Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A bondade do demo

lunes, 08 de junio de 2020
Fase 3. Coa fase 3 xa case se pode dicir que chegou a liberación completa e total para a nosa terra. Pero tamén chegou o poñernos endemoñados. Aínda que xa hai tempo que estamos endemoñados cos madrileños. Non hai moito eran os chinos.

Agora son os madrileños. Os madrileños que, por se alguén non o sabe, son os nosos familiares e veciños. Porque todos, absolutamente todos temos a alguén por aquelas terras. Lembrades o detalle dos sanitarios; de cando se lle aplaudía ás oito da tarde pola súa excelente labor e, ó mesmo tempo, se lles poñía unha nota no portal na que serían crucificados se non se largaban do edificio? Lembrades a xenreira que se lle ten ós inmigrantes que proceden de África, os Balcáns e os países suramericanos? Nós, precisamente nós, un dos países máis emigrantes do mundo. E se non que llo pregunten a Arxentina, México, Venezuela, Suíza, Francia, Alemaña...

Sempre se dixo que esta pandemia estaba a descubrir os valores sociais da poboación, que somos un exemplo a seguir e que dálle que tumba. Pois si. Xa se ve; temos a bondade no corazón e o demo no cerebro. A bondade do demo.

Haberá madrileños que non cumpran coas normas, como houbo galegos que non as cumpriron desde o mesmo 14 de marzo. Quen máis quen menos non seguimos as normas ó pé da letra, e non por iso creo que merezamos que nos crucifiquen. Haberá madrileños, moitos madrileños que non se desprazarán ata Galicia, ou sexa, ata a súa casa mentres non existan para eles as condicións adecuadas. Por catro, dez ou vinte madrileños non podemos endemoñar a milleiros. Por un atentado terrorista, non podemos crucificar a todo Oriente Medio, agora, ou a todo o País Vasco, antes. Un servidor, e sempre que veñan en condicións, daralle a benvida a un madrileño porque será un familiar ou un veciño.

Fase 3. Coa fase 3 volve o fútbol! Por fin! Como o botaba de menos! Son dúas horas de paixón no bar; pola paixón do propio deporte e polo ardor do ambiente. Xa sabedes, todos somos adestradores e, tanto no fútbol como na política, sempre queremos levar a razón. E berramos. E alporizámonos. E rimos. E berramos. E berramos. E berramos. Que bonito!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania