaxia. Páxs 444 e ss.
5.- Recollido en Internet de “Britonia” Ruta do Mariscal.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES