Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (8): 'A Loita'(1)

viernes, 05 de junio de 2020
Principia 'A Loita' cunha cita de Ramón Cabanillas do poema "En pé" que o poeta lle dedica a Luís Porteiro, formando parte do libro Da terra asoballada (2).
A poesía de Avelino Díaz en Debezos (8): 'A Loita'(1)
"Validos e treidores,
a noita da Frouseira
a patria escravizaron
uns reises de Castela..."

Todo o poema é unha alegación e argumentación dos nosos males seguindo a cita de Cabanillas. Comeza o poema "Ollade á Nai Galicia/ d-extraños aldraxada/; este "extraños" e "lobiáns centraes", están referidos a Castela e aos casteláns que nos puxeron cadeas "validos de Traidores"; referidos á conquista dos RRCC (Reis Católicos) e a aqueles criados traidores que segundo a lenda, entregaron A Frouseira de Pardo de Cela aos estranxeiros casteláns. Hai que darse conta de que Galicia era un Reino independente.

Avelino Díaz está recordando ao longo do poema os males de Galicia referidos aos Séculos Escuros, que desde a conquista dos RRCC (Reis Católicos) sufriu Galicia, "qu-en noite malfadada/ lle puñeron cadeas/ validos de treidores/... /Ela ficou sin nada/ que todo lle roubaron/.../a noite de Frouseira/" e por iso, "/Leva riba das costas/ o xugo de Castela/"; é dicir, a doma e castración do reino de Galicia referida por Castelao como orixinaria de Zurita e por ende a lingua galega queda prohibida na administración, nos tribunais, no ensino e na igrexa, evitando que os galegos puidésemos rezar na nosa propia lingua.

O salvador desta desgraza sería o Mariscal Pardo de Cela, porque..."/ desque n-un mouro día/ morreu Pardo de Cela/ e uns malvados homes/ á Patria escravizaron/"... Efectivamente, a partir desa data histórica do 1483, da que falaremos no seguinte poema, comezan os Séculos Escuros que supoñen unha regresión de 400 anos para Galicia a todos os niveis, incluso para administrar xustiza, ou para nomear bispos; non podían ser galegos. Imaxinádevos qué ocorrería co noso idioma, e é desde este momento en que comezan a tratarnos mal aos galegos fóra de Galicia, por ser estranxeiros, e dentro dela, polos estranxeiros que viñeron ocupar os cargos administrativos, relixiosos, etc., teima que segue ata hoxe, pois esa fama negativa que nos botaron enriba de nós desde a noite da Frouseira, tal e como nos di Avelino Díaz, nacionalista convencido, que lle bota todos os males aos RRCC (Reis Católicos), que de católicos tiñan ben pouco ou case que nada.

Remata o poema chamando a todos os galegos, porque...
"Galicia é nai de todos,
temos que defendel-a.
Pol-a súa libertade,
no chan e máis na serra,
fagamos ós tiranos
xorda e contina guerra
¡que nos botaron grillóns,
"uns reises de Castela""


O poema está composto por catro décimas, chamadas tamén espinelas, por ser Vicente Espinel quen presentou a estrofa en varias composicións no libro Diversas rimas en 1591, e consta de dúas redondillas enlazadas por versos intermedios: abba (redondilla): ac:(versos intermedios) cddc (redondilla) (3). Hai varios tipos de décima, décima aguda, décima á A poesía de Avelino Díaz en Debezos (8): 'A Loita'(1)francesa, décima de pé quebrado e décima hendecasílaba, pero Avelino Díaz, segue outro tipo de décima que pensamos que foi creada por el mesmo e que ten esta rima:
-a -b -a -a -b

Nas tres primeiras estrofas con rima consonante, mais a última décima é totalmente distinta, rima en asonante, da seguinte maneira: -a -a -a -a -a . Vemos logo, como o autor inventa un novo tipo de décima, que eu propoño chamarlle décima aveliniana, na que as primeiras décimas teñen unha rima e a última outra distinta debido a que o autor pretende darlle moita máis importancia á última, neste caso, invitándonos a defender a Galicia e a loitar contra os tiranos desde que os RRCC (Reis Católicos) nos puxeron grillóns.

En todas as décimas hai unha primeira parte que serve para a exposición do tema, e na segunda, complétase o pensamento. Avelino é un home culto e sabe perfectamente que a décima é a estrofa propia para as queixas, tal e como nos di Lope de Vega no Arte nuevo de hacer comedias e por iso, a emprega maxistralmente, dándolle un selo aveliniano á rima e á composición final, queixándose da situación de Galicia por parte dos casteláns, ao seren os que a oprimiron, mediatizaron e aldraxaron; sen ningunha dúbida continúa ata hoxe e aínda seguirá, esperemos que non moito máis tempo. Son 400 anos de aldraxe con outros máis e que aínda non hai moito o termo "galego" no dicionario da RAE (Real Academia Española) tiña connotacións negativas e pexorativas.

NOTAS:
1.- Op. Cit. Páx. 25.
2.- CABANILLAS, Ramón.- Da terra asoballada.Akal Editor. Madrid 1976. Páx. 45.
3.- NAVARRO TOMÁS. T.-Métrica española.Ed. Labor. Barcelona 1995. Páxs. 67, 76...
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES