Os poemas que intercambiamos no confinamento (III)
Sampedro, Pilar - lunes, 08 de junio de 2020
O confinamento é un tempo de emocións a flor de pel, por iso non é de estrañar que a xente se mirase e lembrara aqueles poemas que lles tocaron o alma nalgún momento. Ás veces a conmoción sucedía en parella, embargando aos dous.
Daquela escolleron Se envellecemos xuntos de Xulio López Valcárcel.
Se subo ata o teu berce
e me remonto polo anos
son neno contigo en celestes
mañás de balanzos e sinos,
préndome ao voo da túa saia
e esperto ao amor
nun mencer cheo de alas.
Mais, se envellecemos xuntos,
se desandamos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
inorde como un barco.
Se envellecemos xuntos
e desfago a madeixa dos meus días
ao teu lado
fareime confidente
do teu camiños en pegadas
do teu canto e do teu ánimo.
Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en balde.
Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei o repenicar da chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz
esmorecerse en calma.
Bastarame para entendelo todo
o ollar confidente desa túa luz sen ansia.
Dende sempre pensaran en envellecer xuntos, en ir sumando canas e engurras un fronte á outra, de seguir mirándose mentres cambiaban, de permanecer unidos mentres duraba a vida.
Non porque o dixera o crego naquel día afastado, non porque tocaba por contrato, non; tratábase de permanecer xuntos porque do que tiñan pena era de ter perdido a infancia do outro e da outra, de non estar xuntos dende o principio da orixe.
Pensaron tamén na posibilidade de perderse, de que algún deles puidera irse a ese lugar do que non se volve
Daquela, escolleron o poema de Bernardino Graña que emociona tanto como achegarse á illa de San Simón e descubrir a beleza orixinaria.
Cando a escoitas como canción ou cando o les como poema, os que non están namorados queren estalo; funciona como un quen non teña parella que a escolla, vai comezar o baile
Como hei vivir mañá sen a luz túa?
Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soupo dar mornura.
Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.
Como hei vivir mañá sen a luz túa?
Erguinme e vinte ó regresar á terra
como se fora todo aquelo un soño
pesado e ti xa foras sempre miña.
Foi outra vez materno en aloumiño
o bico teu na lingua.
E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura.
Como hei vivir mañá sen a luz túa?
Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol extraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.
Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora