Día mundial do Medio Ambientte
Xunta de Galicia - viernes, 05 de junio de 2020
Hoxe, 5 de xuño, celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente, como cada ano desde 1973.
As Nacións Unidas escolleron esta data en conmemoración da Conferencia de Estocolmo, iniciada o 5 de xuño de 1972 como a primeira gran conferencia a nivel internacional sobre cuestións ambientais e que marcou un punto de inflexión na política mundial. Polo tanto, este día é o vehículo principal das Nacións Unidas para promover a sensibilización e a adopción de medidas para a protección do medio ambiente.
E, neste ano 2020, as Nacións Unidas invítannos a actuar pola natureza. As persoas estamos conectadas ineludiblemente co medio ambiente, necesitamos os recursos naturais e viviremos as repercusións das nosas accións sobre o medio ambiente.
Este ano 2020 demostrounos máis que nunca a fraxilidade da vida e a repercusión global das accións individuais. Debemos asumir, polo ben de todos e polo noso futuro, unhas condutas máis respectuosas co medio e que garantan un desenvolvemento sustentable. É hora de actuar para non poñer en perigo a biodiversidade natural nin os recursos do planeta. É hora de comprometernos #PorLaNaturaleza.É imprescindible loitar contra o quecemento global, mellorar a xestión dos residuos e reducir o consumo dos nosos recursos por nós e polos que están por vir, evitando os impactos negativos das nosas accións tanto no planeta como, polo tanto, no sistema socioeconómico.
Necesitamos a implicación da sociedade, das administracións e do tecido empresarial para conseguir os obxectivos marcados e facer de Galicia un exemplo de sustentabilidade e de uso eficiente dos seus recursos.
Estamos xa nun cambio de modelo que non pode deixar a ninguén atrás. Un cambio de modelo no que a sensibilización, a formación e a educación son fundamentais de cara a construír a base desta nova sociedade máis consciente. E, en síntese, garantir que as xeracións futuras poidan recibir e gozar dunha Galicia verde e azul, mellor incluso que a actual.
(Declaración oficial da Xunta de Galicia diante do Día Mundial do Medio Ambiente)

Xunta de Galicia
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora